San Lourenzo de Pousada é unha parroquia do concello de Baleira, pertencente ó arciprestado de Valdepedroso. En 2013 tiña seus 126 habitantes distribuídos en oito núcleos de poboación: Airexe (15), O Lago (1), Pousada (16), O Queirogal (25), A Quintá (7), Rego de Pereira (9), Teilalle (3) e Vilar (50).
Xeografía Está delimitada ó norte polas freguesías da Esperela e A Fontaneira, ó sur por Penarrubia e Pedrafita de Camporredondo (as dúas do concello de Baralla), ó leste por Teixeira e Pedrafita de Camporredondo (Baralla), e ó oeste por Riomol e Furís (Castroverde). Da súa xurisdición depende o anexo de San Pedro de Esperela. A altitude media é de 699 metros.
Patrimonio Nesta parroquia hai dous monumentos de carácter relixioso. Na aldea da Quintá está a capela de Santa Bárbara, un pequeno edificio de construción popular que consta dunha planta rectangular conformada por muros de cachotaría e cantería de granito e xisto, e cuberta de lousa a dúas augas. A portada principal é alintelada, cun pórtico sobre ela. No seu interior ten só un retablo de estilo neoclásico.
Na aldea de Airexe está a Igrexa parroquial de San Lourenzo de Pousada. O edificio, de planta cadrada, divídese no seu interior en tres naves, separadas entre si por dúas fileras de columnas e pilastras. O presbiterio é de planta cadrada, con tres contrafortes no exterior. Os muros son de cachotería e cantería de granito e xisto, e a cuberta é de lousa a dúas augas. O presbiterio segue a liña da nave central, situándose a menor altura desta. Dispón dunha ruda cornixa ao longo da nave central, cun arco triunfal de medio punto. O frontis ten unha portada con arco de medio punto, e sobre esta unha torre campanario que sobresae, formando un cuberto de planta cadrada, que apoia sobre catro piares. Dos retablos que se conservan, o da capela maior é de estilo barroco e encóntrase mutilado por causa de diferentes reformas no edificio. Os das capela laterais son de estilo neoclásico o da dereita e barroco o da esquerda.
Lugares e parroquias Lugares de Pousada
Parroquias de Baleira
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Baleira
Categoría:Parroquias de Baleira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Lourenzo