miniatura|upright|O cocolitóforo Gephyrocapsa oceanica é un membro de Hacrobia. Os hacrobios ou Hacrobia é un grupo de organismos que agrupa ás haptófitas e ás criptomónadas (ou criptófitas), que se considera monofilético. Os Hacrobia formaban parte de Chromalveolata. Os Hacrobia non están incluídos no supergrupo SAR. Para denominar ao grupo formado polas haptófitas e as criptomónadas propuxéronse varios nomes, o máis usado é Hacrobia (derivado de "ha-" que se refire ás haptófitas, "-cr-" que se refire ás criptomónadas, e "-bia" que significa vida); outra denominación é CCTH (das iniciais de Cryptophyta, Centrohelida, Telonemia e Haptophyta); e outro é "Eukaryomonadae".

Aínda que o grupo se presentou como monofilético, actualmente (ano 2012), non está claro se o grupo é realmente monofilético ou non, e os resultados dos estudos filoxenéticos "dependen a miúdo da selección dos taxons e do conxunto de datos de xenes" estudados. Dous estudos do ano 2012 deron lugar a resultados opostos.

Compoñentes do grupo

No pasado, as heterocontas, haptófitas, e criptomónadas (ou Cryptophyta) foron nalgunhas clasificacións agrupadas xuntas no grupo das cromistas. Aínda que despois as heterocontas foron separadas, as Cryptophyta e Haptophyta considéranse nalgúns estudos como moi emparentadas (e ás veces faise referencia a elas simplemente como o grupo "Cryptophyta+Haptophyta"). En 2009 unha publicación suxeriu que Telonemia e os centrohélidos poderían formar un clado coas criptófitas e as haptófitas. As picobilifitas poden pertencer a este grupo, pero como son aínda pouco coñecidas non se pode ter a seguridade.

Como dixemos, en 2012 non está claro que Hacrobia sexa realmente un grupo monofilético . Varios estudos recentes tiraron a conclusión que Haptophyta e Cryptophyta non forman un grupo monofilético. Haptophyta é un grupo irmán do supergrupo SAR, e Cryptophyta agrúpase con Archaeplastida (plantas en senso amplo).

Notas

Véxase tamén Outros artigos Halvaria Supergrupo SAR Chromalveolata Megagrupo plantas+HC+SAR

Ligazóns externas Tree of Life: Hacrobia

Categoría:Hacrobios