Fusajirō Yamauchi (en xaponés; 山内 房治郎, Yamauchi Fusajirō), nado en Kyoto o 22 de novembro de 1859 e falecido na mesma cidade o 1 de xaneiro de 1940, foi un empresario xaponés. Nado como Fusajirō Fukui (福井 房治郎), é coñecido por ser o fundador e primeiro presidente de Nintendo, orixinalmente unha empresa de cartas hanafuda e posteriormente unha importante compañía de videoxogos de alcance mundial. Yamauchi viviu toda a súa vida en Kyoto, onde tamén instalou a sede da súa empresa, e ten relacións familiares cos dous seguintes presidentes que tivo Nintendo; Sekiryo Kaneda e Hiroshi Yamauchi.
Primeiros anos Fusajirō Fukui naceu o 22 de novembro de 1859, sendo o fillo maior de Sosuke Fukui. Traballando na Haiko Cement Company, Fukui recibiría o apelido Yamauchi ao ser adoptado por Naoshichi Yamauchi en 1872.
Carreira profesional Fusajirō Yamauchi fundou a súa empresa o 23 de setembro de 1889 como Nintendo Koppai (en xaponés; 任天堂骨牌), unha tenda de cartas de xogo, nun momento en que o goberno xaponés prohibía xogar ás cartas nas mans do público, por mor de que estaban atadas a xogos de azar, coa excepción dos naipes de Yamauchi. Grande culpa deste aumento da demanda foi que estas barallas de hanafuda, grazas a súa calidade, foron adoptadas polos yakuza para as súas partidas de cartas.
Por iso, Yamauchi viuse forzado a ampliar o negocio para satisfacer a demanda, que seguiu aumentando co tempo, convertendo a Nintendo nunha empresa moi próspera e coñecida en todo o Xapón nos seguintes anos.
Outro dos feitos importantes durante o seu mandato, foi que en 1902 Nintendo converteuse na primeira empresa xaponesa en fabricar e vender con éxito barallas occidentais (principalmente baralla inglesa).
Xubilación e morte Fusajirō Yamauchi deixou a empresa en 1929, deixando ao seu xenro, Sekiryo Kaneda (cuxo nome cambiara a Sekiryo Yamauchi), a cargo da empresa. Fusajirō non se involucrou no negocio durante o resto da súa vida, até que morreu por mor dun derramo cerebral o 1 de xaneiro de 1940 en Kyoto.
Vida persoal Fusajirō Yamauchi tivo unha filla chamada Tei Yamauchi, muller do sucesor de Yamauchi na presidencia de Nintendo, Sekiryo Kaneda. Ademais, Fusajirō foi o bisavó de Hiroshi Yamauchi, quen foi durante 53 anos o terceiro presidente da compañía dende 1949 até 2002, e quen transformaría a empresa pasando das cartas de xogo a ser un multimillonario conglomerado mundial e unha importante compañía da área dos videoxogos e a electrónica.
Notas
Categoría:Personalidades de Nintendo Categoría:Nados en 1859 Categoría:Finados en 1940 Categoría:Nados na prefectura de Kyoto