miniatura|320px|Molécula de inmunoglobulina coa súa típica forma de Y. En azul obsérvanse as cadeas pesadas con catro dominios Ig, mentres que en verde se mostran as cadeas lixeiras. Entre o pé do Y (fracción constante, Fc) e os brazos (Fab) existe unha parte máis delgada coñecida como "rexión bisagra".
Os anticorpos (tamén coñecidos como inmunoglobulinas, abreviado Ig) son glicoproteínas de tipo gammaglobulina, a fracción de globulinas máis abundante no plasma sanguíneo. Poden encontrarse en forma soluble no sangue ou noutros fluídos corporais dos vertebrados, ou poden estar inseridos na membrana plasmática, onde actúan como receptores nos linfocitos B. Son empregados polo sistema inmunitario para neutralizar patóxenos tales como bacterias, virus e parasitos. En xeral, considérase que anticorpo e inmunoglobulina son termos equivalentes, facendo referencia o primeiro termo á función, mentres que o segundo alude á estrutura. O termo gammaglobulina refírese ás propiedades electroforéticas das inmunoglobulinas solubles no soro sanguíneo, se ben algunhas inmunoglobulinas migran coas fraccións alfa, beta e incluso coa albumina.
Un anticorpo típico está constituído por unidades estruturais básicas, cada unha delas con dous grandes cadeas pesadas e dúas cadeas lixeiras de menor peso molecular. A molécula de anticorpo ten forma de Y; os extremos dos brazos do Y son o fragmento Fab por onde se une ao antíxeno; o pé do Y é o fragmento Fc. As moléculas dos anticorpos poden aparecer por separado, como monómeros, ou asociarse entre si formando dímeros con dúas unidades ou pentámeros con cinco unidades. Os anticorpos son sintetizados por un tipo de leucocito denominado linfocito B ou célula B. Existen distintos tipos de anticorpo, chamados isotipos, diferenciados pola forma da cadea pesada que presenten. Coñécense cinco clases de isotipos en mamíferos que desempeñan funcións diferentes, contribuíndo a dirixir a resposta inmune axeitada para cada distinto tipo de corpo estraño que encontran, que son: IgA, IgD, IgE, IgG e IgM.Eleonora Market, F. Nina Papavasiliou (2003) V(D)J Recombination and the Evolution of the Adaptive Immune System PLoS Biology1(1): e16.
Aínda que a estrutura xeral de todos os anticorpos é moi semellante, unha pequena rexión do ápice da proteína é extremadamente variable, o cal permite a existencia de millóns de anticorpos, cada un cun extremo lixeiramente distinto. Esta parte da proteína coñécese como rexión hipervariable e dá lugar a millóns de anticorpos distintos. Cada unha destas variantes pode unirse a unha "diana" distinta, que é o antíxeno. Esta enorme diversidade de anticorpos permite ao sistema inmunitario recoñecer unha diversidade igualmente elevada de antíxenos. O anticorpo non recoñece o antíxeno na súa globalidade, senón que só recoñece certas partes del. Esa parte do antíxeno recoñecida polo anticorpo denomínase epítopo. Un antíxeno pode ter múltiples epítopos na súa superficie. Estes epítopos únense co seu anticorpo nunha interacción altamente específica que se denomina adaptación inducida, que permite aos anticorpos identificar e unirse soamente ao seu único antíxeno en medio dos millóns de moléculas diferentes que compoñen un organismo.
O recoñecemento dun antíxeno por un anticorpo deixa o antíxeno marcado para ser atacado por outros compoñentes do sistema inmunitario. Os anticorpos tamén poden neutralizar os seus obxectivos directamente, mediante, por exemplo, a unión a unha porción dun patóxeno necesaria para que este provoque unha infección.
A extensa poboación de anticorpos e a súa diversidade xérase por combinacións ao azar dun xogo de segmentos xenéticos que codifican diferentes lugares de unión ao antíxeno (ou parátopos), que posteriormente, durante o desenvolvemento do linfocito, sofren mutacións aleatorias nesta zona do xene do anticorpo, o cal orixina unha diversidade aínda maior. Os xenes dos anticorpos tamén se reorganizan nun proceso coñecido como cambio de clase das inmunoglobulinas que cambia a cadea pesada por outra, creando un isotipo de anticorpo diferente pero mantendo a rexión variable específica para o antíxeno diana. Isto posibilita que un só anticorpo poida ser usado polas diferentes partes do sistema inmunitario. A produción de anticorpos é a función principal do sistema inmunitario humoral.
miniatura|250px|A escultura Anxo do oeste (Angel of the West) (2008) de Julian Voss-Andreae está baseada na estrutura do anticorpo publicada por E. Padlan. Deseñada para o campus Florida do Instituto de Investigación Scripps, o anticorpo está situado dentro dun anel que recorda ao Home de Vitruvio de Leonardo da Vinci, destacando así as dimensións similares do anticorpo e do corpo humano.
Historia En 1890 comezou o estudo dos anticorpos cando Emil Adolf von Behring e Shibasaburo Kitasato describiron a actividade dos anticorpos contra as toxinas da difteria e o tétano. Behring e Kitasato propuxeron a teoría da inmunidade humoral, que establecía a existencia dun mediador no soro sanguíneo que podería reaccionar cun antíxeno estraño, dándolle o nome de anticorpo. A súa idea levou en 1897 a Paul Ehrlich a propoñer a teoría da cadea lateral sobre a interacción entre antíxeno e anticorpo e elaborar a hipótese de que existían receptores (descritos como "cadeas laterais") na superficie das células que se poderían unir especificamente a toxinas —nunha interacción de tipo chave e pechadura— e que esta reacción de acoplamento era a causante da produción de anticorpos.
En 1904, seguindo a idea doutros investigadores de que os anticorpos se encontraban libres no sangue, Almroth Wright suxeriu que os anticorpos solubles recubrían as bacterias para sinalalas para a súa fagocitose e destrución nun proceso denominado opsonización.
Na década de 1920, Michael Heidelberger e Oswald Avery descubriron a natureza dos postulados anticorpos ao observar que os antíxenos podían ser precipitados por eles e demostrando que estes eran un tipo de proteínas. miniatura|300px|Universidade Rockefeller (antigo Instituto), onde se desenvolveron boa parte dos avances no estudo dos anticorpos.
A finais da década de 1930 John Marrack examinou as propiedades bioquímicas das unións antíxeno-anticorpo. Logo, na década de 1940 tivo lugar o seguinte avance de importancia, cando Linus Pauling confirmou a teoría da chave e a pechadura proposta por Ehrlich mostrando que as interaccións entre anticorpos e antíxenos dependían máis da súa forma que da súa composición química. En 1948, Astrid Fagraeus descubriu que os linfocitos B transformados en células plasmáticas eran responsables da produción de anticorpos.
Os seguintes traballos de investigación concentráronse na caracterización da estrutura molecular dos anticorpos: A principios da década de 1960 prodúcese o principal avance neste sentido, co descubrimento por Gerald M. Edelman e Joseph A. Gally da cadea lixeira, e a comprensión de que esta era idéntica á proteína de Bence Jones descrita en 1845 por Henry Bence Jones. Edelman continuou co descubrimento de que os anticorpos estaban compostos por cadeas lixeiras e pesadas unidas por enlaces disulfuro. Polas mesmas datas, Rodney Porter caracterizou as rexións de unión do antíxeno no anticorpo (Fab ou F antigen-binding) e a cola do anticorpo (Fc) no tipo IgG. Conxuntamente, estes científicos deduciron a estrutura e a secuencia completa de aminoácidos da IgG, polo cal recibiron ex aequo o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1972. Aínda que a maioría destes primeiros estudos se centraron nas IgM e IgG, identificáronse tamén outros isotipos de inmunoglobulinas na década de 1960: Thomas Tomasi descubriu os anticorpos segregados (IgA) e David Rowe e John Fahey identificaron a IgD, e a IgE foi identificada por Kimishige Ishizaka e Teruko Ishizaka como unha clase de anticorpos implicados en reaccións alérxicas. En 1975 César Milstein e Georges J. F. Köhler idean o método para a produción de anticorpos monoclonais. En 1976, os estudos xenéticos revelaron a base da vasta diversidade dos anticorpos ao identificar Susumu Tonegawa a recombinación somática dos xenes de inmunoglobulina.
Formas de anticorpos 300px|miniatura|esquerda|Diagrama de fitas da estrutura molecular dunha inmunoglobulina A, un tipo de Ig segregable. Os linfocitos B activados diferéncianse en células plasmáticas, cuxa función é a produción de anticorpos solubles ou ben en linfocitos B de memoria, que sobreviven no organismo durante os anos seguintes para posibilitar que o sistema inmune lembre o antíxeno e responda máis rápido a futuras exposicións ao axente inmunóxeno. Os anticorpos son, por tanto, un produto esencial do sistema inmunitario adaptativo que aprenden e lembran as respostas a patóxenos invasores. Os anticorpos encóntranse en dúas formas: en forma soluble segregada no sangue e outros fluídos do corpo e en forma unida á membrana celular que está ancorada á superficie dun linfocito B.
Forma soluble Os anticorpos solubles son segregados por un linfocito B activado (na súa forma de célula plasmática) para unirse a substancias estrañas e sinalizalas para a súa destrución polo resto do sistema inmunitario. Tamén se lles podería chamar anticorpos libres ata que se unen a un antíxeno e acaban como parte dun complexo antíxeno-anticorpo ou denominalos anticorpos segregados. Nesta forma soluble as inmunoglobulinas únense a moléculas adicionais. Nas IgM, por exemplo, encontramos unha glicoproteína unida á fracción constante mediante pontes disulfuro duns 15 KDa, chamada cadea J. Ao isotipo IgA, ademais, úneselle a chamada "peza de secreción". Trátase dunha glicoproteína que se forma nas células epiteliais e glándulas exócrinas, e que posteriormente se une á inmunoglobulina para facilitar a súa secreción. Dispoñible unha versión online en http://www.uco.es
Forma ancorada á membrana A forma ancorada á membrana dun anticorpo poderíase chamar inmunoglobulina de superficie (sIg) ou inmunoglobulina de membrana (mIg), xa que non é segregado: sempre está asociado á membrana plasmática. Forma parte do receptor do linfocito B (BCR), que permite a este detectar cando un antíxeno específico está presente no organismo, desencadenando a activación do linfocito B. O BCR componse de anticorpos IgD ou IgM unidos á superficie de membrana e os seus heterodímeros asociados Ig-α e Ig-β que teñen capacidade de realizar a transdución de sinais do recoñecemento do anticorpo ao interior da célula. Un linfocito B humano típico ten entre 50 000 e 100 000 anticorpos unidos á súa superficie. Tralo acoplamento do antíxeno, estes agrúpanse formando grandes parches cuxo diámetro pode superar 1μm en balsas lipídicas que illan os BCR (receptores da célula B) da maior parte dos restantes receptores de sinalización celular. Estes parches poderían mellorar a eficiencia da resposta inmune celular. Nos seres humanos, a superficie celular está libre doutras proteínas arredor dos receptores dos linfocitos B en distancias dalgúns miles de ángstroms, o cal reduce de tal maneira as influencias que compiten coa súa función, que se pode dicir que illa os BCR.
Isotipos, alotipos e idiotipos + Tipos de anticorpos en mamíferos Nome Tipos Descrición Complexos de anticorpos IgA 2 Encóntrase nas mucosas, como o tubo dixestivo, o tracto respiratorio e o tracto uroxenital. Impide a súa colonización por patóxenos. Tamén se encontran na saliva, as bágoas e o leite materno. Presenta a cadea pesada α.170px|Algúns anticorpos forman complexos que se unen a múltiples moléculas antixénicas. IgD 1 A súa función consiste principalmente en servir de receptor de antíxenos nos linfocitos B que non foron expostos aos antíxenos. A súa función está menos definida que noutros isotipos. Presenta a cadea pesada δ. IgE 1 Únese a alérxenos e desencadea a liberación de histamina polas células cebadas e basófilos e está implicada na alerxia. Tamén protexen contra vermes parasitos. Presenta a cadea pesada ε.