Escorial foi unha revista editada en Madrid entre 1940 e 1950 pola Delegación Nacional de Prensa e Propaganda de Falange Española Tradicionalista y de las JONS. A publicación cesou co número de xaneiro-febreiro de 1950.
Historia O seu primeiro número apareceu en novembro de 1940. A súa fundación está ligada a un momento de optimismo con respecto ás solucións fascistas totalitarias en España e Europa, e de feito, a revista nace grazas ao impulso do entón ministro de Asuntos Exteriores, Ramón Serrano Suñer, que acababa de pasar a ese ministerio procedente do Ministerio do Interior, que continuaba a controlar, xunto cos servizos de Prensa e Propaganda do partido e do Estado. Escorial sufriu practicamente as mesmas crises que a Falange dentro do réxime franquista, ata a súa desaparición en 1950, tras un período de silencio entre 1947 e 1949. Durante eses anos, Escorial non só deixou de servir aos fins propagandísticos do Estado franquista, senón que tamén se converteu nun obstáculo para os esforzos do Estado por obter o recoñecemento dos aliados vitoriosos da Segunda Guerra Mundial.
Etapas Escorial estivo dirixido e vinculado a algúns dos ideólogos máis significativos do falanxismo. Pasou por varias etapas, dependendo das circunstancias políticas da época. En concreto, o seu director durante o seu primeiro período, até veran de 1941, foi Dionisio Ridruejo, Xefe Nacional de Propaganda da FET e das JONS, quen foi quen tivo a iniciativa para a súa creación e quen lle deu o nome; e tamén quen nomeou como subdirector a Pedro Laín Entralgo, director da Editorial Nacional, e como secretarios de redacción a Luis Rosales e a Antonio Marichalar.
Cando no verán do 41, Ridruejo marcha coa División Azul, pasa a dirixila Laín, durante uns poucos meses. Finalmente, en xaneiro de 1943, faise cargo da dirección José María Alfaro até que na primavera de 1945, interrumpe a súa publicación. En 1947, Alfaro consegue recuperala pero só puideron sacar dous números cesando, de novo, a publicación.
En 1949, reaparece coa indicación de "segunda época" e con Pedro Morlane á fronte, apoiado por Xavier de Echarri (subdirector) e Demetrio Castro (secretario). Xavier de Echarri (subdirector) y Demetrio Castro (secretario). Publican 10 números, sendo o de xaneiro-febreiro de 1950 o derradeiro.
Colaboradores Xunto con Ridruejo e Laín, na súa fundación e desenvolvemento colaboraron outras figuras que se converteron en persoeiros recoñecidos da cultura de posguerra e que foron militantes falanxistas responsables de diversas áreas da propaganda. Os máis coñecidos foron Luis Rosales e Luis Felipe Vivanco mais tamén aparecen nomes como Gonzalo Torrente Ballester, Emiliano Aguado, José María Alfaro e Pedro Mourlane Michelena (director durante o segundo período). Xunto a eles aparecen nomes da cultura franquista de posguerra e asimilados dun ou doutro xeito ao falanxismo: José Luis López Aranguren, Juan José López Ibor, Carlos Alonso del Real, Gerardo Diego, Antonio Marichalar, Antonio Tovar, etc.
Características Escorial foi unha revista con aspiracións totalitarias que abordou practicamente todos os temas de interese para a Falange na construción do "Novo Estado" da España franquista naqueles ámbitos que os seus fundadores crían que pertencían á cultura entendida en sentido amplo: desde a política á relixión, desde a filosofía á crítica literaria e artística, así como a escritura creativa, a historia, o dereito, o cine e o teatro.. Neste sentido, Escorial foi a responsable de revisar moitos conceptos culturais previos e adaptalos ao réxime franquista, no que colaborou o equipo editorial da revista. Porén, tamén é certo que houbo diversas colaboracións de persoas de ideoloxía liberal, mais sempre foron minoritarios.
Malia todo isto, na década de 1970, a revista foi entendida por algúns estudosos como José Carlos Mainer ou Elías Díaz, como a voz cultural do que se deu en chamar "falanxismo liberal" mais outros estudosos como Barry Jordan non están de acordo ao entender que "nos anos corenta, os falanxistas eran fascistas" ou Santos Juliá, ou Amando de Miguel para que esa idea é unha reelaboración dende o presente.
Porén, a revista si serviu para difundir a poesía dun grupo de escritores vinculados ao bando fascista vitorioso da guerra (Dionisio Ridruejo, Luis Rosales, Leopoldo Panero, Luis Felipe Vivanco) dentro da estética bautizada por Dámaso Alonso como poesía de raíces, e que posteriormente foi denominada garcilasismo cando estes poetas se pasaron á revista Garcilaso. Juventud Creadora (1943-1946), fundada por José García Nieto.
Os estudos máis recentes sobre a revista (Eduardo Iáñez) coinciden en que Escorial foi fundamentalmente un proxecto propagandístico de alto nivel ao servizo do Novo Estado Nacional, e polo tanto o intento posterior de presentar as elites intelectuais falanxistas que a dirixían como precursoras da transición democrática é moi discutible. Outra cousa é que estes mozos fascistas que promoveron a revista tivesen que loitar ferozmente con outros sectores do franquismo polo control das pancas do poder.
Na loita contra o capitalismo, como extensión do liberalismo, e contra o comunismo, foron partidarios de entrar en guerra apoiando os réximes totalitarios para restaurar o sistema hispano do XVI, baseano no eixe: España, Alemaña e Italia para a creación dunha Orde Nova. Mais, a partir da segunda metade da década de 1940, unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, o franquismo atopouse illado, cunha cultura pobre e sen éxito; para entón, os antigos promotores da revista xa se distanciaran das posicións do réxime, desprazándose gradualmente cara a outras máis pluralistas e liberais, e mesmo chegando a criticar o franquismo (como, por exemplo, foi o caso de Dionisio Ridruejo e o seu libro Escrito en España.
Non obstante, mesmo se Escorial non fose en realidade o lugar de encontro previsto para os vencedores e os vestixios do liberalismo, hai que recoñecer que durante dez anos foi a máis ambiciosa e completa das revistas culturais franquistas, e posiblemente a máis aberta ás influencias estranxeiras, aínda que estas estiveron inicialmente mediadas por Alemaña e, en maior medida, por Italia. Neste sentido, Escorial procurou dalgún xeito restaurar a comunidade intelectual española esnaquizada pola guerra. De feito, as súas páxinas incluían algúns dos nomes máis destacados que aínda se conservaban en España da preguerra (Pío Baroja, Azorín, Menéndez Pidal, Gregorio Marañón); e presentou algunhas figuras fundamentais da escena cultural da posguerra (Xavier Zubiri).
Nota
Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Garcilasismo Prensa do Movemento
Categoría:Revistas editadas en Madrid Categoría:Revistas de España desaparecidas