Para outras leis acerca da cuñaxe e a emisión de moeda, véxase a páxina de homónimos Lei da Moeda
A Lei da Moeda de 1853 foi unha lei aprobada polo Congreso dos Estados Unidos pola que se reduciu o contido de prata das moedas de cinco centavos, de dez centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar, e tamén se autorizou a emisión dunha moeda de ouro de tres dólares. Malia ter a intención de estabilizar a escaseza de prata do país, na práctica situou os Estados Unidos máis preto de abandonar por completo o bimetalismo e adoptar o padrón ouro.
As moedas de prata dos Estados Unidos cos valores faciais inferiores estaban a desaparecer da circulación, xa que o valor intrínseco da prata superaba claramente o valor nominal das moedas cuñadas con ese metal. Consecuentemente, o Congreso debateu un proxecto de lei polo que se sobrevaloraría a maioría das moedas de prata e se autorizaría a Casa da Moeda dos Estados Unidos a mercar metal en lingotes para as novas moedas. Finalmente, logo da súa aprobación polo Congreso, o presidente Millard Fillmore asinou esta nova Lei da Moeda o 21 de febreiro de 1853, co que se reduciu o contido de prata da maioría das moedas de prata nun sete por cento.
A lei de 1853 aumentou a circulación de moedas de baixo valor ao achegar, por primeira vez na historia do país, un abastecemento axeitado de moedas de prata, que puxo así fin á escaseza deste circulante. Con todo, logo do estoupido da Guerra Civil, a maioría das moedas metálicas foron acaparadas e o país pasou en gran medida ao uso do papel moeda de emerxencia coñecido como greenbacks.
Non foi ata a promulgación da Lei da Moeda de 1873 cando finalmente se resolveu o debate entre a prata e o ouro, substituíndo todas as pretensións de bimetalismo en favor do padrón ouro.
Antecedentes e contexto Desde a Lei da Moeda de 1792, tanto a prata como o ouro eran a base da moeda de curso legal nos Estados Unidos e os cidadáns podían depositar calquera dos dous metais en forma de lingotes na Casa da Moeda, que pola súa vez lles entregaba aos depositantes moedas de ouro ou de prata baseadas nunha relación de peso legalmente definida de ambos os metais con respecto ao dólar. Este padrón bimetálico era propenso á inestabilidade, xa que o valor intrínseco do ouro e da prata podía flutuar no mercado mundial, o que facía que as moedas estadounidenses destes metais estivesen sobrevaloradas ou infravaloradas dependendo das circunstancias. Isto deu como resultado que a maior parte do ouro e da prata dos Estados Unidos fose exportada para se vender como lingotes e que a maior parte das moedas que circulaban no país fose de orixe estranxeira.Lange, David W. (2006). Páxinas 77-79.
O presidente Andrew Jackson tiña a intención de aumentar a circulación tanto de ouro como de prata sobrevalorando lixeiramente o ouro mediante a Lei da Moeda de 1834, equiparando 16 onzas de prata en valor a unha onza de ouro. A lei de 1834 tivo éxito inicialmente, xa que a relación da Casa da Moeda de 16:1 se mantivo fortuitamente próxima á relación do prezo mundial do ouro fronte á prata, o que limitaba a vantaxe que obterían os especuladores ao fundiren moedas de prata e vendelas como lingotes no estranxeiro, ao tempo que incentivaba os depositantes a converter o seu ouro en bruto en moedas. Os Estados Unidos experimentaron un fluxo neto de ouro e prata durante principios da década de 1840, e as pequenas moedas de prata convertéronse no principal medio de intercambio nas transaccións comerciais de menor contía.Martin, D. A. (1973).
Escaseza de moedas Con todo, en 1847, a relación mundial de onzas de prata con respecto ao ouro diminuíra a 15,66:1, póndose nunha traxectoria de colisión coa relación legal da Casa da Moeda. En 1849, esta relación empeorou drasticamente co inicio da Febre do Ouro de California e coa descuberta de novos depósitos de ouro en Australia en 1851. Estes novos achados de ouro máis que cuadruplicaron a produción anual de ouro, pasando dunha media de 36 millóns de dólares na década de 1840 a 155 millóns de dólares en 1853.
Cando o ouro inundou os mercados monetarios do mundo, o seu prezo como materia prima caeu por mor da maior oferta. Isto, pola súa vez, provocou que o prezo da prata en relación co ouro se disparase. A prata estadounidense converteuse nun produto de prima. Co valor intrínseco da prata moi por riba do valor facial das moedas de prata estadounidenses, a fundición das moedas estendeuse de xeito xeneralizado, xa que os especuladores podían vender as súas moedas de prata como lingotes obtendo un bo rendemento nesta operación. Xa que logo, as pequenas moedas de prata, das que dependían os comercios retallistas e os consumidores para as súas transaccións cotiás, comezaron a desaparecer axiña, o que obrigou algúns negocios a pagar prezos elevados só para obteren cambio.
Concepción e trámite para a súa aprobación Durante principios da década de 1850, o Congreso debateu numerosas propostas que desvalorizarían a moeda de prata para sobrevalorar este metal e frear a súa saída dos Estados Unidos. Pero houbo unha resistencia significativa entre algúns congresistas a calquera intento de manipular o valor do diñeiro, a pesar de que o Congreso xa establecera un precedente coa Lei da Moeda de 1834 ao desvalorizar efectivamente a moeda de ouro para mellorar a súa circulación."Arrows Coinage & the Mint Act of 1853". CoinSite.com
Intencións dos autores do proxecto de lei En decembro de 1851, o Tesouro presentou un informe que indicaba que a desaparición da moeda estadounidense alcanzara un punto crítico e formulaba recomendacións para reducir o contido de prata en todas as emisións de moeda deste metal. Seguindo as recomendacións do Tesouro, en marzo de 1852 aprobouse no Comité de Facenda do Senado un proxecto de lei polo que se reduciría en case todas as moedas fraccionarias dos Estados Unidos en torno ao sete por cento, pero —contrariamente ao informe do Tesouro— deixaba inalterada a moeda dun dólar de prata.Herbert, A. (2009). "Act reduced silver in minors, but not dollar". En Numismatic News. 20 de outubro. Isto tiña como obxectivo deixar explícito, nas palabras do presidente do Comité, Robert M. T. Hunter,"Robert M. T. Hunter". Virginiarelics.com que o comité tiña reservas respecto da manipulación do que consideraban o valor inherente do diñeiro, e que só pretendía que o proxecto de lei fose unha medida temporal para restablecer algo de circulación de prata no país. O proxecto de lei non suporía un cambio drástico, senón que só obrigaría a unha desviación o máis pequena posible, necesaria para "acadar o obxectivo de manter unha moeda metálica para as transaccións de pequena contía".
Aínda loitando coas obxeccións dalgúns senadores, o proxecto de lei nº 271 foi aprobado polo Senado e remitido á Cámara de Representantes en decembro de 1852.
Trámite na Cámara de Representantes miniatura|O futuro presidente Andrew Johnson, de Tennessee, foi un dos congresistas que se opuñan firmemente ao proxecto de lei.|295x295px O proxecto de lei do Senado nº 271 atopouse con numerosos obstáculos na Cámara de Representantes. O daquela representante de Tennessee e futuro presidente Andrew Johnson foi un dos moitos opositores máis claros á proposta de desvalorizar a prata, e consideraba a idea de que o Congreso fixase o valor da moeda un exercicio de "pura charlatanaría". Ademais, o proxecto de lei viuse lastrado por numerosas emendas da Cámara de Representantes, lideradas por un grupo de congresistas que desexaban que os Estados Unidos pasasen por completo ao padrón ouro. A emenda máis importante, presentada polo representante Cyrus Dunham, tería eliminado o carácter de medio de pagamento legal a calquera nova moeda de prata en transaccións privadas, co fin de eliminar a prata como medio de intercambio. Con todo, a versión emendada do proxecto de lei de Dunham atopou unha forte oposición, tanto por parte dos defensores do bimetalismo que querían ver o proxecto de lei do Senado nº 271 aprobado tal e como estaba, como polos congresistas ferozmente opostos a calquera cambio no status quo. Finalmente, o 15 de febreiro de 1853, o proxecto de lei foi aprobado pola Cámara de Representantes exactamente na mesma forma en que saíra do Senado meses antes, e foi asinado como lei seis días despois polo presidente Millard Fillmore.
Disposicións A Lei da Moeda do 21 de febreiro de 1853 reduciu o contido de prata de todas as moedas de prata, agás a dun dólar, nunha porcentaxe aproximada ao sete por cento. A lei tamén fixou o carácter de medio legal de pagamento da prata para transaccións de valor máximo de cinco dólares e, así mesmo, autorizou a Casa da Moeda dos Estados Unidos a comprar lingotes para crear as novas moedas, e a vender as moedas de prata ao público só a cambio de ouro. Finalmente, a lei prohibiu aos depositantes privados que puidesen converter os seus lingotes de prata en novas moedas de cinco e de dez centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar."A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774-1875". American Memory.
En esencia, a lei converteu a prata nunha moeda fiduciaria, transformando o seu valor nun medio co que se intercambiaban bens e servizos. O dólar de prata, que non foi afectado pola alteración, foi teorizado como a forma que tiña o Comité de Finanzas do Senado de sinalar que o Congreso seguía a manter un estándar bimetálico de iure, aínda que a lei erosionaba as concepcións tradicionais da prata como moeda.
Deseño das novas moedas miniatura|300x300px|Moeda de cuarto de dólar de 1853, coas puntas de frecha aos lados da data e a auréola de raios detrás da aguia. Os responsables da Casa da Moeda dos Estados Unidos decidiron que as novas moedas de menor peso deberían ter marcas distintivas para as diferenciar das moedas anteriores, de peso superior. Pero a necesidade de cuñar o maior número posible de novas moedas o máis axiña posible, para atender a demanda xerada pola escaseza de moedas de prata, levou os responsables a decidiren simplemente estampar senllas puntas de frecha en ambos lados da data das moedas, así como engadir unha auréola de raios no reverso do cuarto de dólar e do medio dólar, como sinais distintivos da nova emisión. Mais esta decisión causou tamén algúns atrasos, xa que os raios complicaron e enlenteceron a produción de cuños ata un grao que se considerou inaceptable. Así as cousas, os raios foron eliminados do cuarto e do medio dólar antes de finais de 1853, aínda que as frechas se mantiveron nas novas moedas durante varios anos máis.
Consecuencias miniatura|361x361px|Medio dólar de 1855, coas puntas de frecha na data, mais xa sen a auréola de raios no reverso. Xurdiron algunhas controversias a partir da mala xestión da lei por parte dos responsables da Casa da Moeda. Aínda que a lei só lle permitía a esta institución a adquisición de lingotes de prata do seu propio fondo de lingotes para crear as novas moedas, o daquela director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James Ross Snowden, mercou tamén lingotes de prata a propietarios privados empregando as novas moedas de prata con menor peso nominal. Mesmo cando o prezo de mercado do lingote de prata caera, Snowden continuou con esta práctica e permitiu efectivamente a cuñaxe gratuíta de moedas de prata, xa que a lei de 1853 non establecera un límite máximo á cantidade de metal bruto que a Casa da Moeda podía adquirir. Como as moedas de prata tiñan un límite de curso legal de 5 dólares, xurdiu un excedente de moedas de prata lixeiras no mercado a finais da década de 1850.
O secretario do Tesouro, James Guthrie, suspendeu brevemente a cuñaxe de cuartos e de medios dólares como resultado do excedente, pero nunca investigou a política da Casa da Moeda responsable de crear o exceso de subministración. O excedente de prata do país durou ata 1862, cando a escaseza da Guerra Civil provocou a desaparición das moedas da circulación.