Antoni de Pàdua Bassas i Onieva, nado en Barcelona o 9 de novembro de 1961, é un xornalista catalán que traballa principalmente en lingua catalá e formando parte do equipo directivo do xornal catalán Ara.

Nado no barrio de Gràcia de Barcelona, empezou a traballar na radio con 16 anos, na emisora Ràdio Joventut. Posteriormente licenciouse en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB). Desenvolveu toda a súa carreira en Cataluña. Bassas obtivo grandes éxitos de audiencia e importantes premios, incluído un Premio Ondas. En 2020, fíxose oficial que faría parte da candidatura de Víctor Font para a presidencia do Fútbol Club Barcelona como vicepresidente do club, pero nas eleccións celebradas o 7 de marzo de 2021, Joan Laporta foi elixido como presidente, descartando a opción de Bassas como parte da institución catalá.

Traxectoria Radio En 1978, aos dezaseis anos, empezou a colaborar en Ràdio Joventut de Barcelona, pasando a traballar en Ràdio Barcelona en 1981, dirixindo os programas “Àrea de gol” e “El Contestador”. Ese mesmo ano intégrase no equipo de retransmisións do programa "Futbol en català", dirixido polo xornalista Joaquim Maria Puyal. Ao seu carón participou, durante 14 anos, en máis de 800 retransmisións deportivas dos partidos do Fútbol Club Barcelona. Até 1985 o programa emitiuse por Radio Barcelona e, a partir dese ano, en Catalunya Ràdio.

As retransmisións deportivas danlle a oportunidade de coñecer deportistas do FC Barcelona, coñecer países, e vivir mil experiencias que narrou no libro “A un pam da glòria”, que escribiu como memorias dos seus catorce anos a pé de campo.

Sen abandonar Catalunya Ràdio, en 1995 deu un xiro á súa carreira cambiando as retransmisións deportivas pola información xeral, social e política dirixindo e presentando con grande éxito o programa estrela da emisora El Matí de Catalunya Ràdio, 14 anos consecutivos de liderado de audiencia en Cataluña, con puntas de case medio millón de oíntes diarios.

Durante eses 14 anos entrevista os presidentes González, Aznar e Zapatero, así como diversas personalidades como o Dalai Lama, Mikhail Gorbachev ou Woody Allen. Durante esas 14 tempadas, Bassas emite o seu programa dende Madrid, Valencia, Bilbao, Donostia, París, Londres, Roma, Frankfurt, Berlín, Nova York, Guadalaxara (México), Quito, Maputo, Marrakech, entre outras cidades. O 27 de xuño de 2008, Antoni Bassas manifestou que ao final da tempada (18 de xullo) abandonaba a dirección e presentación do mesmo debido á falta de acordo coa dirección da emisora á hora de planificar a renovación.

Televisión En 1995, era xa un xornalista de gran popularidade, non só polas súas retransmisións deportivas xunto a Puyal, senón tamén polo seu paso pola televisión.

Entre 1988 e 1991 presenta en TV3 o programa concurso “Tres pics i repicó”. Entre 1992 e 1993 presentou, na mesma canle, o programa de debates “Polèmic”.

Foi guionista dos programas televisivos “El joc del segle”, “La Lloll” e “El show de la Diana”, todos cun marcado sentido do humor.

En 1999, codirixiu e presentou “Aquest any, Cent!”, unha serie de programas de grande audiencia que repasaban a historia do FC Barcelona, que ese ano celebraba o seu centenario, e polo que pasan os personaxes máis importantes do club para explicar as súas vivencias e anécdotas.

En 2002, dirixiu e presentou en TV3 “A contracorrent”, unha serie de entrevistas en profundidade a personaxes de fama mundial.

Durante o ano 2009 segue colaborando co programa "El Club" de TV3.

Xusto despois das eleccións presidenciais norteamericanas de 2008, Bassas foi designado correspondente de TV3 nos Estados Unidos, en substitución de Albert Elfa. Levou a cabo este cargo até o 30 de xuño de 2013, momento no que foi substituído por Esteve Soler.

Durante a tempada 2013-2014, Antoni Bassas colaborou co magacín de tardes Divendres, da canle pública catalá TV3.

Prensa escrita Bassas implicouse co xornal Ara dende o nacemento deste, como articulista e accionista.

Despois da súa etapa como correspondente de TV3 en Washington D.C., incorporouse no verán de 2013 no equipo directivo de devandito xornal. É o director audiovisual e, a partir de marzo de 2014, dirixiu e presentou un programa de televisión en liña chamado AraBassas.

Galardóns e recoñecementos Premio Ondas 1997 polo espazo de humor "Alguna pregunta més?" Premio Òmnium Cultural (1998) ao programa "El Matí de Catalunya Ràdio". Premio Nacional de Xornalismo (2001), outorgado pola Generalitat de Cataluña. Premio Fundación Lluís Carulla (2004) polo seu traballo na radio como modelo de firmeza e tolerancia. Premio Nacional de Radiodifusión (2005), outorgado pola Generalitat de Cataluña. Premio ao Mellor Xornalista Deportivo (1999) polo programa de TV3 "Aquest any, cent!" Premio ao Mellor Profesional (2001), polo conxunto da súa traxectoria, outorgado pola Ràdio Associació de Catalunya. Premio Protagonistas (2008) Premio Josep Pla de Novela (2018)

Notas

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1961 Categoría:Xornalistas de Cataluña Categoría:Presentadores de televisión de Cataluña