Sobre los ángeles é un poemario de Rafael Alberti escrito entre 1927 e 1928, e publicado por vez primeira en 1929. O propio poeta confesou que o libro foi froito dunha crise espiritual, o que se reflicte no ton xeral do texto. Dende o punto de vista formal, racha coas obras anteriores de Alberti (Marinero en Tierra ou El alba del alhelí, de corte popular, ou Cal y canto, de estilo gongorista) ao aproximarse ás técnicas do surrealismo, cunha acumulación de imaxes oníricas e a ruptura da métrica tradicional cunha aposta polo verso libre.

Historia Rafael Alberti tiña 27 anos cando, en 1929, se publicou a obra en forma de libro. En 1928 xa publicara algunhas das pezas que comporían o volume na revista Carmen, fundada en 1927 por Gerardo Diego. Trátase, en concreto, dos poemas "Los dos ángeles", "El cuerpo deshabitado" e "El ángel de los números". En setembro do ano seguinte apareceron outros catro na Revista de Occidente: "Paraíso perdido", "Los ángeles de la prisa", "Ascensión" e "Invitación al aire". En decembro, Alberti recitou algúns deles na Residencia de Estudiantes, tras unha conferencia impartida por Pedro Salinas. A comezos de 1929, saíron do prelo as composicións principais da terceira parte do libro en La Gaceta Literaria.

Estrutura Sobre los ángeles consta de 54 pezas en verso libre, moi breves na primeira parte e moito máis longas na segunda. Nesta obra, Alberti renuncia á rima e á asonancia en favor dun estilo máis próximo á prosa. O libro comeza cunha introdución titulada "Entrada", á que segue o poema "Paraíso perdido", que introduce o tema central da obra: a perda da inocencia e da tranquilidade.

A continuación, o texto divídese en tres seccións. Na primeira parte, descríbese o inicio da crise e preséntase o mundo anxélico. Destaca "El cuerpo deshabitado", no que o corpo do poeta se presenta como "deshabitado" da alma. Na segunda parte atópanse unha serie de poesías nas que o autor se rebela contra a súa situación, contando a súa viaxe atormentada polo mundo dos anxos. O seu espírito encontra aquí un sufrimento obrigado, absoluto e perpetuo do que non hai fuxida:

A terceira parte é a máis orixinal dende unha perspectiva formal: o caos que vive o poeta represéntase mediante o verso libre e unha proximidade ás fórmulas surrealistas. A primeira peza é "Tres recuerdos del cielo", dedicada a Gustavo Adolfo Bécquer, na que Alberti presenta un sentimento de nostalxia por un mundo perfecto.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Rafael Alberti Categoría:Literatura en lingua castelá Categoría:Poesía