A Fundación Charles Darwin para as Illas Galápagos ou FCD (en inglés Charles Darwin Foundation) é unha institución belga sen fins de lucro fundada no ano 1959 coa axuda da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, a UNESCO e a organización Conservacionistas Mundiais. O seu obxectivo principal é protexer e manter a conservación dos ecosistemas das Illas Galápagos.

A organización traballa directamente coa Dirección do Parque nacional Galápagos (PNG) dependente do Goberno de Ecuador, incluíndo máis de cen científicos, educadores, voluntarios, estudantes de investigación e diverso persoal de apoio internacional.

Historia A Fundación Charles Darwin (FCD) estbleceuse en 1959, ano en que tamén se creou legalmente o Parque Nacional Galápagos. Ambas as institucións creáonse para protexer a vida silvestre e conservar os ecosistemas de Galápagos: o Parque Nacional como unha institución gobernamental que fai cumprir as leis e normas de conservación, a FCD como unha organización internacional que realiza investigacións e proporciona coñecementos científicos. As dúas institucións compleméntanse entre si e ambas levan a cabo programas de educación e capacitación.

As dúas persoas que iniciaron o proceso de creación foron Robert Bowman e Irenäus Eibl-Eibesfeldt, dous científicos novos que, independentemente un do outro, realizaron investigacións sobre as aves e outra vida silvestre en Galápagos en 1952 e 1954. Ao seu regreso a California e Alemaña, respectivamente, ambos fixeron soar as alarmas sobre a situación e, tamén independentemente un do outro, na Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Informaron de que gran parte da vida silvestre endémica das Galápagos estaba sendo destruída pola depredación humana directa e polas especies invasoras introducidas. Predixeron que moitas especies endémicas axiña se extinguirían e que ecosistemas enteiros das Galápagos se virían abaixo e desaparecerían. Pediron que se adoptasen medidas de conservación eficaces e subliñaron a necesidade de construír unha estación de investigación nas illas.

A UICN acababa de crearse uns anos antes pola UNESCO por iniciativa do seu primeiro director xeral, o biólogo británico Julian Huxley. As advertencias de Bowman e Eibl foron escoitadas e comprendidas pola UICN e apoiadas por prominentes científicos de Europa, Ecuador e os Estados Unidos. Despois involucrouse a UNESCO, que tiña o poder financeiro e imaxinou que o goberno ecuatoriano se sentía cómodo coa participación desa organización porque Ecuador se unira á UNESCO xusto despois da súa creación en 1946. Así que, a petición de Ecuador, a UNESCO financiou unha expedición de tres meses, que máis tarde se coñeceu como a "Misión da UNESCO". O obxectivo desta misión era proporcionar máis información sobre o status quo en Galápagos, presentar recomendacións para a adopción de medidas e informar ao público en xeral sobre o valor excepcional destas illas. Eibl foi nomeado "experto da UNESCO" e Bowman e dous periodistas da revista LIFE sumáronse á misión con financiamento adicional dos Estados Unidos. Bowman foi incluído para que "puidese servir como delegado dos Estados Unidos na misión da UNESCO", como escribiu máis tarde no seu informe. E a tarefa dos dous periodistas era "obter unha adecuada documentación fotográfica das illas e a súa biota con fins publicitarios".

Grazas ao apoio loxístico da mariña ecuatoriana, esta misión foi un éxito. O grupo era moi heteroxéneo, pero mantívose xunto nas Galápagos de xullo a novembro de 1957. Elaboráronse importantes informes que describían a grave situación de conservación das Galápagos, promovendo unha mellor protección das illas e impulsando o establecemento dunha estación de investigación.

Baixo o liderado de Julian Huxley, primeiro director xeral da UNESCO, formouse un Consello Executivo composto esencialmente por un núcleo cos que impulsaran a idea en Londres e máis dúas persoas que representaban o Goberno de Ecuador e á comunidade norteamericana de científicos e conservacionistas. A organización estableceuse en Bruxelas pola lei belga o 23 de xullo de 1959, cen anos despois da publicación de "A orixe das especies" de Darwin.

Organización A Fundación Charles Darwin é unha institución internacional con raíces na terra ecuatoriana que provee oportunidades para os residentes locais, mentres tamén se promove a colaboración internacional e o intercambio de coñecemento, o cal é moi valioso para os esforzos de investigación e conservación. O seu persoal está formado por un 76 % de ecuatorianos, tendo en conta que o 54 % son galapagueños.

Asemblea Xeral A Asemblea Xeral é o órgano reitor da Fundación Charles Darwin (FCD). Os científicos, membros do goberno de Ecuador, membros de institucións asociadas e outras organizacións e individuos locais e internacionais contribúen á dirección da Fundación como membros da Asemblea.

A Asemblea Xeral réxese baixo os Estatutos da FCD e as súas tarefas inclúen a elección da Xunta Directiva, establecemento de políticas, emisión de regulacións e a aprobación final do Plan Operativo e o orzamento da FCD. Os membros cumpren funcións de gobernantes, honorarios e activos, e xúntanse anualmente. Os membros Gobernantes Individuais e Membros Gobernantes Institucionais selecciónanse polo seu apoio continuo á misión da Fundación.

O Goberno Nacional de Ecuador e a UNESCO son Membros Gobernantes Institucionais permanentes. Concédense afiliacións honorarias a quen contribuíu significativamente á conservación das Galápagos. Os Membros Individuais Activos selecciónanse baseándose no seu apoio continuo á Fundación a través das súas actividades e/ou contribucións financeiras.

Xunta Directiva O papel da Xunta Directiva da FCD é a dirección e a asesoría das operacións da Estación Científica Charles Darwin, e actuar como un enlace da Asemblea Xeral.

Os nosos membros da Xunta veñen de distintos países e circunstancias, o que lles permite achegar a sú experiencia nunha ampla gama de temas.

Estación Científica Charles Darwin

A Estación Científica Charles Darwin (ECCD) está situada en Puerto Ayora, na illa de Santa Cruz e é o brazo operativo da Fundación Charles Darwin (FCD).

As instalacións inauguráronse en 1964 para que os científicos puidesen usar a estación como base das súas investigacións nas illas Galápagos para asesorar as accións da Dirección do Parque Nacional Galápagos (DPNG).

Por décadas a ECCD traballou en proxectos de conservación, restauración e desenvolvemento sustentable para asegurar unha boa xestión do arquipélago. Máis dun cento de científicos, educadores, asistentes de investigación, persoal de apoio e voluntarios de todo o mundo participaron neste esforzo. Actualmente, o persoal da organización está formado por máis dun 75 % de ecuatorianos e a organización está comprometida coa formación profesional dos residentes permanentes das Galápagos.

As instalacións inclúen áreas de traballo restrinxidas aos visitantes, como oficinas e laboratorios para a investigación mariña e terrestre, sala de conferencias e coleccións de historia natural. Tamén ofrecen áreas abertas ao público, como xardíns nativos, biblioteca e sala de exhibicións. Ademais de ser un punto de interese turístico, a Estación Científica Charles Darwin é esencial para proporcionar coñecementos científicos e asistencia técnica ao Goberno de Ecuador para asegurar a conservación das Galápagos.

Proxectos de investigación

A investigación realizada permite proporcionar a información oportuna co fin de axudar a protexer, xestionar e manter os ecosistemas únicos e a conservación das Galápagos. Están realizándose os seguintes proxectos: Busca de métodos de control para a mosca invasora Philornis downsi. Vinte especies de aves das Galápagos, incluíndo doce especies de pimpíns de Darwin están ameazadas por unha mosca parasita, Philornis downsi. Esta mosca foi introducida accidentalmente nas Galápagos e está afectando seriamente a supervivencia de varias destas especies de aves, como o pimpín de mangleiral (Camarynchus heliobates) en perigo crítico. Conservación das poboacións ameazadas de pequenas aves terrestres. Nas illas Galápagos hai 28 especies endémicas de pequenas aves terrestres, incluíndo os famosos pimpíns de Darwin (17 especies) e os carismáticos cucuves (4 especies de Mimus). Estudos recentes indican que algunhas poboacións de aves están sufrindo graves diminucións, en especial nas illas habitadas. Estanse realizando estudos para comprender a causa deste declive. Ecoloxía de Tiburóns. Debido á protección que proporciona a Reserva Mariña a ecosistemas e especies mariñas, as Galápagos son un dos poucos sitios do mundo onde as poboacións de tiburóns se encontran nun bo estado de conservación e representan unha oportunidade única para o seu estudo. Estado poboacional de aves mariñas. O pingüín das Galápagos (Spheniscus mendiculus), o corvo mariño non voador (Phalacrocorax harrisi) e o albatros das Galápagos (Phoebastria irrorata) son aves endémicas do arquipélago de Galápagos en Ecuador. Estas aves encóntanse na Lista Vermella de especies ameazadas da UICN. Anualmente monitoréase o estado poboacional destas especies nas illas en colaboración coa Dirección do Parque Nacional Galápagos. Estudo da ecoloxía e distribución da ra invasora. A ra arborícola (Scinax quinquefasciatus) é unha invasora recente das illas Galápagos. Foi introducida desde o Ecuador continental, probablemente durante El Niño de 1997/1998. A Fundación Charles Darwin leva a cabo unha investigación da alimentación, distribución, utilización do hábitat e dispersión potencial desta especie. Investigación da mortalidade de aves nas estradas da illa de Santa Cruz. A incidencia de choques de aves con automóbiles na estrada de Puerto Ayora a Canal de Itabaca é alta. O seguimento da frecuencia destes casos permítenos avaliar cuales son as áreas de maior incidencia, así como identificar os mecanismos para mitigar este problema. Mapeo de vexetación para a restauración de ecosistemas. Os mapas de vexetación proveen unha importante ferramenta para guiar accións de xestión para a restauración dos ecosistemas terrestres nas illas Galápagos. Utilízanse imaxes satelitais e de drons para xerar mapas de moi alta resolución que mostran a distribución e abundancia de especies de plantas invasoras e endémicas. Monitoreo Ecolóxico Submareal. O programa de Monitoreo Ecolóxico Submareal en Galápagos, permitiu o recoñecemento de padróns e procesos que son de importancia fundamental nos ecosistemas costeiros-mariños. Ao observar a condición ecolóxica submareal ilústranse as ameazas e os riscos actuais aos que están máis expostos estes ecosistemas, e os mecanismos para atenualos/minimizalos. Montes submarinos da Reserva Mariña de Galápagos. Debido á historia volcánica do arquipélago das Galápagos, sábese que existen centos de montañas submarinas espalladas polo fondo mariño da Reserva. En colaboración coa Dirección do Parque Nacional Galápagos (DPNG), estase liderando un esforzo de colaboración multiinstitucional para caracterizar a biodiversidade, a ecoloxía e o contorno físico destes ecosistemas de augas profundas aínda sen explorar. Programa de Ecoloxía do Movemento de Tartarugas das Galápagos. A migración das tartarugas xigantes das Galápagos cumpre un papel fundamental no mantemento saudable das súas poboacións. Entender as implicacións ecolóxicas, sociais e sanitarias de dita migración permítenos diminuír as ameazas ás que se enfrontan as tarartugas e contribuír á súa conservación.