Alasca (, en aleutiano, Alax̂sxax̂; en inupiaq, Alaasikaq; en alutiiq, Alas'kaaq; en iupik, Alaskaq; en tlingit, Anáaski;) é o Estado con máis superficie dos Estados Unidos de América situado na parte noroccidental do continente, limitando por terra só co Canadá (ó leste), e por mar co océano Pacífico (sur), océano Glacial Ártico (norte) e a confluencia de ambos os dous no estreito de Bering (oeste). A súa capital é Juneau.

Comprado ó imperio ruso en 1867 por 7 millóns de dólares, é o territorio estadounidense con menor densidade de poboación de 0,42 hab/km², sendo o cuarto con menor poboación, tras Wyoming, Dacota do Norte e Vermont. É maior que os estados americanos de Texas, California e Montana xuntos (respectivamente o segundo, o terceiro e o cuarto máis extensos).

Estados Unidos tratou durante as primeiras décadas do século de mellorar as comunicacións (por exemplo de conectar Alasca co resto dos Estados Unidos por ferrocarril), e promover a colonización do val de Matanuska. Mais a segunda guerra mundial e as batallas navais nas illas Aleutianas co Xapón trocaron a política dos Estados Unidos nos asuntos de Alasca. Así, en 1942, construíuse en meses unha estrada de comunicación (a Autoestrada Alcan) para garantir a defensa do territorio de Alasca, á vez que estableceron novas bases militares e se promoveron asentamentos civís. O final da guerra mundial e o comezo da guerra fría aceleraron a necesidade de integrar este territorio á Unión. Así, en 1959, Alasca foi á fin aceptado como 49° estado dos Estados Unidos de América.

O descubrimento de grandes depósitos petrolíferos permitiron un enorme crecemento económico en Alasca durante as últimas décadas, a pesar do illamento xeográfico e ás duras condicións de vida. A maior fazaña do seu desenvolvemento foi a construción, a partir de 1974, do Trans-Alaska Pipeline, un oleoduto de 1.269 km que une a Baía de Prudhoe co porto de Valdez. Mais tamén o petróleo foi orixe de certos desastres, como o accidente ocorrido en 1989 do petroleiro Exxon Valdez, que encallou nas augas de Alasca e provocou unha marea negra, que foi cualificada como un dos maiores desastres ecolóxicos da historia.

Historia

Os primeiros poboadores de Alasca foron grupos humanos que proviñan de Asia que cruzaron o Berinxia ("ponte terrestre de Bering") e chegaron o que actualmente é o oeste da península de Alasca. A maioría dos pobos nativos americanos proveñen de xentes que atravesaron o estreito de Bering antes de emigrar para o sur do continente. O primeiro contacto de exploradores europeos cos habitantes da rexión tivérono os rusos, que contactaron co pobo inuit e outros pobos nativos.

O nome de "Alasca" vén dunha palabra aleutiana, que significa literalmente "o obxecto contra o que a acción do mar é dirixida".Ransom, J. Ellis. 1940. Derivation of the Word "Alaska". American Anthropologist n.s., 42: pp. 550-551

A maioría da historia documentada de Alasca comeza coa colonización europea, empezando polo navegante danés ao servizo da Armada rusa, Vitus Bering, que avistou Alasca a bordo do San Pedro no transcurso da segunda expedición a Kamchatcka. Mais, o primeiro europeo que tocou as costas da rexión foi o ruso Aleksei Chirikov, que navegaba na expedición de Bering ao mando do San Paulo, cando chegou o 15 de xullo de 1741 ao lugar en que hoxe se levanta a cidade de Sitka. A Compañía rusa de América logo iniciou a colonización da costa e nos anos 1790 xa existían asentamentos na rexión. A principal actividade na zona era a caza de lontras, aínda que a colonia non foi nunca rendíbel debido ao elevado custo dos navíos necesarios para iso. Ao principio, o contacto cos nativos foi cordial, mais pronto se produciron encontros violentos, que unidos ás enfermidades transmitidas polos europeos, exterminaron catro quintas partes da poboación nativa. O primeiro asentamento permanente por parte de Rusia estabeleceuse en 1784, cando Grigory Ivanovich Shelikhov fundou unha colonia na illa de Kodiak, na baía de Three Saints Bay.

miniatura|esquerda|150px|Vitus Bering.

Os españois reclamaron os dereitos que a bula Inter Caetera lles daba sobre a costa oeste de Norteamérica, que incluía Alasca. O rei Carlos III de España organizou varias expedicións á rexión para intentar colonizala. As expedicións de Bruno de Heceta e Alessandro Malaspina deixaron algúns topónimos na rexión, como o Glaciar Malaspina ou a cidade de Valdez. Tamén os británicos seguiron o exemplo da coroa española, enviaron exploracións á zona, como as de James Cook ou George Vancouver.

En 1799, Nikolay Petrovich Rezanov mercoulle os dereitos de explotación das peles ao tsar Paulo I de Rusia e creou a Compañía ruso-estadounidense. A sobreexplotación do territorio levou a un enfrontamento entre os colonos e os nativos, cuxo acontecemento máis destacado foi a Batalla de Sitka de 1804.

En 1867, o Secretario de Estado estadounidense William H. Seward realizou a compra de Alasca a Rusia por 7,2 millóns de dólares estadounidenses. A falta de efectivo de Rusia e o desexo de que Alasca non caese nas mans británicas impulsaron a Rusia a vender o territorio aos Estados Unidos tralo fracaso na guerra de Crimea. A compra fíxose efectiva o 18 de outubro de 1867, hoxe recordado como o Día de Alasca. Aínda que a compra recibiu duras críticas no momento de producirse, finalmente viuse como un negocio vantaxoso grazas ao descubrimento de ouro no Yukón. Na década de 1890, os territorios de Alasca e Yukón sufriron unha explotación das súas minas debido á febre do ouro, coñecida como febre do ouro de Klondike, nome do principal depósito. Os principais asentamentos estabelecéronse en Juneau, Nome e Fairbanks.

miniatura|esquerda|Cheque usado na compra de Alasca. Nos primeiros tempos de dominación estadounidense, o exército, a mariña e o servizo de alfándegas fixéronse cargo do control da rexión, pero a chegada de colonos obrigou a cambiar o sistema de administración. En 1884 nomeouse un Gobernador, e en 1906 elixiuse un representante no Congreso dos Estados Unidos, mais sen dereito a voto. Xa en 1912, declarouse a Alasca como Territorio dos Estados Unidos, cun congreso e goberno propio, e coa súa capital en Juneau en detrimento de Sitka, que fora a capital da Alasca rusa. Durante a segunda guerra mundial, Alasca foi escenario da batalla das Illas Aleutianas entre as tropas aliadas e o Xapón, e durante o conflito melloráronse as infraestruturas para facilitar a defensa do territorio, como a construción da Autoestrada Alcan. No final da segunda guerra mundial e o comezo da guerra fría aceptouse a entrada de Alasca na Unión. O presidente dos Estados Unidos, Dwight David Eisenhower asinou o 7 de xullo de 1958 a Acta estatal de Alasca (Alaska Statehood Act en inglés), que abriu o camiño para que o 3 de xaneiro de 1959, Alasca se convertera no estado 49 da unión.

O 27 de marzo de 1964, Venres Santo, Alasca sufriu os efectos dun terremoto (coñecido como "Terremoto de Venres Santo") de 8,5 graos de magnitude na escala Richter, e que rematou coa vida de 131 persoas, arrasando moitas poboacións da rexión. Mais, en 1968 encontrouse petróleo na rexión, e trala construción do oleoduto transalasquiano (Trans Alaskan Pipeline) en 1977, os ingresos debidos á explotación dos pozos petrolíferos contribuíron a que a poboación se restabelecera e a que se reconstruíran as infraestruturas. En 1989 produciuse unha nova catástrofe ao encallar o petroleiro Exxon Valdez no estreito de Príncipe Guillerme, e verter ao mar entre 42.000 e 130.000 metros cúbicos de cru, afectando uns 1.600 km de costa. En 2007, máis da metade do territorio do estado é propiedade do Goberno Federal, e a explotación das reservas de petróleo no territorio aínda sen explotar é tema de debate, xa que o Refuxio Nacional de vida salvaxe no Ártico podería verse afectado.

Xeografía miniatura|As Illas Aleutianas e a península de Alasca. miniatura|Parque Nacional de Denali e o monte McKinley. Alasca é un dos dous únicos estados estadounidenses, canda Hawai, que non limita con ningún outro estado do país. Tamén ten máis costa que todos os estados estadounidenses xuntos e é o estado máis grande do país cunha superficie total de 1 717 854 km². Outro fito xeográfico que posúe Alasca é o monte McKinley, o cumio máis alta de toda Norteamérica, con 6.194 metros de altitude. Despois, a súa capital, Juneau, é inaccesíbel por terra, e ningunha estrada conecta Juneau co resto do sistema de autoestradas estadounidense.

O estado está bordeado polo territorio de Yukón e a Columbia Británica, Canadá polo leste; o golfo de Alasca e o océano Pacífico polo sur; o mar de Bering, co seu estreito e o mar de Chukchi polo oeste; e o mar de Beaufort e o océano Ártico polo norte. Alasca divídese en tres grandes rexións: as montañas do Pacífico, o interior e a zona ártica setentrional. As montañas do Pacífico ocupan toda a costa meridional, mentres que pola rexión interior se estende o río Yukon, xunto aos seus afluentes, nunhas vastas mesetas. A zona ártica setentrional, pola súa parte, está ocupada pola cadea de Brooks.

Dous dos puntos máis importantes da xeografía de Alasca son as Illas Aleutianas e o Parque Nacional de Denali. As Illas fixéronse famosas por ser sede da propia Batalla das Illas Aleutianas que tivo lugar durante a segunda guerra mundial. O arquipélago posúe unha superficie duns 37.800 km², sendo a maioría parte de Alasca e o extremo oeste é zona rusa. Neste arquipélago, onde destaca a illa de Unalaska, habitan preto de 16.000 persoas, sendo a maioría delas esquimós aborixes. O Parque nacional de Denali é unha das zonas virxes máis importantes do continente, cunha superficie de 24.585 km². Nel áchanse todo tipo de exemplares de flora e fauna do estado como o carneiro de Alasca, o caribú, o alce, o oso grizzly ou o lobo.

Clima miniatura|O clima é extremo en Alasca. O clima varía segundo a rexión. A costa occidental ten un clima oceánico, mentres que o resto do estado presenta un clima continental e ártico.

En Juneau, a capital, e na metade sueste o clima é oceánico, mentres que é ártico na metade norte. En xeral, esta zona é a máis húmida e cálida de Alasca, con suaves temperaturas no inverno e altos niveis de precipitación ao longo do ano. O clima de Anchorage, a cidade máis poboada de Alasca, e da parte central e sur do estado, é suave debido á proximidade do mar. O clima do oeste de Alasca está influenciado polo mar de Bering e o golfo de Alasca. No suroeste existe un clima subártico oceánico e no norte, subártico continental.

O clima no interior de Alasca é extremo. Algunhas das temperaturas máis cálidas e frías teñen lugar na área de Fairbanks. Os veráns poden albergar até 30 °C, mentres que no inverno as temperaturas baixan até os -52 °C. As temperaturas máximas e mínimas históricas rexistradas en Alasca déronse no interior. As máximas acadaron 38 °C en Fort Yukon, o 27 de xuño de 1915. Por outra parte, a temperatura mínima máis baixa de Alasca produciuse o 23 de xaneiro de 1971, con -64 °C en Prospect Creek.

O quecemento global que sacode o planeta está sendo notorio en Alasca. Gunter Weller, director do Centro Fairbank para Investigación do Cambio Global e de Investigación do Sistema Ártico, da Universidade de Alasca, asegurou que as temperaturas medias en Alasca e elevaron tres graos centígrados en 30 anos, e aproximadamente o dobre no inverno. As autoridades estatais están alertando do efecto que o cambio climático terá sobre a vida dos cidadáns. Un exemplo son as estradas estatais, que transcorren sobre o permafrost, que se está desconxelando velozmente. O oleoduto trans-Alaska, que utiliza soportes verticais, está vendo perigar a súa estabilidade sensiblemente.{

Áreas administrativas Alasca divídese administrativamente en 19 burgos, pero estes non cobren toda a área do estado. Ademais dos burgos existen unhas áreas censuais, que se reparten todo o resto do territorio. Alasca é un dos dous estados, xunto con Luisiana, onde non existen os condados.