Trichechus senegalensis (manatí africano) é unha especie de manatí de África occidental, que habita desde Senegal a Angola. É a única especie de manatí que se atopa no Vello Mundo, e un dos dous sirenios vivos que viven no Vello Mundo; o outro é o dugongo.
Taxonomía O manatí aficano foi descrito como especie co nome Trichechus senegalensis en 1795 polo naturalista Johann Heinrich Friedrich Link. Non se coñecen subespecies deste taxon. Aínda que os manatís africanos viven tanto en áreas costeiras coma en áreas fluviais continentais illadas, as probas xenéticas suxiren que non hai diferenzas significativas entre as dúas poboacións. Clasifícase no xénero Trichechus xunto con outras dúas especies de manatís, o do Amazonas e o do Caribe, e os tres pertencen aos sirenios.
Distribución e hábitat Os manatís africanos son os sirenios que habitan nun maior rango de hábitats, que van desde illas costeiras do Atlántico a ríos no oeste do Sahel, ríos de selvas ecuatoriais e outros. Informouse de poboacións costeiras que ascenden polos ríos durante a estación chuviosa e descenden outra vez durante a estación seca. O movemento e hábitat do manatí africano está ameazado pola construción de presas hidroeléctricas e agrícolas no curso dos ríos que deixan illadas poboacións, como a presa de Akosombo en Ghana. A presa Diama illou da costa permanentemente a poboación de manatís do río Senegal, como tamén a presa de Felou en Mali.
Os manatís africanos poden encontrarse en rexións de África occidental: Angola, Benin, Camerún, Chad, a República do Congo, a República Democrática do Congo, Costa do Marfil, Guinea Ecuatorial, Gabón, Gambia, Ghana, Guinea, Guinea-Bissau, Liberia, Mali, Mauritania, Níxer, Nixeria, Senegal, Serra Leoa e Togo. Os manatís encóntranse en augas salobres ou doces: en océanos, ríos, lagos, esteiros, encoros, lagoas e baías da costa. Os manatís africanos raramente viven en augas con temperaturas por debaixo de 18 °C.
Atopáronse manatís ata a 75 km da costa, onde hai plataformas costeiras pouco fondas e regatos de mangleirais de augas calmas cheos de algas. Entre os lagos do interior onde moran os manatís están o lago Volta, o deltsa interno do río Níxer en Mali, o lago Léré e o lago de Tréné. Debido ás velocidades cambiantes do fluxo de auga e dos niveis da auga nos ríos, algúns destes lagos permanentes serven como refuxio para os manatís dos ríos conectados durante a estación seca. De norte a sur, os sistemas fluviais que teñen manatís son: os ríos Senegal, Saloum, Gambia, Casamance, Cacheu, Mansôa, Geba, Grande de Buba, Tombali, Cacine, Kogon, Konkouré, Serra Leoa, Gran Scarcies, Pequeno Scarcies, Sherbro, Malem, Waanje, Sewa, Missunado, Cavalla, Saint Paul, Morro, Saint John, Bandama, Niouniourou, Sassandra, Comoé, Bia, Tano, Volta, Mono, Ouémé, Níxer, Mékrou, Benue, Cross, Katsena Ala, Bani, Akwayafe, Río del Rey, Ngosso, Andokat, Mene, Munaya, Wouri, Sanaga, Faro, Chari, Bamaingui, Bahr-Kieta, Logoné, Mitémélé, Gabón, Ogooué, Lovanzi, Kouilou, Congo, Dande, Bengo e Cuanza. Os manatís remontan estes ríos ata que non poden avanzar máis porque hai augas pouco profundas ou fortes cadoiros.
As áreas coas poboacións máis grandes de manatís son Guinea-Bissau, as lagoas costeiras de Costa do Marfil, as porcións sur do río Níxer en Nixeria, o río Sanaga de Camerún, as lagoas costeiras de Gabón e as partes inferiores do río Congo. Como parte dun estudo realizado en Costa do Marfil para avaliar onde preferían vivir a maioría de manatís africanos, unha mostra de manatís africanos foi marcada con radio e rastreada. O rastreo observou a maioría da mostra en lagoas costeiras, mangleirais e outros zonas de crecemento de plantas herbáceas. Atopáronse tamén en esteiros herbosos de grandes ríos con mangleiros e en puntos protexidos da costa con menos de 3 m de auga que contiñan mangleiros e macrófitas mariñas.
Dieta Os manatís son omnívoros; e sábese que ocasionalmente comen ameixas, moluscos e peixes que atopan nas redes.Keith Diagne, Lucy. (2014). Phylogenetics And Feeding Ecology Of The African Manatee, Trichechus senegalensis. A porcentaxe da dieta que está composta de material non vexetal varía baseándose na localidade, e os manatís que viven fronte á costa teñen unha media ao longo da vida dun 50 % de alimento non vexetal. O manatí africano é o único sirenio que parece consumir intencionadamente material non vexetal. A maioría da dieta dos manatís africanos está constituída por diversa flora que atopan por riba ou colgando sobre as augas. Os que habitan en ríos comen principalmente plantas que colgan sobre as augas que crecen nas ribeiras dos ríos. A dieta dos que viven en esteiros consiste soamente en mangleiros. Cada día, comen aproximadamente do 4 ao 9 % do seu peso corporal de vexetación húmida. Os microorganismos atopados no intestino groso do manatí africano, o cal mide ata 20 m de lonxitude, axudan a dixerir a gran cantidade e variedade de vexetación que consomen diariamente.
Descrición miniatura|Manatí africano en terra. miniatura|Cranio do manatí africano. O corpo do manatí africano é máis ancho no medio e ten unha cola que lembra un remo. É de cor cincenta con pequenos pelos incoloros que cobren o corpo. Porén, a miúdo crecen sobre o seu corpo algas e outros diminutuos organismos, de tal xeito que acaba parecendo marrón ou verdoso. As crías son máis escuras cando son moi novas. Os manatís africanos miden ata 4,5 m de lonxitude e pesan uns 360 kg. Son extremadamente lentos, movéndose entre 4,8 km e 8,0 km por hora, aínda que cando están asustados pola presenza de predadores poden desprazarse a velocidades duns 32 km/h. Teñen patas anteriores grandes, ou aletas, que usan como remos e para levar a comida á boca. A vexetación que comen mastígana cos seus fortes molares, que son os seus únicos dentes. Cando nacen, en cada mandíbula teñen dous incisivos vestixiais, que perden cando maduran. En caso de que se produza unha perda de dentes molares, crécenlle outros novos. As aletas (pata anterior) do manatí, que teñen uñas, úsanas para rañar outros manatís. Non presentan ningún resto das extremidades posteriores. O seu aspecto exterior é moi similar ao manatí do Caribe; porén, o manatí africano é diferente do manatí do Amazonas, o cal ten unhas características marcas brancas no seu abdome.
Evolución e lendas O manatí africano é un descendente dos triquéquidos que se encontraban nas costas de América do Sur durante o Plioceno. Aínda que tenden a quedarse en augas doces, a teoría suxire que, levada polas correntes oceánicas, a especie chegou a África occidental durante o final do Plioceno. A aparición do manatí africano pénsase que é o resultado destas correntes e do movemento da especie. Os seus devanceiros pasaron de xeración en xeración estas características de facer unha migración ventaxosa e de atopar boa alimentación. O manatí africano non está restrinxido a unha soa área e non ten que dependenr demasiado dun só ecosistema para subsistir. Esta evolución da diversidade do manatí africano pode ser parte do seu principal atributo para sobrevivir. Son máis diversos que outros manatís debido a súa capacidade de sobrevivir en auga salgada, aínda que necesitan acceder á auga doce para beber.
Segundo os pobos de África occidental, un ser chamado Maame Water (tamén escrito Mami Wata) de moitas das lendas da zona costeira, é unha deusa do mar e un símbolo de saúde e beleza. Maame Water tamén salta sobre as canoas e seduce os seus ocupantes a visitar o seu reino. Científicos do Instituto de Bioloxía Acuática do Centro de Investiación Científica e Industrial (CSIR) e o Departamento de Vida Silvestre de Ghana chegaron á conclusión que as lendas de Maame Water están baseadas no manatí africano. Segundo o Dr. Mamaa Entsua-Mensah, que realizou a investigación do CSIR, cando os manatís africanos femias saen á superficie a respirar, parécense a unha deusa. Entsua-Mensah explica que os peitos das femias de manatí crean a ilusión dunha muller-peixe.
Entre o pobo serere de Senegal, Gambia e Mauritania, o manatí considérase sagrado e altamente respectado, porque no mito da creación serere, é o gardián dos segedos do futuro.Senghor, Léopold Sédar, "Chants d'ombre" [en] "Selected poems of LEOPOLD SEDAR SENGHOR", CUP Archive, pp. 103, 125
Comportamento É unha especie nocturna. Adoita moverse silandeiramente, comer e estar activo contra o final do día e durante a noite. Nas horas diúrnas, descansa en augas pouco fondas (1 ou 2 metros de profundidade). En países como Serra Leoa, os manatís africanos migran río arriba cando se producen as cheas en xuño e xullo. Estas inundacións poden diminuír a dispoñibilidade de comida para os manatís e rebaixar a salinidade das vías de auga. Viven en grupos de ata 6 individuos. Teñen moi poucos predadores naturais, dous dos cales son os tiburóns e os crocodilos. Son moi sociais e pasan a maior parte do día establecendo vínculos polo tacto, comunicación sonora e olfacto. Isto crea un forte vínculo relacional entre eles. Cando chega o momento de migrar debido a cambios nas augas, viaxan en grandes grupos buscando augas cálidas e con alimento.
Reprodución O sexo dun manatí só pode determinarse por un xame próximo da súa parte ventral. A única distinción visible entre machos e femias son a aberturas xenitais. Porén, os machos adoitan ser máis pequenos que as femias. Algunhas femias son sexualmente maduras con só 3 anos de idade, e dan a luz cada 3 a 5 anos da súa vida, que se estima en 30 anos. Os machos tardan máis en maduraren (aos 9 ou 10 anos) e raramente poden fecundar unha femia aos 2 ou 3 anos. Reprodúcense durante todo o ano. Cando os machos e as femias se aparean, non son monógamos, e unha femia adoita aparearse con múltiples machos. Cando está en xogo a posibilidade de aparearse cunha femia, os machos loitan entre eles empurrándose. As femias dan a luz unha cría en cada parto despois dunha xestación de 13 meses. As crías poden nadar autonomamente nada máis naceren. Aínda que a súa organización social non se coñece ben, os investigadores indican que os lazos máis comúns e máis estreitos son entre nai e fillo.
Ameazas O manatí africano é unha especie vulnerable debido a que a súa carne, aceite, ósos e pel poden supoñer unha gran ganancia para os furtivos. Os ósos úsanse como bastóns para camiñar e buxainas de xoguete. Nalgúns países, como Nixeria e Camerún, os manatís véndese a zoos, acuarios, en liña como mascotas e ás veces son embarcados a outros países. Os que visitan eses países poden ver como se vende carne de manatí polas rúas e mercados, pero a falta de aplicación da lei protexe os furtivos de recibiren un castigo. Os habitantes de países como Mali e Chad usan o aceite de manatí africano porque cren que cura padecementos como infeccións de oído, reumatismo e condicións da pel.
Outras ameazas para os manatís e o seu hábitat son: o desenvolvemento urbano e agrícola, o incremento da construción de encoros e o aumento do uso da enerxía hidráulica en ríos de países como Costa do Marfil e Ghana. A construción de encoros causou o illamento xenético dalgunhas poboacións. Hai poucos datos que mostren se isto ten efectos negativos a longo prazo sobre a poboación no seu conxunto. En varios encoros hidroeléctricos, como o de Kanji no río Níxer e o de Akosombo no río Volta, os manatís poden quedar atrapados e morrer nas turbinas e válvulas de entrada. Unha conxestión do tráfico de embarcacións nas vías fluviais pode causar que os manatís sexan atropelados e matados polos barcos. Porén, mesmo episodios naturais como secas e cambios mareais poden a miúdo deixar varados os manatís en hábitats non axeitados. Algúns morren accidentalmene en redes de pesca de barcos arrastreiros e en redes que se usan para pescar tiburóns.