César Cobián Fernández de la Puente, nado na Coruña o 26 de outubro de 1957 e finado na mesma cidade o 28 de decembro de 2021, foi un médico galego.

Traxectoria Licenciouse en medicina e cirurxía na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en traumatoloxía do deporte na Universidade Católica San Antonio de Murcia. Coñecido fundamentalmente pola súa dedicación á medicina deportiva, en 1991 converteuse en médico do Deportivo da Coruña, deixando o seu posto no club coruñés en 2007.

Incorporouse ó CD Castellón como xefe dos servizos médicos entre os anos 2008 e 2011, durante a tempada 2011/12 no Hércules CF e entre os anos 2015 e 2018 no CD Alcoyano, para incorporarse como director dos servizos médicos do Orihuela CF entre os anos 2018 e 2020. Foi responsable dos servizos médicos da selección de fútbol de Guinea Ecuatorial durante a preparación para a Copa África 2012, da Federación Galega de Natación e mais do OAR A Coruña, presidente da Asociación Española de Médicos de Fútbol entre os anos 2004 e 2008 e membro da comisión antidopaxe do Consello Superior de Deportes.

Foi diagnosticado de cancro de pulmón en novembro de 2020, falecendo o ano seguinte por mor desta doenza.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1957 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Médicos da Coruña Categoría:Deportivo da Coruña Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Católica San Antonio de Murcia Categoría:Finados por cancro de pulmón Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes