Neogale macrodon (antes Neovison macrodon), xeralmente chamado visón mariño, é unha especie de visón recentemente extinguida que vivía na costa leste de América do Norte na zona do golfo de Maine na plataforma continental de Nova Inglaterra. Estaba estreitamente emparentado co visón americano Neogale vison, e continúa debaténdose se este visón mariño debe considerarse unha subespecie (co nome Neogale vison macrodon) do visón americano ou unha especie separada. A principal xustificación para consideralo unha especie separada é a diferenza de tamaño entre os dous visóns, mais poden facerse tamén outras distincións, como o seu pelame máis avermellado. Os únicos restos coñecidos que quedan son fragmentos óseos desenterrados en concheiros (moreas de cunchas arqueolóxicas) dos nativos americanos. O seu tamaño real é especulativo, baseado en gran medida nos restos de dentes.

O visón mariño describiuse en 1903, despois da súa extinción; a información sobre a súa aparencia externa e hábitos procede de razoamentos especulativos e dos relatos feitos por comerciantes de peles e os nativos americanos. Debía ter un comportamento similar ao do visón americano en canto ao mantemento dun territorio, era polixinandro e tiña unha dieta similar, aínda que máis orientado a alimentos mariños. Probablemente se atopaba na costa de Nova Inglaterra dos Estados Unidos e as Provincias Marítimas do Canadá, aínda que a súa área de distribución podería estenderse máis para sur durante o último período glacial. Inversamente, a súa área de distribución podería estar restrinxida soamente á costa de Nova Inglaterra, concretamente no golfo de Maine, ou como moito ademais ata as illas próximas. Era o visón máis grande e por iso era moi cobizado polos comerciantes de peles, que o explotaron ata acabaren por extinguilo a finais do século XIX ou principios do XX.

Taxonomía e etimoloxía miniatura|O estreitamene emparentado visón americano (Neogale vison). O visón americano foi descrito inicialmente co nome Lutreola macrodon, como especie distinta do visón americano, por Daniel Webster Prentiss, un médico e ornitólogo, en 1903, despois da extinción do animal. Prentiss baseou a súa descrición en fragmentos de cranio recollidos en concheiros dos indios americanos de Nova Inglaterra. A maioría dos restos do visón mariño, case todo fragmentos de cranios, proceden dos concheiros, pero non se atopou ningún espécime completo.

Houbo discusión sobre se debía considerarse como unha especie separada ou se era outra das subespecies do visón americano. Os que sosteñen que é unha subespecie adoitan denominalo Neovison vison macrodon (outro sinónimo é Neogale vison macrodon). Un estudo realizado en 1911 por Frederic Brewster Loomis, un paleontólogo estadounidense concluíu que as diferenzas entre os dous visóns eran tan pequenas que non xustificaban a clasificación nunha especie separada e denominouno Lutreola vison antiquus. Un estudo realizado en 2000 por Mead et al. refutou a Loomis ao afirmar que o rango de tamaño do maior espécime de visón mariño estaba moi por riba do do visón americano, o que facía que fose unha especie separada. Pero un estudo de 2001 feito por Graham concluíu que esta diferenza de tamaño é unha proba insuficiente para clasificalo nunha especie propia e que debería considerarse unha subespecie. Graham supoñía que a causa da diferenza de tamaño eran factores ambientais. Ademais, Graham informou que Mead consideraba que os espécimes máis pequenos eran visón americanos, e os máis grandes, fóra do rango do visón americano, eran visóns mariños; isto podería ser un caso de dimorfismo sexual no que todos os espécimes eran visón mariños, os máis grandes serían machos e os menores, femias. Un estudo de 2007 comparou o arranxo dental dos visóns mariños e americanos, e chegou á conclusión de que eran diferentes dabondo como para consideralos dúas especies distintas.

A taxonomía dos visóns revisouse en 2000, resultando na creación do novo xénero, Neovison, que incluía só o visón americano. Antes, ambos os visón estaban clasificados no xénero Mustela. O nome da especie macrodon significa "dentes grandes". De acordo con Richard Manville, un naturalista que sostén que o visón mariño non é unha especie separada, o seu parente máis próximo é N. v. mink, que tamén habita en Nova Inglaterra. Un estudo de 2021 sobre os mustelinos do Novo Mundo atopou que o visón mariño, xunto con outras catro especies existentes, debería clasificarse no novo xénero Neogale.

Os comerciantes de peles que o cazaban déronlle varios nomes, equivalentes a marta de auga, lontra mariña vermella e gato pescador. Posiblemente, a primeira descrición desta especie fixéraa Sir Humphrey Gilbert a finais do 1500 que dixo que era similar a "un galgo como un peixe", o que facía referencia á súa afinidade polo mar e á feitura do seu corpo e forma de andar, que se parecían ás dun galgo. É posible que a marta pescadora (Pekania pennanti) obtivese o seu nome ao identificala erradamente como un visón mariño, que era tamén coñecido como pescador polos comerciantes de peles. Os indios abenaki denominábano "mousebeysoo", que significa "cousa mollada". Chamóuselle "visón mariño" porque os comerciantes de peles sempre o atopaban preto da costa, mentres que o visón americano era máis de bosque.

Distribución O visón mariño é un mamífero mariño que vivía en cosas rochosas de Nova Inglaterra, Estados Unidos e a parte sur das Provincias Marítimas canadenses ata que foi cazado ata a extinción a finais do século XIX ou principios do XX. A maioría dos restos de visóns mariños desenterráronse na costa de Maine. Aínda que se especulou que nalgún momento chegaron a habitar en Connecticut e Rhode Island, normalmene estaban confinados na cota da Baía de Fundy (no golfo de Maine), e dise que anteriormente vivían na costa suroeste de Nova Escocia. Houbo informes de peles de visón especialmente grandes recollidas en Nova Escocia regularmente. Os ósos dun espécime desenterrado en Middleboro, Massachusetts foron datados cunha antigüidade de 4.300±300 anos e atopados a 18 km da auga salgada. O visón mariño puido alcanzar esa zona remontando os ríos ou puidérono traer os indios americanos. Iso último é o máis probable, xa que non se descubriu ningún outro resto entre Casco Bay en Maine e o sueste de Massachusetts. Atopáronse ósos de visón mariño en escavacións no Canadá, aínda que estes puideron levalos alí os indios desde o golfo de Maine. As costas accidentadas da rexión Down East de Maine puideron funcionar como unha barreira no noroeste da súa área de distribución. Mead chegou a conclusión de que os que vivían no continente eran só os visóns americanos, mentres que os visóns mariños estaban restrinxidos ás illas da costa. Se é así, entón todos os restos atopados na parte continental serían transportados ata alí. Graham puxo en dúbida esta hipótese, afirmando que é improbable que todos os espécimes de visón mariño se orixinasen dunha soa poboación.

Durante o último período glaciar, que acabou hai 12.000 anos, a distribución dos visóns mariños talvez se estendía máis ao sur do golfo de Maine. Mesmo pode que evolucionasen alí, xa que Maine daquela estaría cuberto por glaciares, aínda que o espécime máis vello coñecido só data de hai uns 5.000 anos; isto puido deberse á subida do nivel do mar, e os restos de visóns mariños máis antigos poderían estar hoxe submerxidos baixo a auga. Alternativamente, tamén pode ser que o visón mariño evolucionase despois do último período glacial, enchendo un novo nicho ecolóxico.

Descrición miniatura|Dentición do maxilar superior do visón mariño (esquerda) e do visón americno (dereita).

Como o visón mariño só puido describirse a partir de restos fragmentarios, a súa aparencia e comportamentos non están ben documentados. Os seus parentes, así como as descricións feitas por comercians de peles e os nativos americanos, dan unha idea xeral do aspecto deste animal e a súa función ecolóxica. Os relatos dos nativos americanos das rexións de Nova Inglaterra e o Canadá atlántico informaban que o visón mariño tiña un corpo máis groso co dun visión americano. Producía un cheiro distintivo, e tiña un pelame que se dicía era máis basto e vermello que o do visón americano. Pénsase que o naturalista Joseph Banks encontrou este animal en 1776 no estreito de Belle Isle, e describiuno como un animal algo máis grande que un raposo, con patas longas e un rabo longo que se adelgazaba cara ao final, similar a un galgo.

O visón mariño era o visón máis grande. Como só exisen restos fragmentarios do seu esqueleto, a maioría das súas medidas externas son especulativas e dependen só das medidas dentais. En 1929, Ernest Thompson Seton, un artista da natureza salvaxe, concluíu que as dimensións probables dese animal son 91,4 cm da cabeza ao rabo, e o rabo era de 25,4 cm de longo. Un posible espécime disecado recollido en 1894 en Connecticut medía 72 cm de cabeza ao rabo e o rabo era de 25,4 cm; un estudo de 1966 atopou que este espécime era un visón americano grande ou posiblemente un híbrido. O espécime describiuse como con pelame basto de tons avermellados, aínda que a maior parte del foise en parte descolorando coa idade. Era máis escuro no rabo e nas patas traseiras, cunha mancha branca de 5 × 1,5 cm entre os antebrazos. Tiña tamén manchas brancas no anebrazo esquerdo e na zona do fociño.

O espécime tipo recollérono Prentiss e Frederick True, este último un biólogo, en 1897 en Brooklin, Maine, e os seus restos consistían nun maxilar superior, partes do óso nasal e o padal. Os dentes conservados estaban todo na parte dereita do padal, e o lado esquerdo consistía en incisivos e un premolar. Agás un dente canino partido, todos os dentes estaban en boas condicións. O espécime é aparentemente meirande que o visón de Alasca (N. v. nesolestes), xa que a distancia media entre o último incisivo e o primeiro molar é de 2,8 cm no visón de Alasca, mentres que esa distancia é de 3 cm no espécime tipo. O óso nasal ten unha subida máis abrupta, e o dente carniceiro fai un ángulo máis agudo coas enxivas que o do visón N. v. mink.

Estes visóns son grandes e de constitución pesada, cunha crista saxital baixa e curta, amplos procesos postorbitais (proxeccións do óso frontal detrás da órbita ocular). De feito, as características máis salientables do cranio eran o seu tamaño, claramente meirande que o doutras especies de visóns, cun rostro ancho, aberturas nasais grandes, forame infraorbital grande (abertura no cranio en fronte da órbita ocular) e dentes grandes. O seu gran tamaño era probablemente unha resposta ao seu ambiente costeiro, xa que a subespecie existente máis grande do visón americano, que é o visón de Alasca (N. v. nesolestes), habita no arquipélago Alexander de Alasca, unha área cun hábitat similar ao do golfo de Maine. Mead, chegou á conclusión de que o visón estaba restrinxido ás illas próximas á costa, e suxeriu que o seu tamaño grande debíase ao xigantismo insular. Como case todos os membros da subfamilia Mustelinae mostran dimorfismo sexual, os machos do visón mariño eran probablemente maiores que as femias. O dente carniceiro do visón mariño e as súas follas carniceiras máis romas suxiren que rompían cunchas de invertebrados máis a miúdo que o visón americano.

Comportamento miniatura|O visón mariño era un predador da zona intermareal do golfo de Maine.