Santa María de Lira é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Carnota. Segundo o IGE en 2011 tiña 952 habitantes (478 homes e 474 mulleres), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.115 habitantes.

Xeografía Está situada entre Lariño e Carnota. Lira posúe numerosas praias, como a praia de Mar de Lira (bandeira azul), ou as de Ximprón, A Gavota, Susiños e Ardileiro.

A actividade económica baséase no sector primario, sobre todo marisqueo e pesca, sendo moi famosos os ourizos da pedra mariña. Hai un porto pesqueiro no lugar de Portocubelo, podendo atopar no seu peirao muxos, maragotas e santiaguiños.

Nos últimos anos, dende o afundimento do petroleiro Prestige vense a desenvolver unha importante actividade arredor da protección e explotación dos recursos mariños da parroquia. Creouse a Reserva Mariña dos Miñarzos, co fin de evitar a deterioración da costa e a sobreexplotación pesqueira a que estaba sometida. As medidas tomadas foron a delimitación da zona de protección integral para mellorar a desova dos crustáceos, e a protección dos fondos rochosos e areentos, ademais dos mantos de laminarias, outras algas e esponxas para que os peixes, equinodermos, crustáceos e moluscos se desenvolvan e reproduzan na reserva.

Patrimonio O castro de Mallou é unha acrópole fortificada da idade de ferro. O castro de Miñarzos está na actual vila de Lira, polo que está moi alterado. A Torre dos Mouros foi un recinto fortificado medieval. En xullo de 2012 levouse a cabo unha escavación arqueolóxica.Torre dos Mouros. O hórreo de Lira, construído entre 1779 e 1814, é xunto co hórreo de Carnota o máis longo de Galicia. A igrexa parroquial, construída en 1760 e remodelada en 1825, destaca pola súa grande torre campanario que destaca sobre o resto da estrutura. A capela da Nosa Señora dos Remedios foi construída en 1706.

Cultura Creouse a iniciativa Mardelira por parte da Confraría de Pescadores de Lira para dinamizar o contorno social da comunidade pescadora coa creación de talleres de pesca, o turismo mariñeiro, a pesca deportiva sostible.

Festas Remedios Novos: Martes de Pascua. Remedios Vellos: O sétimo martes posterior ao Martes de Pascua. Festa do Mar: 15 de agosto.

Galería de imaxes

Notas

Lugares e parroquias Lugares de Lira

Parroquias de Carnota

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Carnota

Ligazóns externas Mardelira, proxecto educativo da Confraría de Pescadores de Lira

Categoría:Parroquias de Carnota Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María