El ahogado más hermoso del mundo é un conto de Gabriel García Márquez, escrito en 1968 pero publicado no libro de 1972 La increíble y triste historia de la cándida Eréndira y de su abuela desalmada.

Argumento Os nenos dunha pequena aldea costeira de «apenas vinte casas de táboas» atopan o corpo dun home na praia, cuberto dunha coiraza de rémora e lama. Os nenos xogan co corpo no areal, ata que os adultos os descobren. Deciden oficiar un pequeno funeral para o afogado, antes de devolvelo ao mar dende o cantil, pois non hai suficiente terra para realizar un enterro. Non obstante, antes de realizar todo isto, os homes levan o corpo á aldea para que as mulleres o preparen, mentres van ás aldeas veciñas para ver se alguén pode identificar o home.

O corpo do home é extremadamente alto e, unha vez que o limpan, as mulleres descobren que é en extremo guapo e fornido, polo que fantasean como fora en vida. Unha anciá declara que ten cara de chamarse Esteban, e tras algunhas reticencias, todas aceptan o nome. Cósenlle a roupa, pois non hai na aldea camisas ou pantalóns do seu talle, mais aínda así as pezas de vestir non lle son suficientemente grandes. As mulleres comezan a sentir mágoa e simpatía por el, pois cren que o seu tamaño debeu ser unha incomodidade para el, e cóbrenlle a cara cun pano.

Os homes volven á aldea sen atopar a ningún familiar do morto, polo que as mulleres continúan cos preparativos para o funeral, colocando o corpo nun altar e adornándoo con varios obxectos. Os homes comezan a despotricar por esmerarse tanto no funeral dun estraño, pero cando quitan o pano da cara de Esteban tamén eles se sorprenden do seu carácter humilde. As mulleres van a asentamentos veciños por flores que non crecen na aldea, e a xente destes lugares regresa con elas para ver a Esteban, ata que hai tantas persoas que «apenas si se podía camiñar». Os habitantes senten dor por devolver a Esteban ao mar sen pai nin mai, polo que escollen dúas persoas que cumpran este rol, así como irmáns, tíos e curmáns, ata que todos están emparentados entre si. Obviando a tradición, os habitantes lanzan a Estaban ao mar sen unha áncora, coa esperanza de que regrese algún día. O día do funeral, os habitantes están deprimidos e decátanse do pequena e desolada que é a súa aldea.

Despois do funeral, os habitantes deciden facer as portas das súas casas máis altas, pintalas con cores alegres en honra á súa memoria, e sementar flores. Eles esperan que un día un cruceiro pase preto da aldea, que o capitán a sinale, e lles diga aos pasaxeiros que esa é a aldea de Esteban.

Notas

Categoría:Contos Categoría:Gabriel García Márquez