A arracada de Vilar de Santos é unha peza de ourivería castrexa de ouro, datada na Idade de Ferro, que destaca pola súa complexidade técnica e a súa singular iconografía ornitomorfa. Foi achada no concello de Vilar de Santos, Ourense e actualmente consérvase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Contexto A peza pertence ao ámbito cronolóxico cultural da cultura castrexa. Na ourivería do Noroeste peninsular conflúen tradicións endóxenas do Bronce Final Atlántico con influencias mediterráneas (fenicias e púnicas) e centroeuropeas (Hallstatt). Esta arracada encádrase no Morfotipo II da clasificación de Bieito Pérez Outeiriño, caracterizado por un corpo penalunar e un colgante triangular plano.
O feito de que a peza fose atopada illada e a certa profundidade suxire un proceso de ocultación. É probable que, ante a inestabilidade provocada pola conquista romana, os seus propietarios decidisen esconder a xoia —un símbolo de status, riqueza e poder— coa intención de recuperala no futuro, algo que finalmente non sucedeu.
Decorado Os decorados ornitomorfos aparecen tanto na travesía central como no vértice inferior, onde destaca a figura dun pato ou semellante suxeitando un acio. Estas aves acuáticas son comúns na cerámica da Idade de Ferro e teñen paralelismos en Europa Central. A peza tamén conta con cinco cápsulas (cónicas ou hemisféricas) distribuídas polo corpo triangular. Este motivo é característico das arracadas da zona da Limia. A peza amosa un dominio do repuxado, a filigrana e o granulado, técnicas de influencia mediterránea que se adaptaron aos tipos formais atlánticos.
A análise do ouro, que presenta impurezas de estaño, indica que a materia prima procede de xacementos secundarios (ouro de aluvión). Este ouro obteríase mediante a técnica do bateo nos ríos e torrentes da zona, unha actividade documentada por autores clásicos como Estrabón e Plinio o Vello, quen salientaron a riqueza aurífera da Gallaecia.
Achado O seu achado produciuse de xeito casual en 1924, por Benito Saburido, mentres realizaba unha canle de desaugadoiro no lugar de Albariño, Vilar de Santos. Tras pasar por mans privadas, foi adquirida polo Museo Arqueolóxico de Ourense en 1979. centro|senmarco|300x300px
Notas
Categoría:Arracadas Categoría:Cultura castrexa Categoría:Vilar de Santos Categoría:Arte prehistórica