Manuel Pena Camino, coñecido como Flores, nado en Castro (Mesía) o 28 de abril de 1909 e finado en Paramos (Val do Dubra) o 5 de marzo de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria Formou parte da columna que acudiu á defensa da Coruña ao inicio do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e fuxiu ao monte. Foi detido e xulgado en Santiago de Compostela o 19 de decembro de 1936 cos veciños de Curtis, Manuel Calvelo, Isabel Ríos, Manuel Sánchez Ayerbe e Eduardo Sánchez Lago.La Voz de Galicia, 20-12-1936, p. 2. Foi condenado a cadea perpetua.

Cando saíu da prisión incorporouse á guerrilla nos grupos que operaban na zona dos montes da Graña con Benigno Andrade. Foi procesado na causa 159/1946 da Coruña contra María Pérez Mellid, Benigno Andrade, Manuel Ponte, Pedro Oso Guerra, Francisco Rey Drox, José Vázquez Míguez, Teresa Lorenzo Gallas e os irmáns Jesús, Carmen, Anselmo e José Balboa López.. Na primavera de 1946 foi nomeado xefe militar do Destacamento Eduardo Xaneiro da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia xunto a José Blanco Núñez, ocupando a zona comprendida entre Ordes e Cerceda. Pasou despois polos destacamentos Manuel Bello e Eive-Carbón. Caeu abatido pola Garda Civil en Paramos o 5 de marzo de 1949 ao fuxir logo de ser descuberto o seu agocho nunha casa de Zas (Negreira). Xunto a el morreron Vicente Peña Tarrasa e José María Castelo Mosquera, e as enlaces Carmen Temprano e Manuela Teiga.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Mesía Categoría:Nados en 1909 Categoría:Finados en 1949 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes