No estudo da mitoloxía, un mitema é unha unidade irreducíbel dun mito, un elemento constante (a diferenza dun meme cultural) que sempre aparece intercambiado e reensamblado —«atado» era a imaxe de Lévi-Strauss— con outros mitemas relacionados de diversas formas, ou unido en relacións máis complicadas, coma átomos enlazándose para formar unha molécula. Por exemplo, os mitos de Adonis e Osiris comparten varios elementos, o que leva a algúns investigadores a concluír que comparten unha mesma fonte.

O catalogador de lendas populares Vladimir Propp consideraba que a unidade de análise era o conto individual. Polo contrario, o mitema é o equivalente na mitoloxía aos fonemas, morfemas e sememas nos que a lingüística estructural divide a lingua: as unidades do significado máis pequenas posíbeis dentro dun sistema lingüístico.

Nos anos 1950 Claude Lévi-Strauss adaptou por primeira vez esta técnica de análise lingüística á crítica dos mitos. No seu traballo sobre os sistema mitolóxicos de tribos primitivas, realizado sobre a analoxía coa estrutura lingüística, adoptou o termo mythème, coa afirmación de que o sistema de significado dentro dos mitos é moi análogo ao dun sistema lingüístico. Esta idea é un tanto discutida por Roman Jakobson, quen considera que o mitema é un concepto (ou fonema) que non ten significado por si mesmo, senón que este aparece mediante análise sociolóxica.

Lev Manovich tamén usa os termos sema e mitema no seu libro The Language of New Media para describir aspectos da cultura cós que entran en diálogo as imaxes xeradas por ordenador.

O teórico literario José Manuel Losada, creador da Mitocrítica Cultural, define o mitema como a unidade temática e mitolóxica cuxa indispensábel dimensión transcendente ou sobrenatural capacítao para interactuar con outros mitemas na formación dun mito.Losada (2015), pp. 33-62 Se os temas teñen razón mítica, é dicir, atravesada de transcendencia, son mitemas; do contrario, son unicamente temas narrativos.Losada (2022), p. 542 O teórico subliña que os mitos poden compartir mitemas, xa que poden interactuar libremente entre si e crear varios mitos co seu propio «ADN». Así e todo, os mitemas non son infinitos, polo que existen mitos cá mesma configuración de mitemas, o que significa que son variacións dun mesmo mito idénticos no seu «ADN».Losada (2015), pp. 5-9

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Mitoloxía Mitocrítica Mito Mitoloxema Arquetipo Meme Gilbert Durand José Manuel Losada

Categoría:Mitografía