Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, nado en Chantada en 1951, é un político galego do PPdeG.

Traxectoria Diplomado en Ciencias Sociais, exerceu a súa actividade profesional como axente de seguros. Nas eleccións municipais de 1991 foi o número 2 da candidatura do PPdeG en Chantada, a cal foi a máis votada con 6 edís, se ben non accedeu ao goberno logo do apoio dos independentes do ata entón alcalde polo PPdeG Sergio Vázquez Yebra á formación Chantada Nova de Manuel Anxo Taboada Rodríguez. Foi portavoz do partido na oposición e encabezou a lista do PPdeG á alcaldía nas eleccións municipais de 1995 nas que foi a segunda forza máis votada tras Chantada Nova, ambas con 6 concelleiros. Ante a falta de acordo dos independentes de Yebra, que eran a chave do goberno con 3 edís, coas dúas principais formacións políticas chantadinas, os independentes de Taboada repetiron na alcaldía como lista máis votada. En xaneiro de 1996 presentou unha moción de censura coa que foi elixido alcalde ao contar nesta ocasión co apoio dos independentes de Yebra, cos cales pasou a gobernar e se acabaron integrando de novo nas filas do PPdeG. Nas municipais de 1999 e 2003 foi reelixido alcalde con maioría absoluta. En 2007 perdeu a maioría absoluta e a alcaldía en favor de Manuel Anxo Taboada, o cal pasara a formar parte do PSdeG-PSOE e estableceu un goberno de coalición co BNG. Nese mandato foi deputado provincial.

No congreso local do PP de Chantada de novembro de 2008 foi derrotado por Susana López Abella, que asumiu a presidencia da agrupación localSusana López desbanca a Manuel Varela á fronte do PP de Chantada. En outubro de 2009 formalizou o abandono do grupo municipal do PP chantadino, xunto con outros tres dos seis concelleiros populares, pasándo tamén a ser deputado non adscrito na Deputación de Lugo. En marzo de 2011 presentou o partido Independentes Terras do Asma (INTA) co cal se presentou ás eleccións municipais de 2011 e conseguiu recupera-la alcaldía ao se-la lista máis votada. Nas eleccións municipais de 2015 encabezou de novo INTA e foi reelixido alcalde con maioría absoluta.

miniatura|Papeleta para o Senado nas Eleccións de abril de 2019. De cara ás Eleccións Xerais de 28 de abril de 2019 regresou ao PPdeG e foi elixido senador pola provincia de Lugo. Nas eleccións municipais de 26 de maio de 2019 volveu a ser cabeza de lista do PPdeG en Chantada e foi reelixido alcalde ó lograla maioría absoluta. Tralas municipais de 2023 foi novamente reelixido por maioría absoluta.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lista de senadores galegos desde a Transición Eleccións municipais en Chantada

Ligazóns externas Ficha na páxina web do Senado de España

Categoría:Alcaldes de Chantada Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia de candidaturas independentes Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Chantada Categoría:Nados en 1951 Categoría:Senadores de España polo PP Categoría:Senadores por Lugo