A praia de Augas Santas, que xunto coa praia das Carricelas conforma o espazo coñecido no ámbito turístico como praia das Catedrais, é un areal situado na parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo. Na actualidade é citada repetidamente entre as máis bonitas do mundo.'Os auténticos piares da terra', folleto turístico, recollendo diversas mencións e clasificacións a nivel España, Europa e mundo.

Características O nome das Catedrais naceu arredor da década de 1960, polas características formacións rochosas que semellan os arcobotantes e contrafortes dunha catedral. Cunha lonxitude de arredor dun quilómetro, As Catedrais está formada por varias porcións que coa preamar quedan illadas ou mesmo desaparecen, deixando a parte principal reducida a un longo de 320 m. Tamén o seu largo é moi variable polo mesmo motivo, chegando o mar a tapar toda a area en moitas partes, mentres noutras a seca descobre ata 100 m. A parte máis fotografada do areal, a partir da illa de Xan Galo, correspóndese coa zona tradicionalmente coñecida como As Carricelas, mentres que a parte que queda á esquerda do acceso principal recibe o nome de Augas Santas.

A praia é aberta con area branca e fina, bañada por unha ondada moderada. Algún ano ten disposto de Bandeira Azul. É lugar de peregrinación para a visita dos seus arcos e cantís, incluíndo os diversos ollos (furnas), o arco da illa de Xan Galo e a cova de paso do Chinelo, ao nivel da area, e para admirar o conxunto dende o sendeiro do alto do cantil.

Entre os seus arcos agóchanse gran cantidade de especies de algas, moluscos, aves e vexetais, na actualidade en estudo mediante un convenio entre o concello de Ribadeo e a Universidade de Santiago de Compostela.A USC constata un posible e futura deterioración das Catedrais se non se reorganizan as visitas.

A base rochosa ten uns 500 millóns de anos, dende cando sufriu sucesivas inundacións e retiradas do mar. Os seus estratos de diferente dureza e sucesivas fracturas en diferentes direccións facilitaron a acción erosiva ata amosar a imaxe que presentan hoxe en día.

Forman parte da flora sobre o acantilado a herba de namorar, perexil de mar, toxo ou breixo. Na parte inferior, as algas vermellas e as coralináceas fan compañía ós liques. Representantes máis numerosas das aves son as gaivotas e os corvos mariños. E como fauna pegada ó substrato, percebes, mexillóns, lapas e bígaros.

Acceso e servizos

Ten acceso doado pola N-634, de Ribadeo a San Cosme de Barreiros e collendo o desvío á praia das Catedrais en Reinante. Dispón así mesmo de pistas locais paralelas á costa e tamén de servizo de ferrocarril a través dos apeadoiros de Esteiro e Reinante (Renfe-FEVE). En 2019 está prevista a construción dun apeadoiro específico para a praia.

A praia está atendida por un equipo de salvamento; hai servizos de limpeza diaria, e a menos de 500 m. na zona existen restaurantes, hostais, hoteis e demais servizos públicos (pasarelas, aparcadoiros etc...). Outros servizos da praia son as duchas e aseos, ademais da sinalización do estado do mar. Moi cerca dela atópanse os portos deportivos de Ribadeo e Foz. E no caso de accidentes o Hospital Comarcal da Costa-Burela é o encargado de atendelos.

O que máis resalta desta praia son os 300 metros de cantís furados pola marea que forman uns arcos semellantes aos arcobotantes das catedrais góticas (orixe do seu actual nome), e que só se poden ver coa marea baixa. A praia está protexida polas de San Miguel de Reinante (Barreiros), Esteiro, As Illas, Os Castros, Areosa e Olga (todas de Ribadeo), que, á súa vez dan nome e conforman o ZEC As Catedrais, espazo natural protexido..

O lugar foi declarado monumento natural pola Xunta de Galicia no ano 2005. Está encadrada na zona da Rede Natura 2000 como zona especial de conservación (ZEC ES 1120005) e está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón.

No ano 2008 foi elixida como a mellor praia de Europa pola web de viaxes máis consultadas na Unión Europea, --Youvox Voyage--, que realizou unha enquisa sobre 8.000 areais do mundo.

En 2012 foi elixida por Traveller's Choice como a mellor praia de España, segunda de Europa e sexta mundialLa playa de As Catedrais, la mejor de España en los premios Traveller's Choice. La Voz de Galicia.

A acumulación de visitas no verán foi utilizada como excusa para que no ano 2015 se executase un polémico plan da Xunta de Galicia para restrinxir o acceso, con solicitude telemática de accesos, complementado con pases para as pernoitas en Ribadeo, usuarios de autobús Ribadeo-praia e outras posibilidades.

Outros Na contorna, téñense gravado imaxes para numerosas series e documentais.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Praias da provincia de Lugo Ligazóns externas

Categoría:Praias de Ribadeo Categoría:Monumentos naturais de Galicia