Leonor Zalabata Torres, ou Guneywya na súa lingua arhuaca, nada en Jewrwa, Cesar o 5 de xullo de 1954, é unha política, escritora, cronista e defensora dos dereitos humanos colombiana. Pertence ao pobo arhuaco, que habita a Serra Nevada de Santa Marta, en Magdalena, Cesar e La Guajira, ao norte de Colombia. En 2022, o presidente de Colombia, Gustavo Petro, designouna embaixadora de Colombia ante a ONU.

Traxectoria Leonor ou Guneywya naceu no resgardo arhuaco, en Jewrwa no concello de Kwakumuke, no departamento de Cesar. Ten un título auxiliar de odontoloxía social na Universidade de Antioquia en Medellín.

Activismo Leonor ten carreira como defensora dos dereitos dos pobos indíxenas de Colombia. Traballou a maior parte da súa vida por mellorar a representación política dos pobos indíxenas e axudalos a desenvolver e protexer a súa cultura. Dentro dos procesos organizativos que liderou atópase a consolidación do resgardo arhuaco, e o xurdimento da Comisión Nacional de Dereitos Humanos e da Comisión de Territorios Indíxenas de Colombia. O seu labor recibiu recoñecemento internacional gañando varios premios.

Ocupou varios roles como delegada e líder indíxena. Foi delegada nas mesas de traballo nacional para os Dereitos Indíxenas da Asemblea Nacional Constituínte de 1991, da man do constituínte Lorenzo Muelas, con quen traballou por delegación doutro líder arhuaco, Luis Napoleón Torres, quen logo sería asasinado, xunto a Ángel María Torres Arroyo e Antonio Hugues Chaparro Torres, polo seu activismo político. Tamén foi delegada para o desenvolvemento dos primeiros programas e plans de saúde en defensa da autonomía das autoridades tradicionais e organizativas do pobo arhuaco en Colombia.

O seu activismo levouna a liderar unha marcha indíxena, que en 1996 tomou, forma pacifica, a sede da conferencia episcopal colombiana, en Bogotá; e tras máis dun mes xerou a instalación dunha mesa de concertación permanente para a defensa da causa indíxena, e a creación de varias oficinas encargadas da vixilancia do cumprimento dos dereitos humanos indíxenas en Colombia.

Durante os diálogos de paz entre o goberno de Andrés Pastrana e as FARC-EP, Zalabata formou parte das conversas, avogando pola súa comunidade, xa que os arhuacos instalados na Serra Nevada de Santa Marta eran branco para a guerrilla, polo que Leonor solicitou aos delegados das FARC-EP cesar as hostilidades contra estas comunidades, o cal foi un éxito.

Porén, co fin do proceso no ano 2002, e a chegada do presidente Álvaro Uribe os diálogos guerrilla-arhuacos tiveron que continuar de maneira irregular, xa que unha directriz de Uribe prohibía á sociedade civil negociar coas FARC-EP, sen permiso do alto goberno. Zalabata tamén estabeleceu conversas co goberno e os grupos paramilitares, para que recoñecesen a autonomía da súa comunidade sobre a xurisdición da Serra.

Representou grupos indíxenas en varios cambios, xa que tamén foi delegada dos Pobos Indíxenas nas COP do Convenio de Diversidade Biolóxica.

Recoñecementos A lista de premios e recoñecementos de Leonor Zalabata inclúe entre outros:

Placa de exaltación, pola defensa do recoñecemento dos Dereitos Indíxenas, e Defensa da Natureza, do Instituto de Cultura do Cesar, 1994. Premio Internacional, Dereitos Humanos Anna Lindhs, Minnesfond. 2007, dado en Estocolmo, Suecia. Premio outorgado polo Goberno Sueco o 19 de xuño de 2007. Recoñecemento Programa de divulgación científica. Perfís de grandes mulleres da Diplomacia Indíxena da Universidade de Rosario, Bogotá, primeiro semestre de 2009. Condecoración da Medalla ao Mérito Orde Gran Cruz Extraordinaria, outorgado polo Gobernador do Departamento do Cesar, Colombia, outubro de 2007. Mención de Honra como recoñecemento público no seu labor en defensa e promoción dos Dereitos Humanos e as súas achegas na construción de democracia no territorio. Defensor do Pobo Rexional, en Cesar, Director PDP Cesar. Valledupar, Colombia, 9 de setembro de 2013. Exaltación e condecoración ao Mérito no VII Encontro Continental de Mulleres Indíxenas das Américas, (ECMIA), en Cidade de Guatemala, 16 ao 19 de novembro de 2015. Mención de Honra e recoñecemento da Defensoría do Pobo Rexional Cesar, 2017, en Valledupar, Cesar, Colombia. En 2019 recibiu o premio Franco-Alemán de Dereitos Humanos “Antonio Nariño 2019” pola defensa do territorio, do medio ambiente e do dereito á vida, en Bogotá, Colombia.

Notas

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados en Colombia Categoría:Pobo arhuaco Categoría:Activistas polos dereitos humanos de Colombia Categoría:Mulleres líderes indíxenas