José García Vidal, nado en Carballedo (Cerdedo Cotobade) o 11 de marzo de 1885 e finado en Pontevedra o 29 de xaneiro de 1969, foi un avogado, profesor universitario e político galego.

Traxectoria Foi fillo de Lorenzo García Vidal, gobernador civil de Lugo e de Ourense, así como deputado provincial de Pontevedra pola circunscrición de Ponte Caldelas-Redondela. A súa nai, falecida durante a súa infancia, era filla de José María Vidal González, avogado e presidente da Deputación de Pontevedra, así como gobernador civil interino da mesma provincia. A través da súa avoa materna, estaba emparentado co crego Salustiano Portela Pazos, tamén nado no Concello de Cotobade.

Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre foros. Foi profesor da universidade compostelá e despois estableceuse en Pontevedra. Vinculado aos círculos católicos e conservadores, opúxose ao redencionismo foral, pero, a partir da ditadura de Primo de Rivera, incorporouse ao equipo de Daniel de la Sota, que levou á Deputación de Pontevedra un grupo de galeguistas e socialcatólicos e foi animador da campaña que conduciu ao decreto de redención de foros. Foi asesor xurídico da Deputación e participou na fundación da Misión Biolóxica de Galicia e da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Durante a República estivo vinculado á asociación Labor Gallega da que foi presidente, e colaborou como asesor na elaboración do Estatuto de Autonomía. Adscribiuse á Dereita Galeguista. Foi a principal testemuña da defensa no xuízo sumarísimo contra Alexandre Bóveda e isto custoulle o posto na Deputación e a inimizade co réxime franquista. Despois traballou como asesor xurídico da empresa privada. Foi presidente de Foro Gallego e Revista Jurídica de Galicia.

Vida familiar Casou con María Sáenz-Díez Vázquez, filla do enxeñeiro e presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra Rafael Sáenz-Díez de la Riva, de orixe camerano, e de Asunción Vázquez Ibáñez, filla á súa vez do político Antonio Vázquez Limeses. Tiveron varios fillos, entre eles: José, María Pilar, María Asunción e Lorenzo García Sáenz-Díez.

Obras Ensayo jurídico sobre los foros, 1914.

Véxase tamén Bibliografía Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada

Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Avogados de Cerdedo Cotobade Categoría:Personalidades do agrarismo Categoría:Nados en Cerdedo Cotobade Categoría:Nados en 1885 Categoría:Finados en 1969 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes