Camilo Liz Salgado, nado en Ourense o 17 de marzo de 1913 e finado en Cádiz o 13 de agosto de 2009, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de extremo esquerdo.

Traxectoria Como xogador Comezou a xogar no Burgas da súa cidade natal e con apenas 13 xa viaxou co Celta de Vigo a un amigábel en Porto ante o Belenenses, dende aquela xogaría moitos encontros co equipo céltico en calidade de préstamo.

Co gran potencial que tiña foi fichado polo Atlético de Madrid, de onde marchou cedido a CD Málaga e Celta de Vigo, porén o golpe de estado do exército contra o goberno da República e o comezo da guerra civil cortou a súa progresión.

Coa reanudación das competicións oficiais na tempada 1939/40 fichou polo Club Deportivo Mirandilla de Cádiz, posteriormente este club pasaría a chamarse Cádiz CF, sendo Camilo Liz o autor do primeiro tanto do novo club, ante o Sevilla FC.

Ao ano seguinte fichou polo Granada CF onde xogou ata 1942, nese tempo acadou o ascenso a Primeira División e debuta na máxima categoría cun moi bo papel, o que fai que sexa convocado coa Selección española de fútbol para xogar ante Alemaña, Italia e Francia, porén unha enfermidade de última hora fai que non poida acudir.

Ao final desa tempada ficha polo Sporting de Gijón, onde xoga catro tempadas e co que tamén acada o ascenso á máxima categoría. No Sporting logrou a cifra de 9 goles directos de corner.

O 10 de outubro de 1946 fichou de novo polo Cádiz CF, por aquel entón en Terceira División. Ao final desa tempada a causa da enfermidade de seu pai rescinde o contrato e regresa a Galiza, dende aquela so volvería xogar a fútbol en encontros de amigábeis.

Como adestrador e directivo Unha vez retirado desenvolveu o labor de adestrador polos bancos de Cádiz CF, Balompédica Linense, Algeciras CF, Racing Club Portuense, Recreativo de Huelva, Cacereño, Xerez CD, CD Lugo, Atlético Tetuán e AD Ceuta.

Dirixiu tanto en Segunda como en Terceira ou Segunda División B como ao CD Lugo, levándoo á fase de ascenso a Segunda na tempada 1962/63.

Na súa etapa no Tetuán foi proposto como adestrador da Selección de fútbol de Marrocos pero tivo que renuncias a causa dunha enfermidade que o obrigou a regresar á España.

Nos anos posteriores desenvolveu o seu labor de xerente e secretario técnico. Estivo no Castellón 14 anos, nos que alternou ese traballo co banco do club en varias ocasións. Na tempada 1980/81 volveu ao Cádiz de maneira provisional, dándose a casualidade de que ambos equipos acadaron o ascenso a Primeira División. Porén Camilo desvinculouse do Castellón e fichou definitivamente polo Cádiz CF. No club gaditano sempre se lle recordará por ser a persoa que fichou a Jorge González Barillas, Mágico González.

Posteriormente tamén dirixiu o Xerez CD.

Notas

Categoría:Nados en 1913 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do CD Málaga Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Lugo Sporting Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Cádiz CF Categoría:Adestradores do CD Castellón Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores da Real Balompédica Linense Categoría:Adestradores do Recreativo de Huelva Categoría:Adestradores do Xerez CD Categoría:Adestradores do Atlético Tetuán Categoría:Adestradores da AD Ceuta