O Estadio Municipal de Riazor é un estadio público destinado principalmente á práctica de fútbol profesional masculino, situado na cidade da Coruña, inaugurado o 28 de outubro de 1944. Nel, xoga como os seus partidos como local o primeiro equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña.

Ten capacidade para 32.490 espectadores sentados (logo das reformas de 1982, 1998 e 2018) e un terreo de xogo de 105×68 metros. Trátase do estadio con maior capacidade de Galicia. O seu enderezo é Rúa de Manuel Murguía, s/n 15011, A Coruña.

Por motivos de patrocinio, desde 2017 é denominado Abanca-Riazor, mais única e exclusivamente nos partidos que xoga o Deportivo.

Historia Desde 1909 o Deportivo xogaba os seus partidos como equipo local no antigo campo de Riazor, situado nos terreos nos que actualmente se ergue o colexio das Escravas, a escasos metros do lugar onde se levantou o actual estadio inaugurado en 1944.

1.ª Etapa: Proxecto e construción orixinais Aínda que a idea da construción dun estadio na Coruña levaba anos circulando, esta non se materializou ata a chegada ao concello do responsable de obras públicas José Pérez-Ardá, grande impulsor do proxecto. O concello adquiriu os terreos por unhas 300.000 pesetas, facéndose efectiva a compra o 3 de marzo de 1939.

Así, o proxecto do novo Stadium Municipal foi redactado polo arquitecto Santiago Rey Pedreira en xuño de 1939 e as obras deron comezo o ano seguinte. Durante o proceso de execución, ante a necesidade de resgardar as autoridades das inclemencias atmosféricas, ao proxecto inicial incorporóuselle unha cuberta na zona da tribuna de honra, no ano 1941. A trama urbana que tiña que soportar a construción do estadio correspondíase coa dun trazado de ensanche, en concreto de ampliación do Ensanche, na cal o tamaño dos quinteiros era escaso para aloxar dimensionalmente a instalación deportiva, o que fixo precisa a agregación de tres quinteiros, resultando unha única de formato rectangular. Nela dispúxose un rectángulo de 320 × 130 metros, contornado por unha tapia, co seu eixe principal paralelo á Avenida da Habana, límite norte da Cidade Xardín. No interior do pechamento foran dispostas diversas instalacións deportivas: campo de fútbol, campos de adestramento, campos de hóckey a patíns e tenis, pistas de atletismo, e un frontón descuberto para o xogo de pelota. O Stadium Municipal foi, por tanto, concibido como unha cidade deportiva.

A inauguración do novo terreo de xogo produciuse o 29 de outubro de 1944, cun partido entre o Deportivo e o Valencia, no que realizou o saque de honra o directivo e exfutbolista Virgilio, quen disputara como xogador o primeiro partido do vello campo de Riazor en 1909. Os coruñeses caeron derrotados por 2-3, sendo o valenciano Vicente Hernández o autor do primeiro gol no estadio. O enorme tamaño do novo estadio, con capacidade para máis de 60 000 espectadores de pé, permitiu a celebración nas súas instalacións de partidos internacionais, sendo o primeiro deles un España-Portugal celebrado o 6 de maio de 1945, e no que venceu a selección española por 4-2. Do mesmo xeito permitía a celebración de finais de torneos oficiais, sendo a primeira a final da Copa do Xeneralísimo da tempada 1946-47, que enfrontou o Real Madrid e o Espanyol, e que gañaron os primeiros por 2-0.

2.ª Etapa: Reforma para o Mundial '82 miniatura|160px|Estatua conmemorativa do Mundial de 1982. No ano 1979 o pleno municipal aprobou o encargo da redacción dun proxecto de remodelación, de xeito que servira para abrigar unha das sedes do campionato mundial de 1982. Aínda que no proxecto orixinal a obra afectaba exclusivamente ás bancadas de Tribuna e Marathon, defectos estruturais graves en Preferencia obrigaron tamén ao seu derrubamento e posterior reconstrución, o cal supuxo a remodelación total do complexo. A execución da nova Tribuna foi efectuada nun tempo récord para ser inaugurada co gallo do Trofeo Teresa Herrera en agosto de 1981, comezando as obras en febreiro do mesmo anoRevista do CSIC: Estadio Municipal de Riazor / La Coruña.

A gran capacidade do campo e as pistas de atletismo que o rodeaban facían de Riazor un campo frío, que nunca se enchía. Con motivo da disputa en España do Mundial de fútbol de 1982 estes problemas paliáronse en parte, debido ás remodelacións necesarias para que o campo puidese aloxar partidos de tan alta competición. Así, a capacidade do estadio viuse reducida a 29 000 localidades, capacidade coa que albergaría tres partidos do Mundial, todos de primeira rolda.

Con motivo de tal evento o recinto foi tamén protagonista dos décimos da lotaría nacional española do 22 de maio de 1982. Curiosamente, a imaxe que del se amosou foi a previa á reforma e non a que aparecería nas cámaras dos media que cubriron aqueles encontros internacionais.

Lume en 1991 O 9 de xuño de 1991, poucos minutos despois do comezo do partido de promoción no que o Deportivo se xogaba o ascenso a 1ª división contra o Real Murcia, a cuberta da bancada de Preferencia Superior comezou arder, o que provocou a suspensión temporal do encontro e a evacuación dos seareiros que se atopaban nesa bancada cara ao terreo de xogo. Non houbo que lamentar vítimas e o partido puido ser retomado con vitoria final para o conxunto local. Nos días posteriores, as pescudas sobre o suceso foron incapaces de atopar a bengala que -presuntamente- provocara o lume.

Ampliación de Preferencia Superior en 1994 Co ascenso do Deportivo aos primeiros postos da 1ª División a partir do ano 1992 a asistencia de público ao campo aumentou e se fixo necesaria unha urxente ampliación que finalmente se fixo na bancada de Preferencia Superior, foi o que se deu en chamar a bancada dos "exipcios". Esta bancada sería rapidamente derrubada para acometer as obras de ampliación e peche perimetral das bancadas que se acometerían pouco tempo despois.

3ª Etapa: Reforma e ampliación de 1995 miniatura|250px|Vista exterior do estadio. Na tempada 1995-96, Riazor sofre unha nova remodelación coa finalidade de pechar o recinto polos seus catro costados, pois ata entón tiña forma de ferradura. Primeiramente o terreo de xogo foi recuado ata a bancada de Xeral, a fin de gañar espazo entre o mesmo e o Palacio dos Deportes para poder erguer a bancada que logo se habería chamar de "Pavillón". Unha vez rematado este fondo, procedeuse a derrubar as bancadas de Xeral e Marathon para erguer outra practicamente idéntica en canto estética e dimensións á acabada de construír. Riazor pasaba así a ter todas as súas localidades de asento. Unha vez concluída a obra, o estadio perdería as pistas de atletismo nos fondos, ficando así as dos laterais inutilizadas a pesar de que anos despois as liñas divisorias volverían ser pintadas. Acadáronse 34 600 localidades, todas de asento e foron instalados tamén dous novos e modernos videomarcadores nas cubertas das novas bancadas. Esta obra foi proxectada polo Grupo TAU e executada pola empresa Dragados. Tras o remate desta, do estadio orixinal, conservaríase unicamente a Torre de MaratónConcello da Coruña. PXOUM 2013. "Fichas de elementos patrimoniales".

Novo convenio e melloras a comezos do século XXI O Concello e o Deportivo asinaron no ano 2000 un novo convenio de concesión das instalacións axustado á nova realidade xurídica do club, convertido desde había uns anos en Sociedade Anónima Deportiva. Nel, reflectiuse a posibilidade de que dito acordo podería ser rescindido se o club pasaba a ser controlado por un accionista ou grupo de accionistas maioritarios. Adicionalmente, incluíuse a responsabilidade por parte do RC Deportivo da organización do Trofeo Teresa Herrera, até entón xestionado polo Concello. Os asinantes foron o entón alcalde, Francisco Vázquez, por parte da corporación municipal e Augusto César Lendoiro como máximo responsábel da entidade deportivista. esquerda|miniatura|290x290px|DeporTienda. Coa primeira participación do Deportivo na Liga de Campións da UEFA, chegan tamén as primeiras e (algunhas) obrigadas actualizacións da recente reforma: a construción dos palcos VIP na bancada de Preferencia Inferior, habilitación de zonas especiais para atender os xornalistas tralo remate dos partidos ou substitución dos antigos asentos de plástico de Preferencia Inferior, que carecían de apoio, por outros de maiores dimensións que si o tiñan, foron algunhas das melloras.

En xaneiro de 2001 suprimíronse os valados metálicos que evitaban que os seareiros invadisen o campo. Ese mesmo ano, nos novos locais comerciais resultantes das obras de ampliación na bancada de Tribuna, inaugurouse o 7 de agosto a primeira Deportienda (onde se venden produtos oficiais do conxunto herculino) na esquina máis próxima á praia, e a partir de 2003 un ximnasio coñecido como ZonaFit (xestionado por unha empresa externa, allea a Concello e Deportivo) na esquina oposta da mesma Rúa de Manuel Murguía. Baixo as bancadas de Preferencia Superior e con acceso desde a Avenida da Habana, foron habilitadas oficinas de atención ao socio e de venda de entradas, feito que provocou o abandono das históricas instalacións que para ese fin tiña até entón o club herculino na Avenida da Mariña.

Melloras de 2015 e 2016 e futuro museo No verán 2015, a directiva acomete melloras parciais das instalaciónsLa Voz de Galicia: "Dos enormes videomarcadores destacan en el lavado de cara de Riazor": miniatura|270px|Nova faciana após as reformas de 2015. Eliminación das pingueiras nas bancadas que debido a sucesivos temporais danaran a cuberta. Os asentos de Pavillón e Preferencia Inferior foron tratados e repintados «para se amosar como novos» e permitiren a configuración da palabra Dépor e a data 1906, visíbeis co estadio baleiro. Os chanzos de ambas as bancadas foron pintados de gris para mellorar a estética e tratados cun produto antiescorregante para evitar o perigo cando estean mollados. O espazo para discapacitados foi trasladado a Preferencia Inferior, xusto na entrada da porta 27, á que se chega directamente pola rampla da Deportienda. Substitución dos videomarcadores dos fondos por outros máis modernos e de maior tamaño. Instalación de céspede artifical no perímetro do terreo de xogo a fin de ocultar os antiestéticos restos das vellas pistas de atletismo. O 2 de xullo, pouco despois de ser elixido, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou tras unha reunión co presidente deportivista Tino Fernández, a súa predisposición a aprobar un hipotético cambio no nome do estadio baixo o patrocinio dunha empresa privada sempre que se respectase ao mesmo tempo o nome orixinal e oficial.

O 31 de decembro dese mesmo ano o Deportivo anunciou o peche definitivo do ximnasio ZonaFit (do que asumira tempo atrás a súa xestión) para dedicalo a un futuro museo relacionado coa historia do club.

Xa en 2016, foron substituídos todos os asentos das bancadas superiores que formaban franxas brancas e azuis por outros novos, todos eles azuis á semellanza dos das bancadas inferiores. Posteriormente, xa no outono dese ano, foi tamén anovado o sistema de rego e a capa de céspede, obra que non se acometía desde había vinte anos. Unha das razóns que motivou esta obra foi o cumprimento da nova normativa da LFP cara mellorar a calidade das retransmisións televisivas.

Proxecto de 2017 para anovar as cubertas das bancadas O 3 de xuño de 2017 os concelleiros José Manuel Sande e Xiao Varela presentaron o proxecto de substitución da totalidade das cubertas, logo de que estas padeceran anos de escaso ou nulo mantemento, circunstancia que chegou a provocar o adiamento dun encontro de 1ª División entre o Deportivo e o Real Betis debido a un temporal. O comezo das obras está previsto para maio de 2018.

A anterior corporación local, liderada por Carlos Negreira, xa adxudicara unha obra para unha nova cuberta a Dragados por valor de 2,5 millóns de euros, porén a empresa construtora decidiu renunciar ao contrato por considerar dita cantidade insuficiente.

Patrocinio do nome