Unha empresa de traballo temporal (ETT) é unha empresa autorizada para contratar a persoas traballadoras co fin de cedelas temporalmente a outras empresas, denominadas empresas usuarias, nas que prestarán os seus servizos. En España, a súa actividade está regulada principalmente pola Lei 14/1994, do 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal.

A contratación a través dunha ETT constitúe unha modalidade de intermediación laboral e emprego que se caracteriza por crear unha relación triangular entre tres suxeitos: a empresa de traballo temporal, a empresa usuaria e a persoa traballadora cedida. Aínda que a persoa traballadora desenvolva a súa actividade na empresa usuaria, a súa empregadora continúa sendo a empresa de traballo temporal.

Marco internacional e europeo A regulación das empresas de traballo temmporal está condicionada tanto polo Dereito internacional do traballo como polo Dereito da Unión Europea.

No ámbito internacional destaca o Convenio núm. 181 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre as axencias de emprego privadas, adoptado en 1997. Este convenio revisou e substituíu a orientación do anterior Convenio núm. 96 sobre as axencias retribuídas de colocación (1949), que respondía a unha concepción máis restritiva da intermediación privada no mercado do traballo. Fronte a ese modelo, o Convenio 181 recoñece o papel das axencias privadas de emprego no funcionamento do mercado laboral e establece a necesidade de garantir a protección das persoas traballadoras, a liberdade sindical, a negociación colectiva, a igualdade de oportunidades e de trato e a prevención de prácticas discriminatorias. Este convenio tamén obriga aos Estados que o ratifican a establecer mecanismos de control e supervisión da actividade destas entidades.

No ámbito europeo, a norma de referencia é a Directiva 2008/104/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, relativa ao traballo a través de empresas de traballo temporal, que establece un marco común para a protección das persoas traballadoras cedidas e para o desenvolvemento desta forma de organización do traballo na Unión Europea. A directiva pretende mellorar a calidade do traballo temporal a través da aplicación efectiva do principio de igualdade de trato e recoñece o papel das ETT na creación de emprego e na flexibilidade do mercado laboral.

Funcionamento das empresas de traballo temporal en España

Réxime xurídico En España a lexislación que regula as empresas de traballo temporal atópase na Lei 14/1994, de 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal e nos Reais Decretos e convenios colectivos posteriores. Para que as actividades desenvolvidas polas empresas de traballo temporal se adecúen á normativa, estas precisan obter a autorización administrativa correspondente ante a Dirección Provincial de Traballo ou a Dirección Xeral de Emprego se a ETT ten centros de traballo en diferentes provincias.

Os requisitos esixidos pola Lei 14/1994 para obter a devandita autorización son:

Dispor dunha estrutura organizativa que lle permita cumprir coas obrigas que asume como empregadora. Dedicarse exclusivamente á actividade constitutiva da empresa de traballo temporal. Carecer de obrigas fiscales ou de seguridade social pendentes. Garantir as obrigas salariais, indemnizatorias e de seguridade social. Non ter sido sancionada con suspensión de actividade en dúas ou máis ocasións. Inlcluir na denominación á referencia de empresa de traballo temporal.

Unha vez obtida a autorización, o funcionamento das empresas de traballo temporal articúlase mediante dúas relacións xurídicas diferenciadas:

Un contrato de traballo entre a ETT e a persoa traballadora. Un contrato de posta a disposición entre a ETT e a empresa usuaria

A través deste último contrato, a empresa usuaria pode dispoñer temporalmente das persoas contratadas pola ETT para atender necesidades produtivas ou organizativas previstas pola lexislación laboral. Esta configuración supón que a empresa de traballo temporal é a verdadeira empregadora da persoa traballadora, mentres que a empresa usuaria recibe temporalmente os seus servizos e exerce determinadas facultades relacionadas coa organización do traballo.

Contrato de posta á disposición O contrato de posta á disposición é un acordo de natureza mercantil polo que a ETT cede temporalmente a unha persoa traballadora contratada por ela á empresa usuaria, que pasa a exercer as facultades de dirección e organización da actividade laboral.

O art. 6.2 da Lei 14/1994 (na redacción dada pola disposición final 3ª do Real Decreto 4/2013, de 22 de febreiro, de medidas de apoio ao emprendendor e de estímulo ao crecemento e á creación de emprego) establece que poderán celebrarse contratos de posta a disposición nos mesmos supostos nos que a empresa usuaria podería celebrar un contrato de duración determinada ou un contrato formativo cunha persoa traballadora, sempre que se cumpran os requisitos legalmente establecidos.

Pola contra, o art. 8 da Lei 14/1994 prohíbe a celebración de contratos de posta a disposición para:

Substituír persoas traballadoras en situación de folga na empresa usuaria. Realizar traballos especialmente perigosos para a seguridade e a saúde laboral. Nos casos de amortización de postos de traballo efectuada na empresa nos doce mesos anteriores. Ceder persoas traballadoras a outra empresa de traballo temporal.

Se a persoa traballadora continúa prestando servizos na empresa usuaria unha vez rematado o contrato de posta á disposición, poderá adquirir a condición de traballadora indefinida desta empresa nos termos previstos pola normativa laboral.

Contrato de traballo coa empresa de traballo temporal A persoa traballadora é contratada pola empresa de traballo temporal, que asume a condición de empregadora durante toda a vixencia da relación laboral. O contrato de traballo pode celebrarse por tempo indefinido ou por duración determinada vinculada ao correspondente contrato de posta á disposición.

A ETT é a responsable das principais obrigas empresariais derivadas da relación laboral. En particular:

Formaliza o contrato de traballo. Abona os salarios. Dá de alta e cotiza pola persoa traballadora no sistema da Seguridade Social. Exerce a potestade disciplinaria. Asume as restantes obrigas propias da condición de empregadora.

As persoas traballadoras contratadas por unha ETT teñen dereito ás mesmas condicións esenciais de traballo e emprego que lles corresponderían se fosen contratadas directamente pola empresa usuaria para ocupar o mesmo posto. Este principio abrangue aspectos como a remuneración, a duración da xornada, as horas extraordinarias, os períodos de descanso, o traballo nocturno, as vacacións e os días festivos.

Relación entre a persoa traballadora e a empresa usuaria Aínda que a empresa usuaria non é a empregadora da persoa traballadora, a lei atribúelle determinadas facultades e responsabilidades derivadas da organización do traballo.

Durante o período de posta á disposición, a empresa usuaria exerce as facultades de dirección e organización da actividade laboral. Isto significa que é a encargada de determinar as tarefas a realizar, organizar o traballo e supervisar a prestación dos servizos. Pola contra, a potestade disciplinaria continúa correspondendo á ETT, que mantén a condición de empregadora.

A empresa usuaria tamén é responsable da protección da seguridade e saúde da persoa traballadora durante a prestación dos servizos e pode responder, nos supostos legalmente previstos, de determinadas obrigas salariais e de Seguridade Social.

As persoas traballadoras cedidas teñen dereito a utilizar os servizos comúns da empresa usuaria, como o transporte, os comedores, as garderías ou outras instalacións colectivas, nas mesmas condicións que o persoal contratado directamente por ela.

Dimensión económica e laboral As empresas de traballo temporal constitúen un elemento significativo do mercado de traballo español. Segundo a Estatística de Empresas de Traballo temporal do Ministerio de Traballo e Economía Social, en 2025 existían 217 empresas de traballo temporal autorizadas en España. Durante ese ano formalizáronse 4,5 millóns de contratos de posta a disposición e 779 mil persoas foron contratadas por ETT para seren cedidas a empresas usuarias. Os contratos de posta á disposición disstribúense de maneira desigual entre os distintos sectores económicos. Segundo os datos correspondentes a 2025, a industria manufactureira concentra o maior volume de contratación a través de ETT, seguida da hostalaría, o transporte e almacenamento, a agricultura e o comercio. Porén, as ETT son criticadas polas organizacións sindicais de ser un dos principais focos de precariedade laboral.

Normativa reguladora das empresas de traballo temporal Lei 14/1994, de 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal. Real Decreto 216/1999, de 5 de febreiro, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo dos traballadores no ámbito das empresas de traballo temporal. Real Decreto 5/2001 CAPÍTULO III MODIFICACIÓNS QUE SE INTRODUCEN NA LEI 14/1994, DE 1 DE XUÑO, POLA QUE SE REGULAN AS EMPRESAS DE TRABALLO TEMPORAL Real Decreto 417/2015, de 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento das empresas de traballo temporal Convenio da Organización Internacional do Traballo sobre as axencias de emprego privadas, 1997 (núm. 181). Directiva 2008/104/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008, relativa ao traballo a través de empresas de traballo temporal.

Notas

Categoría:Empresas por tipo Categoría:Traballo