Francesc Martorell i Peña (coñecido tamén como Francisco Martorell y Peña), nado en Barcelona o 19 de novembro de 1822 e finado na mesma cidade o 9 de novembro de 1878, foi un comerciante, arqueólogo, anticuario e numismático catalán.

Foi tamén un gran viaxeiro e un naturalista afeccionado, particularmente interesado pola malacoloxía. Ao longo da súa vida reuniu unha gran colección de obxectos, unha miscelánea típica da época, que incluía espécimes de historia natural —zooloxía, botánica, xeoloxía e fósiles—, obxectos arqueolóxicos, libros e numismática.

Traxectoria

Francesc Martorell i Peña naceu o 19 de novembro de 1822 en Barcelona,Elías de Molins, A. (1889-1895). Páxina 113. no seo dunha familia de mariñeiros orixinaria de Calella,"Francesc Martorell y Peña". Historia Hispánica. Real Academia de la Historia (historia-hispanica.rah.es). fillo de Engràcia Peña e de Josep Martorell i Alsina. A súa irmá Isabel foi unha coñecida pintora.Coll i Mirabent, I. (2001). Diccionario de mujeres pintoras en la España del siglo XIX. Páxina 139. ISBN 84-931852-1-3

Dedicado profesionalmente ao comercio, actuando como corredor real de cambios e tamén como socio da compañía Martorell y Bofill.Bofill y Poch, A. (1905). Páxina 7.

Á marxe da súa dedicación profesional, a súa figura é salientable pola súa condición de viaxeiro, estudoso da numismática, naturalista afeccionado e arqueólogo. En 1854 comezou unha colección de cunchas que chegou a estar entre as máis importantes da Cataluña, e mantivo relación científica con especialistas europeos da época, algúns dos cales lle dedicaron diversas especies de moluscos descubertas por eles.Joaquín Hidalgo dedicoulle un acéfalo, a Modiola martorelli, da costa de Valencia, e Bourguignat un gasterópodo terrestre, Helix martorelli, do deserto de Sarrià, e outro fluvial, Lymnaea martorelli, do lago de Banyoles.​ Véxase Elías de Molins, A. (1889-1895). Páxina 114. Tamén foi socio honorario da Sociedade Malacolóxica dos Pireneos Orientais.Elías de Molins, A. (1889-1895). Páxina 114.

Como afeccionado á arqueoloxía, en 1864 iniciou a súa colección de obxectos arqueolóxicos, cunha boa representación de lanzas, coitelos e ferramentas de sílex procedentes de escavacións en Francia e en España, como as de Almadén en Cidade Real, e as de Santiponce en Sevilla. Foi un dos primeiros estudosos da arqueoloxía balear e dos seus monumentos megalíticos. Estudou os vestixios da colonización grega na área catalá e insular, e centrou a súa investigación nas construcións talaióticas das Illas Baleares e nuráguicas de Sardeña, localizando estruturas ata entón descoñecidas.Recio-Martín, R. C.; Casas-Desantes, C. (2012).Elías de Molins, A. (1889-1895). Páxinas 113-114. No ámbito xeográfico catalán, investigou in situ e fixo anotacións inéditas acerca dos restos de acrópoles e recintos fortificados de Tarragona, Olèrdola, Casserres e Xirona.

Martorell reuniu tamén unha colección numismática de gran valor, formada preferentemente por pezas relevantes para a arqueoloxía de España. Destacaba nela a presenza de moedas aragonesas e catalás, aínda que tamén de Sardeña, doutras áreas de Italia e dos Países Baixos.

Ao longo da súa traxectoria emprendeu numerosas viaxes de estudo e expedicións, tanto por España —sinaladamente as Illas Baleares— como polo estranxeiro. Logo das súas exploracións en Mallorca en agosto de 1858, e en Sardeña en 1868, en 1869 visitou Bélxica para adquirir moedas da época de dominación española. Entre 1870 e 1871 percorreu España e Portugal para comprar moedas, moluscos e pezas de arqueoloxía protohistórica. Logo, entre 1875 e en 1876 volveu a Mallorca para estudar o teatro romano de Alcúdia.

En 1868 visitou L'Alguer para estudar os nuragos sardos e alí descubriu a supervivencia da lingua catalá.Gómez-Alba, J. (1990). «El Museo de Geología de Barcelona: desde su fundación a la Junta de Ciencias Naturales (1872-1905)». En Treballs del Museu de Geolofia. 1. Páxinas 7-34.

Martorell i Peña finou en Barcelona o 9 de novembro de 1878, aos 55 anos.Bofill y Poch, A. (1905). Páxina 9.«Defuncions 1878, llibre 4, núm. 6838». Arxiu Municipal de Barcelona (catalegarxiumunicipal.bcn.cat).

Legado Co ánimo de evitar o seu esparexemento logo da súa morte, Martorell doara á cidade de Barcelona, mediante un testamento asinado o 27 de novembro de 1876, o conxunto das súas coleccións de historia natural, arqueoloxía, numismática e etnoloxía, así como a moblaxe que as contiña e a súa biblioteca, ademais dunha dotación económica de 125.000 pesetas para a conservación de todas as pezas. Ademais, co rendemento deste capital debía crearse un premio quinquenal dotado con 20.000 pesetas para a mellor obra de arqueoloxía española, impresa ou manuscrita, aberto a propostas de investigadores tanto españois como estranxeiros, sempre que estivesen redactadas en castelán, catalán (nas bases ata 1932), francés, italiano ou portugués, ou ben en alemán e inglés, xunto cun resumo en castelán.Elías de Molins, A. (1889-1895). Páxinas 114-115. Este premio comezou a outorgarse en 1887.

Catro anos despois da súa morte, o 25 de setembro de 1882, o alcalde Rius i Taulet inaugurou no parque de La Ciutadella o Museo Martorell de Arqueoloxía e Ciencias Naturais,«Francesc Martorell i Peña». En Gran Enciclopèdia Catalana. Grup Enciclopèdia, Barcelona.«Museu Martorell de Geologia». Inventari del Patrimoni Arquitectònic de Catalunya. Generalitat de Catalunya (invarquit.cultura.gencat.cat). dirixido ata 1890 polo seu irmán Manuel. A colección de numismática, nese momento, xa contiña 1.600 moedas de todas as series de moeda hispánica, desde a antigüidade ata o século XIX, 120 moedas de Portugal e 70 medallas. Esta colección foiintegrada finalmente no Gabinete Numismático de Cataluña cando este organismo se instituíu en 1931.

Os estudos manuscritos de Francesc Martorell, titulados Apuntes arqueológicos (1838, 1852 e 1856), foron publicados en 1879, despois da súa morte, polo seu irmán Joan e coa colaboración de Salvador Sampere i Miquel.Martorell y Peña, F. et al. (1879). Apuntes arqueológicos. V. Dorca. 1879.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Bofill y Poch, A. (1905). Francisco Martorell y Peña: apuntes biográficos. M. Galve, Barcelona.

Elías de Molins, A. (1889-1895). «Martorell y Peña (D. Francisco)». Diccionario biográfico y bibliográfico de escritores y artistas catalanes del siglo XIX: (apuntes y datos). Tomo II. Páxinas 113-115. F. Giró, Barcelona. Recio-Martín, R. C.; Casas-Desantes, C. (2012). «Francesc Martorell i Peña y su legado». En ‘Miradas': páginas de la historia: una obra inédita. Exposición temporal del 24 de abril al 24 de mayo de 2012. Museo Cerralbo, Madrid.

Categoría:Nados en 1822 Categoría:Finados en 1878 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Numismáticos de Cataluña Categoría:Historiadores de Cataluña Categoría:Naturalistas Categoría:Coleccionistas Categoría:Arqueólogos de España Categoría:Empresarios de España Categoría:Personalidades sen imaxes