O trompeteiro mourisco (Bucanetes githagineus ou Rhodopechys githagineus) é un paxaro da familia dos frinxílidos (Fringillidae).

Descrición É un paxaro gordecho duns 12 cm de lonxitude e coas ás relativamente longas. A plumaxe de base é gris. Na época de reprodución os machos teñen o peteiro vermello, o lombo castaño pálido, o peito e a cola rosados. A cola dos machos ten, nesta época, plumas terminais escuras. O seu peteiro é curto e forte, axeitado para quebrar sementes duras. Come, porén, outras partes das plantas e mesmo insectos.O seu nome vulgar procede do seu canto, de timbre metálico, que recorda o dunha trompetiña de xoguete.

Distribución xeográfica e hábitat Cría nas illas Canarias, e no norte de África, ata o mar Vermello, e dende a península de Anatolia ata Asia central. En Europa hai unha pequena poboación estable en España, a onde chegou procedente do norte de África. Foi detectado por primeira vez como invernante no ano 1969 e, dende 1972, como ave reprodutora na provincia española de Almería. Dende alí espallouse pola costa mediterránea ata o delta do Ebro.

No verán do 2005 houbo un notable desprazamento de individuos desta especie cara ao noroeste de Europa, acadando algúns exemplares Inglaterra.

Son en xeral aves sedentarias, aínda que hai unha certa dispersión postreprodutora, que fai que algúns paxaros do centro de Asia se desplacen en inverno cara ó Paquistán.

Viven en zonas áridas e abertas (deserto e semideserto, zonas esteparias e de rocha) polo que a súa expansión foi relacionada cos efectos do cambio climático. Nos novos territorios amosa aínda certa inadaptación: a mortalidade dos polos é alta e tamén a dos adultos no inverno.

Reprodución miniatura|Bucanetes githagineus amantum Poñen, na primavera, entre 4 e 6 ovos, que chocán unhas dúas semanas. Os polos tardan ó redor de dúas semanas máis en abandonalo niño.

Status na Península Ibérica Malia o aumento da súa área de distribución, é considerado unha especie ameazada en España (Real Decreto 439/1990 de 30 de marzo).

A subespecie presente na Península Ibérica é Rhodopechys githagineus zedlitzi, mentres que a forma canaria é Rhodopechys githagineus amantum.

Nome vulgar noutras linguas Alemán: Wüstengimpel Francés: Roselin githagine Inglés: Trumpeter finch Italiano: Trombettiere Portugués: Pintarroxo trombeteiro

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Vídeos sobre o Trompeteiro en Internet Bird Collection

Categoría:Frinxílidos Categoría:Animais descritos en 1823