Carlos Pérez Rial tamén coñecido como Perucho, nado o 12 de abril de 1979 en Aldán, Cangas de Morrazo, é un deportista e policía galego, que compite en piragüismo na modalidade de augas tranquilas. A súa especialidade é o caiac sobre as distancias de 200 e 500 metros.
Foi campión olímpico en Pekín 2008, catro veces campión do mundo de piragüismo en augas tranquilas e dúas veces campión de Europa. Suma en total oito medallas no Campionato Mundial e sete no Campionato Europeo.
Traxectoria
Inicios Iniciouse no piragüismo sendo neno, nunha familia de piragüistas. De seu irmán Jesús Pérez Rial, tamén piragüista, herdou o alcume de "Perucho". Aos 14 anos entrou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde comezou a se preparar con Carlos Brage, que sería o seu adestrador durante dez anos.
Foi internacional por primeira vez en 1999, no europeo de Zagreb, onde participou en tres clases, sendo o seu mellor posto un quinto lugar logrado no K2 200m, formando parella con Rodrigo Tiebo. Tamén competiu no Campionato Mundial celebrado en Milán, en K4, quedando en sétima posición. Ao ano seguinte quedou noveno no europeo de Poznan en K2 500. En 2001 quedou cerca de lograr ás súas primeiras medallas no Europeo, en Milán, quedando en quinta e cuarta posición no K2 200 e K2 500 respectivamente, en ambas distancias con Emilio Merchán como compañeiro de caiac. No Mundial dese ano, en Poznan quedaron sétimos no K2 200m. No 2002, a súa mellor clasificación foi un quinto lugar no Europeo de Szeged na categoría K2 200m.
Primeiras medallas internacionais e Atenas 2004 O seu primeiro título de importancia foi a medalla de prata obtida en 2003 na distancia olímpica de K1 500 m nos Mundiais de Gainesville, nos Estados Unidos (1"37'961). O ano seguinte logrou a súa primeira medalla no Campionato de Europa, un bronce, tamén en K1 500 m. Ese ano participou tamén nos seus primeiros Xogos Olímpicos, Atenas 2004, onde quedou sorprendentemente fóra da final ao quedar sexto na súa serie das semifinais.
Campión europeo e mundial miniatura|Monumento homenaxe aos padexeiros olímpicos de Aldán En 2005 proclamouse campión do mundo na distancia non olímpica de K1 200 m, nos Mundiais de Zagreb, cun tempo de 35"289; así como campión de Europa da mesma clase, nos campionatos celebrados en Poznań, cun tempo de 36"098. Ao ano seguinte entrou na Academia de Policía de Ávila e non puido revalidar ningún deses dous títulos, perdendo nas dúas ocasións diante do alemán Ronald Rauhe e obtendo a prata do mundo en Szeged cun tempo de 35"396 e a de Europa en Račice con 34"644.
En 2007 quedou quinto na distancia olímpica dos K1 500 m do Europeo celebrado en Pontevedra, e participou na mesma categoría nos Mundiais de Duisburgo, clasificatorios para os Xogos de Beixín. Pasou a semifinais, mais nesta proba non se puido clasificar máis que para a final B, e moi axustadamente, ao pasar co peor dos tempos (1'45"923). Na final B foi sétimo (16º en xeral), cun tempo de 1' 38,975". Tamén nese ano aprobou as oposicións para entrar na Policía Nacional.
Campión olímpico En 2008, por discrepancias coa directiva, el mais seu irmán Jesús deixaron o Club de Mar Ría de Aldán e ficharon polo Náutico O Muíño de Ribadumia. Nos Xogos Olímpicos de Beijing 2008 obtivo o ouro na categoría de K2-500m xunto a Saúl Craviotto Rivero, cun tempo na final de 1'28''736. Converteuse así no sexto galego en gañar un ouro olímpico. Tamén ese ano foron subcampións de Europa en Milán en K2 500.
Ao ano seguinte proclamouse campión de Europa por segunda vez, desta volta no K2 200 m, ao lograr o ouro con Saúl Craviotto en Brandeburgo. Ademais, tamén xunto a Craviotto, quedou cuarto no K2 500 m. Nas mesmas dúas clases competiu no Mundial dese ano, celebrado no Canadá, logrando o subcampionato nos 200 metros e un cuarto posto nos 500. Nese mesmo campionato coroouse tamén por primeira vez como campión do mundo da clase K1 4x200m, formando equipo con Saúl Craviotto, Francisco Llera e Ekaitz Saies.
Década de 2010 En 2010 volveu a Aldán, ingresando no recentemente creado Club Piragüismo Aldán, presidido polo seu irmán Jesús Pérez Rial. No Europeo de 2010, na localidade asturiana de Trasona, en Corvera, colgouse outras dúas medallas de prata no K2, nas distancias de 200 e 500 metros. No Mundial en Poznan repetiu prata en 200 metros e proclamouse campión do mundo outra vez no K1 4x200 m.
No 2011 non logrou subir ao podio europeo nin mundial en K2, pero proclamouse por terceira vez campión do mundo no K1 4x200 m en Szeged.
En 2012, no preolímpico celebrado en Polonia, non puido conseguir o billete para os Xogos Olímpicos de 2012, despois de que unhas ondas lle arruinasen a carreira de K2 200 m que ía liderando xunto a Craviotto. En 2013 participou no Mundial de Duisburgo cunha nova parella no K2, Diego Cosgaya, non logrando meterse na final nos 1000 metros e quedando novenos nos 500. No K1 4x100, o equipo formado por Perucho, Craviotto, Carlos Arévalo e Carlos Garrote finalizou en quinta posición.
Nos seguintes anos adicou cada vez máis tempo ao surfski ou caiac de mar, gañando a liga galega e o campionato galego, así como A Lanzada Ocean Race de 2016, e participando en 2018 no Campionato de Europa celebrado en Villajoyosa, quedando en 26ª posición.
Recoñecementos En 2004 recibiu a medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo, xunto a David Cal e Teresa Portela entre outros. En 2010 púxoselle o seu nome ao paseo marítimo de Aldán, agora chamado "Paseo Carlos Pérez". Así mesmo, o concello de Ribadumia, onde pasou dous anos no club Náutico O Muíño, nomeouno "Fillo Adoptivo".
Palmarés internacional Xogos OlímpicosAnoLugarMedallaEvento2008Pequín () OuroK2 500mCampionato MundialAnoLugarMedallaEvento2003Gainesville () PrataK1 500m2005Zagreb () OuroK1 200m2006Szeged () PrataK1 200m2009Dartmouth () PrataK2 200m2009Dartmouth () OuroK1 4x200m2010Poznan () PrataK2 200m2010Poznan () OuroK1 4x200m2011Szeged () OuroK1 4x200mCampionato EuropeoAnoLugarMedallaEvento2004Poznan () BronceK1 500m2005Poznan () OuroK1 200m2006Račice PrataK1 200m2008Milán () PrataK2 500m2009Brandeburgo () OuroK2 200m2010Trasona () PrataK2 200m2010Trasona () PrataK2 500m
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial Carlos Pérez Rial en CanoeResults.eu .
Categoría:Nados en 1979 Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo Categoría:Medallistas olímpicos en piragüismo Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por España Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2008 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2004 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2008