A epidermólise bolosa distrófica (EBD), tamén denominada epidermólise ampolosa distrófica, é unha enfermidade rara de orixe xenética que afecta principalmente á pel e, en ocasións, a outros órganos e tecidos do organismo. Caracterízase pola extrema fraxilidade cutánea, polo que pequenos traumatismos ou rozamentos poden provocar a formación de bochas, feridas e cicatrices. Debido a esta elevada vulnerabilidade da pel, a enfermidade se coñece popularmente como «pel de bolboreta», en referencia á delicadeza da pel das persoas afectadas, comparable ás ás dunha bolboreta. A prevalencia da enfermidade é baixa, estimándose que afecta aproximadamente a entre 2 e 6 persoas por cada millón de habitantes, aínda que esta cifra pode variar segundo a poboación estudada e o subtipo clínico.

Signos e síntomas As manifestacións clínicas da epidermólise bolosa distrófica débense á alteración das fibrilas de ancoraxe que unen a epiderme coa derme subxacente. Esta alteración é consecuencia de mutacións no xene COL7A1, situado no cromosoma 3, responsable da síntese do coláxeno de tipo VII, unha proteína esencial para manter a adhesión entre ambas as capas da pel. Como resultado, a pel presenta unha elevada fraxilidade e fórmanse bochas e feridas tras traumatismos ou rozamentos de escasa intensidade. A gravidade dos síntomas varía segundo o subtipo da enfermidade. O coláxeno de tipo VII tamén está presente no epitelio que reviste o esófago. Por este motivo, as persoas con epidermólise bolosa distrófica poden desenvolver cicatrices crónicas, membranas e estenoses esofáxicas que dificultan a deglutición. As lesións recorrentes da mucosa oral e do esófago adoitan provocar dor e dificultade para a alimentación, polo que moitos pacientes presentan desnutrición e, nos casos máis graves, precisan alimentación mediante sondas de nutrición enteral para garantir un achegue adecuado de nutrientes.

As feridas adoitan cicatrizar lentamente e deixan cicatrices permanentes, podendo ocasionar deformidades, fusión dos dedos das mans e dos pés (pseudosindactilia) e limitación funcional das articulacións. A perda crónica de sangue e as dificultades nutricionais contribúen con frecuencia ao desenvolvemento de anemia ferropénica, que pode manifestarse con cansazo persistente e diminución da capacidade física. Ademais, a inflamación crónica e a reparación continua dos tecidos favorecen a acumulación de alteracións xenéticas nas células da pel, o que incrementa de maneira significativa o risco de desenvolver un carcinoma de células escamosas, (unha das principais causas de mortalidade nestes pacientes) ou neuropatía periférica de fibras pequenas, unha complicación que se manifesta con dor neuropática, alteracións da sensibilidade e molestias persistentes, afectando de forma importante á calidade de vida das persoas afectadas.

Causas A epidermólise bolosa distrófica está causada por mutacións no xene COL7A1, responsable da síntese do coláxeno de tipo VII, unha proteína estrutural fundamental para a cohesión entre a epiderme e a derme. As mutacións poden herdarse segundo un patrón autosómico dominante ou autosómico recesivo, o que dá lugar ás diferentes formas clínicas da enfermidade. A maioría das familias afectadas presentan variantes patoxénicas propias no xene COL7A1, sendo común a todas a alteración na produción ou o funcionamento do coláxeno de tipo VII.

O coláxeno de tipo VII é unha glicoproteína de gran tamaño (300 kDa) que se dimeriza para forma unha estrutura semicircular en forma de bucle: as fibrilas de ancoraxe. Estas estruturas unen a membrana basal da epiderme co coláxeno da derme superficial, proporcionando estabilidade mecánica á pel.

Fisiopatoloxía A deficiencia de coláxeno de tipo VII é característica da epidermólise bolosa distrófica. Non obstante, tamén existe unha forma non hereditaria denominada epidermólise bolosa adquirida, na que non existen mutacións no xene COL7A1. Neste caso, a enfermidade ten unha orixe autoinmunitaria, xa que o sistema inmunitario produce autoanticorpos dirixidos contra o coláxeno de tipo VII, comprometendo a función das fibrilas de ancoraxe e provocando unha fraxilidade cutánea semellante á observada na forma hereditaria.

Ademais da epidermólise bolosa distrófica, existen outros tipos principais de epidermólise bolosa hereditaria, como a epidermólise bolosa simple e a epidermólise bolosa xuncional. Estas variantes non están relacionadas con alteracións do coláxeno de tipo VII, senón con mutacións noutros xenes que codifican proteínas estruturais da epiderme ou da membrana basal.

Tratamento Na actualidade non existe unha cura para a epidermólise bolosa distrófica, polo que o tratamento céntrase na prevención das complicacións, o alivio dos síntomas e a mellora da calidade de vida. O manexo da enfermidade require un enfoque multidisciplinar no que participan profesionais de dermatoloxía, enfermaría, nutrición, rehabilitación, odontoloxía e psicoloxía.

Os coidados de enfermaría constitúen un dos piares fundamentais do tratamento. Entre as medidas máis importantes atópanse a realización de curas periódicas das feridas, o emprego de apósitos traumáticos para minimizar as lesións durante os cambios de vendaxe, a prevención e o tratamento das infeccións, o control da dor e da coceira, así como a educación sanitaria dos pacientes e dos seus coidadores sobre os coidados diarios da pel. Tamén é esencial a prevención das contracturas articulares mediante cambios posturais, mobilización precoz e exercicios de fisioterapia cando están indicados.DEBRA International. (s. f.). Clinical Practice Guidelines. https://www.debra-international.org/clinical-practice-guidelines

O soporte nutricional desempeña igualmente un papel relevante, especialmente nos pacientes con afectación da cavidade oral ou do esófago. Nestes casos pode ser necesaria a administración de suplementos nutricionais ou de alimentación por vía enteral para garantir un adecuado achegue de enerxía e nutrientes e favorecer a cicatrización das lesións.

En maio de 2023, a Food and Drug Administration (FDA) dos Estados Unidos aprobou Vyjuvek (beremagene geperpavec), a primeira terapia xénica tópica autorizada para o tratamento das feridas en persoas con epidermólise bolosa distrófica causada por mutacións no xene COL7A1. O tratamento consiste na aplicación local dun vector viral modificado que introduce unha copia funcional do xene nas células da pel, favorecendo a produción de coláxeno de tipo VII e mellorando a cicatrización das lesións.U.S. Food and Drug Administration. (2023, 19 de mayo). FDA approves first topical gene therapy for treatment of wounds in patients with dystrophic epidermolysis bullosa. https://www.fda.gov/news-events/press-announcements/fda-approves-first-topical-gene-therapy-treatment-wounds-patients-dystrophic-epidermolysis

En Europa tamén está autorizado Filsuvez, un xel tópico cuxo principio activo é un extracto de casca de bidueiro rico en triterpenos. A Axencia Europea de Medicamentos (EMA) aprobou este medicamento en 2022 para o tratamento de feridas de espesor parcial asociadas a determinadas formas de epidermólise bolosa.European Medicines Agency. (2022). Filsuvez: EPAR – Medicine overview. https://www.ema.europa.eu/en/medicines/human/EPAR/filsuvez

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Wikipedia:Artigos con extractos Categoría:Dermatoloxía Categoría:Enfermaría Categoría:Doenzas raras