miniatura|Portada da primeira edición da obra Os Lusíadas, o poema épico nacional. Coñécese como literatura portuguesa a literatura escrita en lingua portuguesa por escritores de Portugal, excluíndo a literatura brasileira e a feita noutros países lusófonos, así como as obras escritas en Portugal en linguas distintas do portugués e galego-portugués, como o latín ou o castelán.

Historia

Primeiros séculos. Período Medieval

Os comezos da literatura portuguesa atópanse na poesía medieval galego-portuguesa desenvolvida orixinalmente en Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XII e XV, especialmente nos séculos XIII e XIV.

Esta lírica está vinculada aos cancioneiros medievais, como o Cancioneiro da Ajuda, Cancioneiro da Vaticana e Cancioneiro Colocci-Brancuti, que recollen un amplo repertorio de cantigas de amor, cantigas de amigo e de escarnho e maldizer.

As cantigas de amor son poemas onde os cavaleiros expresan o seu amor non correspondido por unha dama. Nas cantigas de amigo, o eu lírico é feminino e a voz poética canta os anceios e dores amorosas dunha muller en ausencia do seu amado. As cantigas de escarnho e maldizer caracterízanse polo seu ton burlesco e, ás veces, obsceno, utilizadas para criticar ou mofarse de determinadas persoas ou situacións, presentando unha visión satírica e crítica da sociedade da época.

A lírica galego-portuguesa conviviu e influenciou a poesía trobadoresca occitana e, reciprocamente, foi influenciada por ela, establecéndose así un intercambio cultural e literario entre os trobadores da Península Ibérica e do sur de Francia. O occitano ou provenzal influenciou tamén o galego-portugués na adopción de certas grafías, como o uso do -nh- visto en autores medievais galegos como Mendinho, e que permaneceu na norma culta da lingua portuguesa.

A lírica medieval definiu trazos literarios, influenciando temas e formas poéticas mesmo séculos despois (véxase por exemplo o neotrobadorismo).

Idade Moderna Durante os séculos XVI e XVII, a literatura portuguesa experimentou diversas transformacións e inovación, marcadas por contextos socioculturais e políticos peculiares. No Renacemento chegou a Idade de Ouro cos escritos de Gil Vicente, Bernardim Ribeiro, Sá de Miranda e en especial o gran lírico Luís de Camões, autor do poema épico nacional Os Lusíadas.

O século XVII caracterizouse pola introdución do barroco en Portugal, sendo considerado en xeral como un século de decadencia literaria a pesar da existencia de escritores como António Vieira, Manuel Bernardes e Francisco Rodrigues Lobo.

Os escritores do século XVIII para contrarrestar unha certa decadencia da etapa barroca, fixeron un esforzo por recuperar o nivel da Idade de Ouro a través da creación de academias e arcadias literarias.

Idade Contemporánea No século XIX, despois dun paso polos ideais neoclásicos, seguintes ao barroco, estes foron abandonados e Almeida Garrett introduce o Romanticismo, continuado por Alexandre Herculano e Rebelo da Silva. Entre as novelas da segunda metade do século XIX, desenvólvese o realismo, de características naturalistas, cuxos expoñentes inclúe a Eça de Queiroz, Ramalho Ortigão e Camilo Castelo Branco.

Durante o século XX as tendencias literarias están representados principalmente por Fernando Pessoa, considerado como o gran poeta nacional á par con Camões, mentres que nos seus últimos anos destaca o desenvolvemento da ficción en prosa grazas a autores como António Lobo Antunes e o gañador do Premio Nobel de Literatura José Saramago.

A literatura portuguesa no século XXI destaca por unha impresionante diversidade de voces e temáticas. A narrativa e a poesía portuguesas contemporáneas exploran as complexidades da identidade, a memoria e a experiencia migratoria. Valter Hugo Mãe, Dulce Maria Cardoso e José Luís Peixoto son algúns dos autores relevantes, caracterizados pola súa habilidade para mergullarse nas complexidades emocionais e sociais do ser humano. Novas voces de escritores e escritoras nados en Portugal, algúns migrantes ou de orixe migrante, comezaron a emerxer, introducindo perspectivas novidosas e explorando temas de cruzamento cultural e identidade na diáspora. Entre os numerosos premios e eventos literarios, o festival aRitmar de Santiago de Compostela recoñece anualmente obras portuguesas achegándoas ao público galego.

Escolas

Trobadorismo: Primeira escola literaria portuguesa, influída pola provenzal, destacando a poesía medieval da lírica galego-portuguesa. Clasicismo: Durante o Renacemento, no Clasicismo portugués viron a luz obras como Os Lusíadas de Camões. Barroco: no s. XVII, caracterizouse por unha literatura ornamentada e reflexións sobre as crises espirituais e morais. Arcadismo: No s. XVIII, o Arcadismo buscaba a simplicidade e os ideais clásicos, enfocándose na natureza e na razón. Romanticismo: No século XIX, trataba de expresar emocións intensas, valorando a cultura e historia nacional con escritores como Almeida Garrett. Realismo: Tamén no XIX, explorou a crítica social, procurando a representación honesta da realidade, destacando Eça de Queirós. Modernismo: Nas primeiras décadas do s. XX, abriu camiño para novas formas estéticas e experimentais, sendo Fernando Pessoa un dos seus máximos expoñentes. Recolleron influencias do orfismo francés. Neo-realismo: A mediados do século XX, o neo-realismo portugués centrouse na crítica social e na vida cotiá da clase traballadora. Presencismo: Durante os anos 20 e 30 do século XX, rexeitaba tendencias estéticas anteriores, avogando por unha poesía do "presente". Surrealismo: Desde a primeira metade do século XX, o Surrealismo explorou o inconsciente e o subconsciente da realidade subxacente (sub-real), promovendo a liberdade creativa. Pós-modernismo: Na segunda metade do século XX, chegando a principios do XXI, o Posmodernismo en Portugal caracterizouse pola pluralidade e fragmentación en narrativas que desafían estruturas tradicionais.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Literatura galega Literatura brasileira Lusofonía Cultura de Portugal Portugal #Cultura

Categoría:Literatura en lingua portuguesa‎