Santo André de Valadares é unha parroquia do concello de Vigo. Limita coas parroquias de Beade, Coruxo, Matamá, Santo André de Comesaña e Zamáns e pertence ó arciprestado de Vigo-Santo André. Ten 20 entidades de poboación. Segundo o IGE, en 2022 tiña 5.407 habitantes (2.619 homes e 2.788 mulleres).
As súas entidades de poboación son as seguintes: Alba, As Barrocas, Os Bértolos, O Canizo, O Carregal, A Costa, O Fabás, Freixo, A Gándara, A Garrida, A Igrexa, O Outeiro, A Pinguela, O Portal, Prado, San Xoán de Freixo, A Senra, Seoane, A Simona e A Sobreira.
Xentilicio O seu xentilicio é valadarexo.
Situación Valadares está situado ás aforas do concello de Vigo. É unha parroquia extensa, con case 13 km2 , cunha orografía accidentada e os montes Alba e Galiñeiro como fronteira entre o Val de Fragoso e o Val de Miñor. A existencia de importantes masas forestais é outra das características desta parroquia que segundo o último censo, ten 5.414 habitantes.
Dispón dun servizo regular de autobuses (liña L7) que saen dende Vigo (Praza España) en dirección a distintas zonas da parroquia (cada 30 minutos). Tamén hai un servizo regular de transporte interurbano que sae da Estación de Autobuses da Avda. de Madrid cara Gondomar.
Historia Tradicionalmente únese a historia desta parroquia coa liñaxe dos Valadares, que máis tarde lle dará nome ó marquesado. É moi posible que a casa de Valadares adquirise o dominio durante as loitas feudais do S.XV. As novas referentes a estas terras non comezan ata ben entrado o período moderno, xa que apenas hai datos do medievo. no S.XVII obtivo o nomeamento de vila e cabeceira de marquesado, como consecuencia da institución realizada o 4 de abril de 1673 a favor de Luís de Valadares Meira e Sarmiento, que xa tiña o título de vizconde dende 1669 en compensación polos seus servizos prestados ó rei.
A constitución desta nova parroquia é mais tardía que outras e data dos séculos XIV ó XV. Posiblemente estas terras estarían cubertas de monte e figurarían como couto anexo á parroquia de Vincios, que estaría baixo a xurisdición do bispo de Tui.
Figura na relación de concellos realizada de acordo co decreto do 23 de xullo de 1835, igual que o fai no repartimento xeral sobre o consumo de viños, vinagre, augardente, aceite e carne de 1821, pagando este concello un total de 30.716 reais e 13 marabedís.
Valadares mantivo o status de villa ata a reforma territorial de 1837 xa que a reforma administrativa liberal dese ano fixo perder a Valadares a condición de couto e pasou a integrarse no concello de Lavadores para posteriormente unirse ó de Vigo en 1941.
Patrimonio A capela do monte Alba mantén o escudo de armas da familia Valadares, que chegou a ser unha das máis poderosas do sur de Galiza. O conxunto da igrexa parroquial, o cemiterio, o adro e o campo da festa datan dos séculos XVII-XVIII. Na parroquia catalogáronse 240 hórreos (que os veciños chaman cabanas) dos que máis da metade superan os cen anos.
Festas Entre as celebracións da parroquia destacan o Revoltallo de música emerxente, a festa do San Campio (celebrada a finais de agosto), a festa do Santisimo Cristo dos Aflixidos (celebrada a principios de xuño) e o festival de música Freixo-Rock.
Unión Musical de Valladares Valadares é moi coñecida no territorio galego grazas a súa banda de música, a Unión Musical de Valladares, unha das máis importantes bandas de música da comunidade, e unha das máis antigas.
Lugares e parroquias Lugares de Valadares
Parroquias de Vigo
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Parque forestal do monte Alba e Cepudo Lugares de Vigo
Categoría:Parroquias de Vigo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo André