O barón Kitasato Shibasaburō (北里 柴三郎, 1853-1931) foi un médico e bacteriólogo xaponés famoso por ser o codescubridor do axente infeccioso da peste bubónica durante o gromo de 1894 en Hong Kong, case simultaneamente con Alexandre Yersin. Dada a ordenación dos nomes xaponeses, en realidade, o seu nome é Shisaburō (tamén escrito Shibasaburo) e o seu apelido é Kitasato, polo que tamén se lle chama Shibasaburō Kitasato. De todos modos a ortografía orixinal que lle correspondería debería ser Kitazato, xa que se pronuncia con ese sonoro, pero coñécese internacionalmente por Kitasato porque cando estaba estudando en Alemaña empezou a escribir o seu apelido como Kitasato, xa que en alemán o 's' pronúnciase precisamente como ese sonoro ([z]), soando igual que o seu apelido, mentres que o 'z' pronunciaríase [ts].
Kitasato foi proposto para o primeiro Premio Nobel de Medicina anual de 1901, pero non foi premiado.Shibasaburo Kitasako - Nomination Kitasato e Emil von Behring, traballando xuntos en Berlín en 1890, anunciaron o descubrimento do soro antitoxina da difteria. Finalmente, Von Behring foi o galardoado co premio Nobel de 1901 debido a ese traballo, mentres que Kitasato non.
Un tipo de matraz de laboratorio leva o seu nome, o matraz kitasato.
Biografía Kitasato naceu na vila de Okuni, Provincia de Higo, (actualmente cidade de Oguni, prefectura de Kumamoto, Kyūshū), fillo de Kitasato Korenobu, un xefe de vila, e de Tei, filla dun samurai. Os seus pais foron moi estritos coa súa educación e enviárono á casa dun parente e esixían unha disciplina ríxida. El dixo que herdara as súas cualidades de liderado da súa nai. Foi educado na Escola Médica de Kumamoto e na predecesora da Universidade Imperial de Tokyo.
Estudou baixo a dirección de Robert Koch na Universidde de Berlín de 1885 a 1891. En 1889, converteuse na primeira persoa en conseguir cultivar o bacilo do tétano en cultivo celular puro, e en 1890 cooperou con Emil von Behring no desenvolvemento dunha terapia de antisoro para o tétano usando este cultivo puro. Tamén traballou nas antitoxinas para a difteria e o carbúnculo. Kitasato e Behring demostrou o valor da antitoxina na prevención da doenza causando a inmunidade pasiva ao tétano nun animal que recibira inxeccións graduadas de soro sanguíneo procedente doutro animal infectado coa doenza. Os descubrimentos de Kitasato sobre o tétano e o traballo de von Behring sobre a difteria inauguraron o campo da soroterapia.
Unha vez que volveu ao Xapón en 1891, fundou o Instituto para o Estudo das Doenzas Infecciosas coa axuda de Fukuzawa Yukichi. Un dos seus axudantes iniciais foi August von Wassermann. Kitasato demostrou como se podían usar cultivos mortos na vacinación. Tamén estudou o modo de infección da tuberculose.
Viaxou a Hong Kong en 1894 a petición do goberno xaponés durante o gromo de 1894 de peste bubónica, e identificou unha bacteria que concluíu era a causante da doenza. Yersin, traballando por separado, atopou o mesmo microorganismo varios días despois. Como os informes iniciais de Kitasato eran vagos e algo contraditorios, e os informes posteriores resultaron inexactos, algúns historiadores da ciencia só dan a Yersin o recoñecemento deste descubimento; mentres que outros aconsellan dar un recoñecemento a ambos. Porén, unha análise completa da morfoloxía do organismo descuberto por Kitasato feita por microbiólogos determinou que aínda que as súas mostras probablemente foron posteriormente contaminadas por pneumococos, o que levou aos conflitivos informes do seu laboratorio, hai "poucas dúbidas de que Kitasato si illou, estudou e razoablemente caracterizou o bacilo da peste" en Hong Kong e "non se lle debería negar ese recoñecemento". Catro anos despois, Kitasato e o seu estudante Shiga Kiyoshi conseguiron illar e describir o organismo que causaba a disentería.
Despois do seu traballo coa peste bubónica en Hong Kong, Kitasato continuou o seu traballo sobre doenzas infecciosas investigando as pestes epidémicas do noroeste de Asia e en 1909, presentou un artigo sobre a tuberculose en Europa. En 1911, Kitasato atopábase en Manchuria en medio dunha das epidemias pneumónicas máis graves estudando a súa prevención, xa que el cría que o seu propósito era investigar a ciencia que mellorase os problemas de saúde pública e proporcionase avances nese campo. miniatura|Hospital da Universidade Kitasato
Cando o Instituto para Doenzas Infecciosas foi incorporado á Universidade Imperial de Tokyo en 1914, dimitiu como protesta e fundou o Instituto Kitasato (predecesor da Universidade Kitasato), que el dirixiu durante o resto da súa vida. Mentres que Kitasato estaba aínda envolvido nas actividades do seu instituto acabado de crear, tamén organizou unha nova instalación médica, en colaboración con Fukuzawa Yukichi,que desde entón se converteu nun importante centro de aprendizaxe médica no Xapón.
En setembro de 1921, Kitasato fundou, xunto con varios científicos médicos, a Sekisen Ken-onki Corporation, coa intención de fabricar o termómetro clínico máis fiable posible. A compañía foi despois renomeada como Terumo Corporation.
Kitasato foi tamén o primeiro decano de medicina da Universidade Keio, primeiro presidente da Asociación Médica Xaponesa, e foi membro da Casa dos Pares. Foi ennobrecido co título de danshaku (barón) no sistema nobiliario kazoku en febreiro de 1924. Aínda que os intereses de Kitasato foron cambiando desde estudar activamente as doenzas á actividade política e as conferencias, continuou mellorando o seu traballo sobre a tuberculose ata a súa morte e fixo importantes contribucións no campo da saúde pública.
Foi elixido membro internacional da Sociedade Filosófica Americana en 1914.
Morreu dunha hemorraxia intracranial na sáu casa de Azabu, Tokyo, o 13 de xuño de 1931. A súa tumba está na Cemeterio Aoyama de Tokyo.
miniatura|Retrato de Kitasato no billete de 1000 iens. O seu retrato aparece no billete de 1000 iens emitido en xullo de 2024.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Matraz kitasato, matraz de laboratorio Kitasatospora, un xénero de Actinobacteria nomeado en honra de Kitasato Shibasaburō Satoshi Ōmura
Bibliografía
Ligazóns externas
Páxina da Universidade Kitasato Retratos de figuras históricas modernas xaponesas
Categoría:Nados en 1853 Categoría:Finados en 1931 Categoría:Médicos do Xapón Categoría:Bacteriólogos do Xapón