Mercury-Atlas 7 ou MA-7, e tamén coñecida como Aurora 7 polo nome da cápsula, foi a segunda misión orbital tripulada do proxecto Mercury co astronauta Scott Carpenter a bordo. O piloto orixinal para esta misión era Donald K. Slayton, pero foi substituído por Carpenter tras detectárselle unha anomalía no ritmo cardíaco durante unha revisión médica.

Desenvolvemento da misión

Os obxectivos de MA-7 foron similares ós da MA-6: avaliar o rendemento do sistema home-nave nunha misión cunha duración de tres órbitas, estudar os efectos do voo espacial no astronauta e obter as impresións do astronauta sobre o funcionamento da nave e dos sistemas de soporte vital.

O lanzamento da misión estaba planeado para principios de maio, pero foi posposta tres veces tras detectar varias anomalías e facer cambios na cápsula. Durante o voo o único incidente serio foi o fallo dos circuítos do sensor de horizonte que proporcionaba datos ós xiroscopios de actitude da cápsula. Houbo preocupación tamén polo excesivo consumo de propelente polo frecuente uso dos propulsores e pola activación sen querer de dous sistemas de control ó mesmo tempo, o cal foi resolto deixando que a nave vagase á deriva durante 77 minutos.

A bordo da cápsula había dous experimentos: un globo que se inflou para medir o arrastre da atmosfera á altura da órbita e proporcionar datos mediante a visibilidade do globo desde terra, e un experimento para estudar o comportamento dos líquidos en microgravedade. A observación feita por Glenn durante a MA-6 sobre que vira vagalumes (partículas brillantes arredor da nave) ó entrar na parte da órbita iluminada polo Sol, foi feita tamén por Carpenter, que resolveu o misterio descubrindo que era xeo proveniente do sistema de control a reacción.

Aurora 7 orbitou a unha altura duns 267 km e reentrou tras tres órbitas, caendo no océano Atlántico, a 200 km ó nordeste de Porto Rico e a uns 400 km máis lonxe do punto inicial de amaraxe. O erro tivo lugar debido a un apuntado incorrecto dos retrofoguetes no momento do acendido para a reentrada. Carpenter foi avistado ós 39 minutos despois da amaraxe por parte dun avión de rexoñecemente e foi recollidos 2 horas e 59 minutos despois da amaraxe por un helicóptero do portaavións USS Intrepid. A cápsula foi recuperada seis horas máis tarde.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Proxecto Mercury Mercury-Redstone 3 Mercury-Redstone 4 Mercury-Atlas 6 Mercury-Atlas 8 Mercury-Atlas 9

Categoría:Proxecto Mercury