Sekiryo Yamauchi (en xaponés: 山内 積良 Yamauchi Sekiryō), nado o 10 de decembro de 1883 e falecido o 2 de febreiro de 1949, foi un empresario xaponés, coñecido por ser o segundo presidente de Nintendo dende 1929 até 1949. Casou coa filla de Fusajirō Yamauchi, Tei Yamauchi, e adoptou o apelido Yamauchi após casar con ela. Era o avó do terceiro presidente de Nintendo, Hiroshi Yamauchi.

Carreira profesional Sekiryo Yamauchi naceu como Sekiryo Kaneda (en xaponés: 金田 積良 Kaneda Sekiryō) o 10 de decembro de 1883. Casou coa filla de Fusajirō Yamauchi, Tei, e segundo os regulamentos xaponeses de adopción de adultos, tomou o apelido Yamauchi o mesmo día para herdar Nintendo. Fusajirō Yamauchi retirouse en 1929, o que fixo que Sekiryo Yamauchi se convertese no segundo presidente de Nintendo. Cando tomou as rendas da compañía, Nintendo era a empresa produtora de cartas máis importante do Xapón.

En 1933, Sekiryo estabeleceu unha joint venture á que deu o nome de Yamauchi Nintendo & Co.; e en 1947, creou unha empresa de distribución para a gama de cartas occidentais de Nintendo Koppai chamada Marufuku Company Limited. Durante a súa presidencia non houbo moitos máis feitos destacábeis, á parte de manter o negocio saneado, dinámico e eficiente, tal e como o herdara.

Xubilación e morte En 1949, Sekiryo retirouse após sufrir unha apoplexía o ano anterior, morrendo pouco tempo despois. O seu neto, nese entón de 21 anos, Hiroshi Yamauchi, ocuparía a presidencia da empresa entre 1949 e 2002. O motivo polo que a presidencia pasou de avó a neto foi porque o pai de Hiroshi, Shikanojo Inaba, perdeu a herdanza ao ter abandonado á súa muller e ao seu fillo cando este tiña cinco anos.

Notas

Categoría:Personalidades de Nintendo Categoría:Nados en 1883 Categoría:Finados en 1949