O Goberno provisional da Segunda República española foi o goberno que ostentou o poder político en España desde a caída da monarquía de Afonso XIII e a proclamación da República o 14 de abril de 1931 até a aprobación da Constitución de 1931 o 9 de decembro e a formación do primeiro goberno ordinario o 15 de decembro.
Trala caída da ditadura de Primo de Rivera, en xaneiro de 1930, se incrementaran os movementos tendentes a facer caer a monarquía. Por unha banda, os republicanos colleron un novo pulo que deu lugar ao Pacto de San Sebastián en agosto de 1930, e a creación dun Comité Revolucionario para organizar ese movemento. Por outro, moitos políticos monárquicos, como Miguel Maura, xefe dos conservadores, ou Niceto Alcalá-Zamora, deixaron de apoiar a vía monárquica e cambiaron a súa fidelidade anterior por unha defensa máis ou menos explícita á idea republicana. Intelectuais e escritores como Unamuno que volveu do exilio ou José Ortega e Gasset, escribiron artigos ou espallaron a idea de fin da monarquía e da necesidade de cambio. foi moi relevante o artigo escrito por Ortega no xornal El Sol, o 15 de novembro de 1930, titulado "El error Berenguer", no que rexeitaba o cambio de goberno levado a cabo polo rei e no que aparece a célebre frase: Delenda est Monarchia (en galego: A monarquía debe caer). Finalmente, o 12 de decembro dese ano, se produciu, antes de tempo, a fracasada insurreción de Jaca e tamén fracasou, o día 15, o intento de golpe de Queipo de Llano e Ramón Franco que ocuparon momentaneamente o aeródromo de Cuatro Vientos.
Até o 15 de outubro o goberno provisional estivo presidido por Niceto Alcalá-Zamora. Tras a dimisión deste por mor da redacción que se deu ao artigo 26 da Constitución que trataba a cuestión relixiosa, sucedeuno Manuel Azaña.
De «Comité Revolucionario» a Goberno provisional da Segunda República miniatura|Portada do Heraldo de Madrid do 13 de abril de 1931 O xeneral Sanjurjo, director da Garda Civil, foi a primeira autoridade da monarquía de Afonso XIII en recoñecer como novo goberno o Comité Revolucionario republicano-socialista, formado en outubro de 1930 tras a adhesión do PSOE ao Pacto de San Sebastián acordado por todos os partidos republicanos. Á primeira hora da mañá do 14 de abril Sanjurjo dirixiuse á casa de Miguel Maura. Alí se atopaban reunidos os membros do Comité Revolucionario que non estaban exiliados en Francia nin escondidos: Niceto Alcalá-Zamora, Francisco Largo Caballero, Fernando de los Ríos, Santiago Casares Quiroga e Álvaro de Albornoz. Nada máis entrar na casa o xeneral Sanjurjo cadrouse ante Maura e díxolle: «Ás ordes de vostede señor ministro». De inmediato avisaron a Manuel Azaña e a Alejandro Lerroux, escondidos en Madrid dende había meses, para que acudisen á casa de Maura. Os catro membros do comité que se atopaban en Francia (Diego Martínez Barrio, Indalecio Prieto, Marcelino Domingo e Nicolau d'Olwer) iniciaron deseguido a súa volta.
Tras proclamar a República o 14 de abril de 1931, o comité revolucionario republicano-socialista constituído en Comité Político da República asinou un decreto que se publicou o día seguinte no diario oficial, a Gaceta de Madrid. Nel comunicouse que tomou o Poder como Goberno provisional da República. Noutro decreto nomeouse a Niceto Alcalá-Zamora como presidente do Goberno provisional, quen asumiu ademais a función de Xefe do Estado (función exercida até o 14 de abril polo rei Afonso XIII). O preámbulo deste último decreto di:
A continuación Alcalá-Zamora nomeou ministros do Goberno provisional aos membros do comité revolucionario. Un decreto publicado o 28 de abril na Gaceta de Madrid adoptaba como bandeira nacional a tricolor.miniatura|320x320px|Membros do goberno provisional da Segunda República; de esquerda a dereita: Álvaro Albornoz, Niceto Alcalá-Zamora, Miguel Maura, Francisco Largo Caballero, Fernando de los Ríos e Alejandro Lerroux|esquerda O goberno de «plenos poderes» e a Orde Pública O mesmo 15 de abril, a Gaceta de Madrid tamén publicou outro decreto fixando o Estatuto xurídico do Goberno provisional. Foi a norma legal superior pola que se rexeu o Goberno provisional até as Cortes Constituíntes aprobaren a Constitución da República o 9 de decembro de 1931. O Estatuto constaba de 6 artigos precedidos dun preámbulo no que o Goberno provisional se estabelecía como «Goberno de plenos poderes».
O artigo 1º dicía que o Goberno provisional «someterá a súa actuación colexiada e individual ao discernimiento e sanción das Cortes Constituíntes –órgano supremo e directo da vontade nacional-, chegada a hora de declinar ante ela os seus poderes». O artigo 2º anunciaba que o propósito do Goberno provisional de «someter a xuízo de responsabilidade os actos de xestión e autoridade pendentes de exame ao ser disolto o Parlamento en 1923 [en referencia ao proceso aberto entón para depurar as responsabilidades polo Desastre de Annual], así como os ulteriores [en referencia ao feito durante a Ditadura de Primo de Rivera]». O artigo 3º recoñece a «liberdade de crenzas e cultos». O artigo 4º mencionaba «a liberdade individual» e os «dereitos cidadáns», incluíndo neles os correspondentes á «personalidade sindical e corporativa, base do novo dereito social». O artigo 5º recoñecía o dereito de propiedade, aínda que indicaba que «o dereito agrario debe responder á función social da terra» O artigo 6º dicía que o Goberno provisional, «en virtude das razóns que xustifican a plenitude do seu poder», poderá suspender («someter a un réxime de fiscalización gobernativa») temporalmente os dereitos cidadáns recoñecidos no artigo 4º, «de cuxo uso dará así mesmo conta circunstanciada ás Cortes Constituíntes». Xustificouno co argumento de que o Goberno provisional «incorrería en verdadeiro delito se abandonase a República nacente a quen desde fortes posicións seculares e prevalidos dos seus medios, poden dificultar a súa consolidación». O máis polémico do Estatuto Xurídico era a contradición que se observaba na cuestión das liberdades e os dereitos cidadáns. Isto débese a que o seu recoñecemento ía acompañado da posibilidade da súa suspensión por parte do goberno, sen intervención xudicial, «se a saúde da República, a xuízo do Goberno, o reclama». Así, o goberno republicano non estabeleceu un réxime de liberdade xeral como o proba o estudo das vicisitudes do dereito de reunión ás diferentes opcións políticas. Os grupos conservadores de signo monárquico e algúns sectores da esquerda, como o anarquista e o comunista, tiveron serios obstáculos para exercelo. Toleráronse en ocasións as súas reunións en locais pechados, pero prohibíuselles o seu exercicio en lugares públicos. Por exemplo, unha manifestación que se formou á saída dunha reunión que o PCE celebrou o 1 de maio en Donostia foi disolta contundentemente pola forza pública, con numerosos feridos.
Máis significativo aínda de como ía abordar o novo Goberno a orde pública e a liberdade de prensa foi o que ocorreu en torno aos sucesos de Donostia o 28 de maio. Aquel día uns folguistas de Pasaia que se dirixían a Donostia foron bloqueados pola Garda Civil na ponte de Miracruz. Ante a negativa de aqueles a disolvérense, os gardas civís comezaron a disparar ocasionando a morte de 8 persoas e máis de 50 feridas. Ante a magnitude do feito o ministro da Gobernación, Miguel Maura, reuniu todos os directores de periódicos para recordarlles «que se atopaban fronte un ministro que dispuña de plenos poderes en materia de orde pública». Dúas semanas antes xa decretara a suspensión temporal do diario monárquico ABC e do diario católico El Debate a raíz dos feitos coñecidos como a «queima de conventos)» e a continuación rogoulles que:
Esta política contraditoria da República respecto da orde pública culminou coa aprobación polas Cortes Constituíntes da Lei de Defensa da República de 21 de outubro de 1931. Esta dotou o Goberno provisional dun instrumento de excepción á marxe dos tribunais de xustiza para actuar contra quen cometesen «actos de agresión contra a República». Mesmo despois da aprobación da Constitución de 1931, constituíuse na norma fundamental na configuración do réxime xurídico das liberdades públicas durante os case dous anos de réxime republicano que estivo vixente, até agosto de 1933.
O primeiro problema: Cataluña O problema máis inmediato que tivo que afrontar o Goberno provisional foi a proclamación da «República Catalá» feita por Francesc Macià en Barcelona o mesmo 14 de abril. Tres días despois tres ministros do Goberno provisional (Fernando de los Ríos e os cataláns Marcelino Domingo e Nicolau d'Olwer) entrevistáronse en Barcelona con Francesc Macià. Alcanzaron un acordo polo que Esquerra Republicana de Cataluña renunciaba á «República Catalá» a cambio do compromiso do Goberno provisional de presentar nas futuras Cortes Constituíntes o Estatuto de Autonomía que decidise Cataluña, previamente aprobado pola Asemblea de Concellos cataláns. Así mesmo, os ministros garantíronlle o recoñecemento do goberno catalán, que pasaría a ser a Generalitat de Catalunya. Recuperaríase así o nome tradicional da centenaria institución do Principado que fora abolida por Filipe V nos Decretos de Nova Planta de 1714. A nova Generalitat asumiría as funcións das catro deputacións catalás e sería a encargada de organizar unha Asemblea con representantes dos Concellos até que non fose elixida por sufraxio universal.
Case todos os partidos políticos cataláns aceptaron o acordo, agás Estat Català, que acusou a Macià (o seu antigo líder) de traidor e o Bloc Obrer i Camperol, unha organización comunista recentemente creada, afirmou que o Goberno provisional de Madrid esmagara «a República Catalá, cuxa proclamación foi o acto revolucionario máis transcendental levado a cabo o día 14».
O 26 de abril o presidente do Goberno provisional Niceto Alcalá-Zamora foi aclamado na viaxe que realizou a Barcelona. Tres días despois o Goberno provisional aprobou un decreto que estabelecía a legalidade do catalán nos parvularios e nas escolas primarias, que foi acollido con entusiasmo. Con todo, aos poucos días produciuse o primeiro conflito entre a Generalitat e o Goberno provisional. O Ministerio da Gobernación considerou unha invasión das súas competencias o decreto publicado o 3 de maio no primeiro número do Butlletí da Generalitat de Cataluña no que se reorganizaban as institucións da Generalitat e se nomeaban comisarios da mesma en Xirona, Lleida e Tarragona. Un delegado da Generalitat tivo que viaxar a Madrid para delimitar as competencias entre esta e o goberno central.
O 3 de agosto, o pobo de Cataluña referendou cunha gran maioría o proxecto de estatuto para Cataluña, chamado Estatuto de Nuria. Un exemplo desa maioría foi que na provincia de Barcelona 175.000 persoas votaron a favor e só 2.127 en contra. Foi presentado nas Cortes Constituíntes por Francesc Macià, o presidente da Generalitat. Porén, o Estatuto respondía a un modelo federal de Estado e excedía (tanto na denominación como en competencias) o que se aprobara na Constitución de 1931 (o «Estado integral» respondía a unha concepción unitaria, non federal). Con todo, condicionou os debates parlamentarios do «Estado integral» que finalmente se aprobou.
O País vasconavarro e o Estatuto de Estella