Chelonoidis niger donfaustoi ou Chelonoidis nigra donfaustoi é unha subespecie de tartaruga xigante das Galápagos que vive no leste da illa de Santa Cruz no arquipélago das illas Galápagos. Ata 2015 C. n. donfaustoi era considerada conespecífica coa tartaruga do oeste de Santa Cruz C. n. porteri. Algúns autores déronlle a categoría de especie (C. donfaustoi).

Poboacións de tartarugas da illa Santa Cruz Os estudos iniciais do ADN mitocondrial das tartarugas da illa de Santa Cruz mostraron que había alí tres liñaxes xeneticamente diferentes con distribucions de poboacións non solapadas nas rexións de Cerro Monturra no noroeste, Cerro Fatal no leste, e La Reserva (ou La Caseta) no suroeste. Aínda que tradicionalmente se clasificaran xuntas, comprobouse que, en realidade, as liñaxes estaban máis estreitamente relacionadas coas tartarugas doutras illas que entre si, e iso fixo pensar que foron o resultado de tres colonizacións separadas da illa por tartarugas antepasadas de illas veciñas. As tartarugas de Cerro Monturra están máis relacionadas coas C. n. duncanensis da illa Pinzón, As de Cerro Fatal están emparentadas coas C. n. chathamensis da illa San Cristóbal, mentres que as tartarugas de La Reserva están máis próximas ás razas do sur da illa Isabela (Galápagos). As tartarugas aproveitan para a súa dispersión oceánica a súa capacidade de aboiar coa cabeza fóra da auga, e poden sobrevivr ata seis meses sen comida nin bebida.

Clasificación miniatura|esquerda|Cinco vistas dun cranio. En 2015 esta poboación de tartarugas foi reclasificada como unha nova subespecie co nome Chelonoidis niger donfaustoi baseándose en datos xenéticos e morfolóxicos. C. n. donfaustoi é a liñaxe irmá de C. n. chathamensis da illa de San Cristóbal, e forma parte dun clado que tamén inclúe a C. n. hoodensis da illa Española e C. n. abingdoni da illa Pinta. Xeneticamente, C. n. donfaustoi diferénciase das outras tartarugas pola frecuencia de alelos en 12 loci microsatélites, que permitiron a súa asignación a un grupo xeneticamente distinto. C. n. donfaustoi tamén ten un conxunto de secuencias de nucleótidos distintas das de C. porteri da mesma illa de Santa Cruz e de C. n. chathamensis.

A reclasificación reduciu a área de distribución de C. porteri ás partes occidental e suroccidental da illa de Santa Cruz. Ao mesmo tempo determinou que a distribución de C. n. donfaustoi era a parte leste da illa de Santa Cruz, cun tamaño de poboación estimado de 250 individuos. C. porteri era parte dun clado que incluía as tartarugas da illa Floreana e do sur da illa Isabela, así como espécimes que se consideran representantes da illa Rábida e da illa Fernandina.

A subespecie recibiu o epíteto donfaustoi do seu nome en honra de Fausto Llerena Sánchez, que dedicou 43 anos da súa vida á conservación das tartarugas xigantes da illa como garda de parque dentro do Directorio do Parque nacional Galápagos. "Don Fausto" foi o primeiro coidador de tartarugas en perigo en catividade.

C. n. donfaustoi é a 15ª subespecie que se describiu de tartaruga das Galápagos, e catro das subespecies xa se extinguiron. A creación dunha nova subespecie desta tartaruga foi a primeira dos últimos cen anos.

Aspecto Aínda que son similares ás outras tartarugas das Galápagos, C. n. donfaustoi pode distinguirse delas pola forma e tamaño da coiraza. Algunhas tartarugas das Galápagos son máis grandes que C. n. donfaustoi, cunha abertura anterior máis alta na coiraza.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lista de subespecies da tartaruga das Galápagos

Categoría:Testudínidos