miniatura|esquerda|Estrutura de dominios das proteínas forminas a través dos filos.

As forminas (proteínas con homoloxía de formina) son un grupo de proteínas que interveñen na polimerización da actina e asócianse co extremo en crecemento rápido (extremo barbado ou +) dos filamentos de actina. A maioría das forminas son proteínas efectoras Rho-GTPases. As forminas regulan a actina e o citoesqueleto de microtúbulos e están implicadas en varias funcións celulares, como a polaridade celular, citocinese, migración celular e a actividade transcricional do SRF. As forminas son proteínas multidominio que interaccionan con diversas moléculas de sinalización celular e proteínas citoesqueléticas, se ben se lle asignaron a algunhas forminas funcións dentro do núcleo celular.

Diversidade

As forminas atopáronse en todos os eucariotas estudados. En humanos, hai 15 proteínas forminas diferentes, clasificadas en 7 subgrupos. Ao contrario, os lévedos só conteñen 2 ou 3 forminas.

Estrutura e interaccións

As forminas caracterízanse pola presenza de tres dominios de homoloxía de formina (FH) (FH1, FH2 e FH3), aínda que os membros da familia da formina non necesariamente conteñen os tres dominios. Ademais, habitualmente presentan outros dominios adicionais, como o PDZ, DAD, WH2, ou o FHA.

O dominio FH1 rico en prolina é o mediador en interaccións con diversas proteínas, incluíndo a proteína que se une á actina profilina, proteínas de dominio SH3 (Src homology 3), e proteínas de dominio WW. A actividade promotora da nucleación da actina das forminas de S. cerevisiae foi localizada no dominio FH2. O dominio FH2 é necesario para a autoasociación de proteínas forminas por medio da capacidade dos dominios FH2 de unirse directamente entre si, e pode tamén actuar para inhibir a polimerización da actina. O dominio FH3 está peor conservado e cómpre para dirixir as forminas á localización intracelular correcta, como o fuso mitótico, ou a proxección que se forma nas células durante a conxugación celular de lévedos. Ademais, algunhas forminas poden conter un dominio para a unión de GTPases (GBD) necesario para unirse a pequenas GTPases Rho, e un dominio Dia-autorregulador (DAD) C-terminal conservado. O GBD é un dominio autoinhibidor bifuncional que interacciona e é regulado por membros da familia Rho activados. A Drf3 de mamíferos contén un motivo similar a CRIB dentro do seu GBD para unirse a Cdc42, o cal é necesario para que Cdc42 se active e guíe Drf3 cara ao córtex celular, onde remodela o esqueleto de actina. O DAD únese ao GBD N-terminal; esta ligazón rompe cando a Rho unida a GTP se une ao GBD e activa a proteína. A adición do DAD a células de mamífero induce a formación de filamentos de actina, estabiliza os microtúbulos, e activa a transcrición mediada por SRF. Outro dominio que adoita encontrarse é unha rexión repetida armadillo (ARR) localizada no dominio FH3.

O dominio FH2, como que observou nos estudos de cristalografía de raios X, ten forma de lúa crecente alongada e contén tres subdominios helicoidais.

As forminas tamén se unen directamente aos microtúbulos por medio do seu dominio FH2. Esta interacción é importante para promover a captura e estabilización dun subconxunto de microtúbulos orientados cara ao bordo de avance das células en migración. As forminas tamén promoven a captura de microtúbulos polos cinetocoros durante a mitose e a aliñación dos microtúbulos ao longo dos filamentos de actina.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Formina-2

Ligazóns externas

Categoría:Dominios proteicos Categoría:Bioloxía celular Categoría:Proteínas Categoría:Procesos celulares