José Antonio Pérez Alvite, coñecido simplemente como Alvite, nado o 15 de decembro de 1962 en Negreira, é un ex futbolista galego. Histórico defensa do Lugo, é o xogador con máis partidos na historia do club (447), no que militou durante 13 tempadas entre 1986 e 1999. Capitán durante unha década, en 1992 marcou de cabeza o gol que supuxo o primeiro ascenso á Segunda División da historia do club.
Traxectoria
Comezos Comezou a súa carreira na SD Negreira, da súa vila natal, xogando dende os 16 anos no seu equipo xuvenil. Pouco despois xa xogaba co primeiro equipo na Liga da Costa, e con 18 anos foi fichado polo Flavia, da Terceira División, onde xogou durante dous anos e onde tivo como adestrador a Xulio Díaz.
Destinado a Jaca para realizar o servizo militar, xogou mentres no Jacetano, durante a tempada 1983/84, equipo co que chegou a disputar un partido da Copa do Rei ante o Osasuna, da Primeira División. De regreso en Galicia xogou no Noia, e tras aprobar as oposicións a garda forestal e recibir unha praza na Estrada, fichou polo Boiro en 1985. Militou durante unha campaña no equipo de Barbanza, e en 1986 foi traspasado ao Lugo por un millón de pesetas.
Lugo Debutou co Lugo en partido oficial o 7 de setembro de 1986, nun encontro da Segunda División B ante o Mallorca Atlético. Titular durante toda a campaña ás ordes do adestrador Segura, sumou 41 partidos e 3 goles, o primeiro deles marcado no campo do Sangoñedo de Chantada, nun partido de Copa ante o Gran Peña. O seu primeiro gol en liga chegou no Estadio do Miño, contra o Ourense. Mantivo a titularidade na inmensa maioría de partidos da seguinte década e cos diferentes adestradores que pasaron polo banco do club durante ese tempo.
En 1989 converteuse no capitán do equipo, sucedendo a Gonzalo Edrosa, que levou o brazalete brevemente trala marcha de Carlos Mouriz. Na tempada 1991/92, con Xulio Díaz no banco, o equipo rematou segundo por detrás do Salamanca, clasificándose para a promoción de ascenso por segundo ano consecutivo. Titular nos seis encontros da fase de ascenso, Alvite marcou un gol en cada un dos dous últimos partidos ante o Sant Andreu, incluído o gol na vitoria no derradeiro e decisivo partido, co que o Lugo conseguiu ascender á Segunda División por primeira vez na súa historia.
Na tempada 1992/93 debutou na categoría de prata, na terceira xornada ante o Eibar. Disputou 29 partidos durante esa campaña, na que o equipo lucense acabou descendendo de novo a Segunda B. Continuou capitaneando o Lugo na categoría de bronce durante seis anos máis, acadando os 447 partidos oficiais, máis que ningún outro xogador da historia do club.
Trala retirada Despois de colgar as botas traballou na súa profesión de garda forestal. En 2015 regresou ao Lugo como delegado, función que realizou durante cinco anos, ata que foi substituído en 2020 por José Luis Corral.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1962 Categoría:Nados en Negreira Categoría:Futbolistas de Negreira Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores da SD Negreira Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores do CD Lugo