Salvador Sevilla López, coñecido como Salva Sevilla, nado o 18 de marzo de 1984 en Berja (Almería), é un exfutbolista español, que xogaba de centrocampista. Desenvolveu a súa carreira principalmente entre a Primeira e a Segunda División, sumando entre ambas 426 partidos e 56 goles. Vestiu as camisetas de varios clubs, entre eles o Mallorca ou o Betis, e conseguiu sete ascensos de categoría ao longo da súa carreira, tres deles co equipo balear.
Traxectoria
Comezos Formouse como futbolista na canteira do desaparecido Poli Ejido, no que tamén xogou seu irmán José Antonio, e debutou co primeiro equipo na Segunda División na tempada 2003/04, da man do adestrador Quique Setién. Foi nun partido da Copa do Rei ante o Lanzarote no que marcou dous goles, aínda que o seu equipo acabou perdendo 4-2. Despois de disputar 11 partidos esa tempada, para a seguinte saíu cedido ao Atlético de Madrid C, da Terceira División (xogou tamén un partido co Atlético B en Segunda B).
Sevilla Atlético Entre 2005 e 2008 xogou no Sevilla Atlético, co que conseguiu na tempada 2006/07 o primeiro ascenso da súa carreira, conseguindo subir á Segunda División na promoción despois de eliminar ao Universidad de Las Palmas en semifinais e ao Burgos na final. Xogou un total de 88 partidos oficiais co filial sevillista, marcando 11 goles.
Salamanca Nas tempadas 2008/09 e 2009/10 militou no Salamanca, sendo un dos xogadores máis destacados e un fixo nas aliñacións iniciais do equipo salmantino, co que sumou un total de 77 partidos e 20 goles. Na súa segunda campaña foi o máximo goleador do equipo, a pesar de xogar como centrocampista e non como dianteiro.
Betis En xullo de 2010 fichou polo Betis, tamén de Segunda División, que tivo que pagar 200.000 euros ao Córdoba, co que o xogador xa se comprometera. Na súa primeira campaña foi un dos xogadores máis utilizados polo adestrador Pepe Mel, disputando un total de 39 partidos dunha tempada que concluíu co Betis como campión e co ascenso directo a Primeira. Na tempada 2012/13 o equipo de Mel rematou sétimo e na seguinte campaña competiu na Europa League. Salva Sevilla marcou un dos goles do seu equipo no histórico derbi sevillano disputado nos oitavos de final da competición europea. Deixou o Benito Villamarín en 2014, despois de catro tempadas, 118 partidos e 12 goles.
Espanyol A continuación fichou polo Espanyol, no que militou durante tres anos, todos na máxima categoría. Foi o autor do primeiro gol da liga na tempada 2015/16, nun partido contra o Getafe no que superou de falta directa ao gardameta Vicente Guaita, sendo este o seu único tanto coa camiseta do equipo catalán. As lesións e as suplencias marcaron o seu infrutuoso paso polo club perico.
Mallorca En 2017 baixou dúas categorías para xogar co Mallorca na Segunda División B. Titular indiscutible no equipo de Vicente Moreno durante os seguintes anos, logrou dous ascensos consecutivos e volveu xogar na Primeira División na tempada 2019/20. Aínda que o equipo balear descendeu ao remate desa campaña, conseguiu un novo ascenso na 2020/21, con Luis García como adestrador, sendo protagonista no partido de volta da final da promoción de ascenso, ao anotar un dos tres goles cos que o seu equipo remontou a eliminatoria ante o Deportivo da Coruña. Deixou o equipo en 2022, cun balance de 186 partidos, 25 goles e 21 asistencias.
Alavés Na tempada 2022/23 xogou co Alavés en Segunda, poñéndose de novo ás ordes de Luis García, e logrou un novo ascenso. Foi unha das pezas fundamentais do equipo, contribuíndo cun total de 42 partidos e 4 goles.
Deportivo da Coruña No verán de 2023, con 39 anos de idade, fichou como novo xogador do Deportivo da Coruña, na Primeira Federación. Despois dunhas semanas recuperando a forma física, debutou co club na quinta xornada de liga e acabou facéndose coa titularidade pouco despois. O seu protagonismo caeu drasticamente na segunda volta, na que o adestrador Idiakez apenas lle deu minutos.
Con todo, o equipo proclamouse campión e conseguiu o ascenso á Segunda División, sendo este o sétimo ascenso na carreira de Salva Sevilla. O xogador contribuíu cun total de 21 partidos, 15 deles como titular, e un gol. Ademais, co seu derradeiro encontro ante o Castellón converteuse no terceiro futbolista de máis idade en xogar co Deportivo da Coruña, con 40 anos, 2 meses e 7 días, sendo superado só por Donato e Manuel Pablo. Foi tamén o seu último partido como futbolista, retirándose ao final da tempada.
Trala retirada En xullo de 2025 anunciouse a súa contratación polo Almería, co cargo de team manager, tendo como obxectivo servir como nexo entre a directiva e os xogadores.
Palmarés Sevilla Atlético Segunda División B (1): 2006/07.
Betis Segunda División (1): 2010/11.
Mallorca Segunda División B (1): 2017/18.
Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en futbolme.com
Categoría:Nados en 1984 Categoría:Nados na provincia de Almería Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Polideportivo Ejido Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid C Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Sevilla Atlético Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña