Noites brancas (en ) é unha novela curta de Fiódor Dostoievski, publicada orixinalmente en 1848, nos comezos da súa carreira como escritor.
Como moitas das narracións de Dostoievski, a historia cóntaa un narrador anónimo en primeira persoa. Trátase dun home novo que vive en San Petersburgo e sofre pola súa soidade. Porén, a súa situación muda ao namorar dunha moza que coñece pola rúa.
Foi publicada en galego por Irmás Cartoné no 2026.
Título Nas áreas de alta latitude de Rusia, coma a cidade de San Petersburgo, ocorre un fenómeno natural coñecido popularmente como as noites brancas. Durante o solsticio de verán, atrásase o solpor e adiántase o amencer, polo que a escuridade nocturna nunca é completa. A historia transcorre durante varias destas noites. Porén, o título ten tamén un significado simbólico, xa que o protagonista cre atopar por fin o alivio da súa longa soidade, unha ilusión fugaz que se desfai co derradeiro amencer.
Dostoievski alude tamén ás noites brancas na segunda parte de Idiót (en ), cando o príncipe Myshkin queda na dacha de Ippolit.
Sinopse Introdución A historia transcorre durante catro noites, nas que se desenvolve o encontro e relación entre o protagonista e a moza Nástenka. A obra estrutúrase en 6 capítulos:
A primeira noite A segunda noite A historia de Nástenka A terceira noite A cuarta noite A mañá
A primeira noite O narrador vive nun pequeno apartamento da cidade de San Petersburgo coa única compaña da súa vella criada, Matryona. Un día, namentres realiza un dos seus paseos diarios, atópase cunha moza, Nástenka, que chora apoiada contra o peitoril do río. Tras dubidar un intre se preguntarlle pola súa situación, decide continuar o seu camiño; porén, ao escoitala gritar ten que intervir para salvala dun home que intenta acosala.
Malia a súa timidez, acompáñaa á súa casa e cítanse para a noite seguinte no mesmo lugar. Porén, Nástenka imponlle unha condición: que non pode namorar dela.
A segunda noite Durante o seu segundo encontro, Nástenka preséntase e ambos narran as súas vidas. Nun discurso semellante ao de Zapíski iz podpólya (en ), o narrador elabora un discurso grandilocuente sobre a soidade e sobre a felicidade de ter atopado alguén que lle faga compañía. A propia Nástenka comenta que "fala como se lese un libro". Ao remate, a moza comprométese a ser a súa amiga.
A historia de Nástenka Nesta terceira parte, que sucede no espazo temporal da anterior, Nástenka cóntalle a súa vida ao narrador. A rapaza vive coa súa avoa cega, que a controla de xeito moi estrito, até o punto de atala á súa saia cun alfinete para que non se afaste dela. Tras o pasamento do seu antigo hóspede, a avoa alúgalle o piso superior da casa a un mozo pobre mais distinguido. Este comeza a prestarlles libros para que poidan pasar o tempo, entre eles algúns de Walter Scott e Aleksandr Pushkin. Así mesmo, convídaas varias veces ao teatro.
A noite antes de que o home teña que mudarse a Moscova por traballo, Nástenka sube a velo de noite para pedirlle que case con ela. Este négase, aducindo carecer do soldo necesario para mantela; con todo, promete regresar un ano despois para tomala como esposa. A moza remata o seu relato indicando que xa pasou exactamente un ano, mais o seu pretendente non se presentou nin escribiu carta algunha.
A terceira noite alt=As noites brancas de San Petersburgo|miniatura|As noites brancas de San Petersburgo O narrador decátase de que se está a namorar platonicamente da rapaza. Non obstante, axúdaa a escribir unha carta para expresarlle os seus sentimentos ao seu pretendente e concertar un encontro. Tras non recibir resposta, Nástenka comeza a perder a esperanza. Ao ter cada vez máis confianza co narrador, confesa que o quere moito como amigo por non namorar dela. O narrador, consciente de que o seu amor non vai ser correspondido, comeza a sentirse afastado de Nástenka.
A cuarta noite Dous días despois, o prometido de Nástenka segue sen aparecer. Finalmente, ambos os dous xuran o seu amor, pois a rapaza séntese rexeitada. Fan plans para a súa voda, e ela ofrécelle vivir na súa casa como inquilino. No cumio das súas fantasías, aparece o prometido; Nástenka bica ao narrador nos labios, mais marcha co seu primeiro amor.
A mañá Ao día seguinte, o narrador recibe unha carta, na que Nástenka afirma querelo como amigo e pide que a perdoe. Convídao a formar parte da súa vida, aínda que case co seu prometido. O narrador négase.
Personaxes
Principais alt=Escena de Le notti bianche (1957), de Luchino Visconti|miniatura|O narrador e Nástenka en Le notti bianche (1957) de Luchino Visconti. O narrador. Trátase dun home de 26 anos, pobre, soñador e solitario que nunca conversa con ninguén nin fai amizades, malia percorrer todos os días as rúas de San Petersburgo. Vive coa súa criada Matryona nun piso de alugueiro. Caracterízase pola súa fala requintada e a súa timidez, así como por ser sinxelo, honrado, nobre e honesto. Nástenka. Unha rapaza de 17 anos que vive coa súa avoa cega e a criada de ambas, unha muller xorda. Permanece case todo o día atada á saia da súa avoa por un alfinete, para evitar que marche da casa e comprometa a súa honra. Porén, namorou do inquilino do piso superior, quen prometeu casar con ela tras pasar un ano en Moscova. Ao comezo da obra, Nástenka agarda polo seu regreso. O inquilino. Un mozo que chega a San Petersburgo para solucionar algúns asuntos. Convértese en hóspede da avoa de Nástenka. De aspecto distinguido e culto, comparte os seus libros coas donas da casa, ademais de convidalas ao teatro. Nástenka namora del e este parece correspondela. Non obstante, debe partir cara a Moscova para gañar a vida, mais promete regresar á cidade tras un ano para casar con ela.
Secundarias A avoa. Unha muller anciá e case totalmente cega. No seu tempo, foi unha muller rica, mais agora vive grazas ao alugueiro do piso superior da súa casa. Criou a Nástenka dende que esta ficou orfa. Así mesmo, contratou profesores particulares para educala. Tenta facer dela unha rapaza de virtude e de moral irreprochable. Xa que logo, non lle permite saír soa de casa nin ler novelas inmorais. Matryona. A criada do narrador, unha muller vella e desaseada. Encárgase de limpar o seu apartamento.
Análise Estilo alt=Retrato de Fiódor Dostoievski|miniatura|Retrato de Fiódor Dostoievski O narrador da obra é un narrador personaxe. O relato cóntase dende a súa perspectiva e a través dos seus pensamentos, agás no capítulo dedicado á historia de Nástenka. A narración está na primeira persoa do singular.
Temas En Belye nochi aparecen algúns dos temas predilectos da obra de Dostoievski:
A figura do soñador e o soño como forma de vida. A soidade. A introspección e a análise do eu. O amor idílico.
A obra céntrase no amor libre cara a outra persoa, aínda cando o destino impida a vida xuntos. Tamén se representa a idea do fatalismo respecto da existencia humana, en especial en relación coa conclusión pesimista da obra.
Traducións
En galego
Noites brancas (2026). Tradución de Rosana Murias e Maria Tolstaia. Irmás Cartoné.
En castelán Noches blancas (2025). Tradución de Juan Luis Abollado. Galaxia Gutenberg. . Noches blancas: novela sentimental (2015). Tradución de Marta Sánchez-Nieves. Ilustracións de Nicolai Troshinsky. Nórdica Libros. .
En portugués Noites Brancas (2009). Tradución de Nivaldo dos Santos. Ilustracións de Livio Abramo. Editora 34. .
Adaptacións Cinematográficas alt=Cartel dunha representación francesa de Belye nochi (1981)|miniatura|Cartel dunha representación francesa de Belye nochi (1981) Belye nochi foi adaptada ao cinema en múltiples ocasións:
Le notti bianche (1957), de Luchino Visconti (León de Prata no Festival Internacional de Cinema de Venecia de 1957). Belye nochi (película de Iván Píriev) (1959), de Iván Píriev. Quatre nuits d'un rêveur (1971), de Robert Bresson. Saawariya (2007), de Sanjay Leela Bhansali. Nuits blanches sur la jetée (2014), de Paul Vecchiali.
Pola súa banda, a película Two Lovers (2008) do estadounidense James Gray está inspirada na novela curta de Dostoievski.
Teatrais Noites Brancas (2004), protagonizada por Luís Arthur e Débora Falabella, baixo a dirección de Yara de Novaes.
Televisivas Noites Brancas (1973), especial emitido na Rede Globo e dirixido por Oduvaldo Viana Filho, con Francisco Cuoco e Dina Sfat nos papeis principais.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Fiódor Dostoievski
Categoría:Obras de Fiódor Dostoievski Categoría:Literatura en lingua rusa Categoría:Literatura de Rusia