Pedro Ladislao Rodríguez-Volta Alén, máis coñecido como Pedro Volta, nado en Pontevedra en 1977, é un mago, ilusionista e produtor galego.

Traxectoria

Estudou secundaria no IES Sánchez Cantón. Estudou Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e formouse en Markéting Social e uso das redes sociais, produción e realización de audiovisuais.

Foi asesor no programa de maxia Nada x Aquí de Cuatro TV en 2008. Dirixiu o Hangar 52 Lo Gran Show de Magia de Yunke no IFEMA de Madrid e supervisou a xira por trinta cidades da China en 2017 coa cadea Poly Theatres. Foi asesor máxico e creativo do mago Yunke no programa El Hormiguero, de Antena 3 Televisión e guionista do programa 1,2,3 Hipnotízame da mesma canle en 2017.

Desde 2016 é o director artístico e creativo do Museo da Máxia de Yunke en Peníscola. Levou o seu espectáculo Ilusionante ao Kennedy Center de Washington, D.C., e a teatros de Maryland e Virxinia, en colaboración coa Embaixada de España en USA. En 2014 levou o seu espectáculo de maxia ás cidades australianas de Sydney e Canberra, colaborando co Instituto Cervantes.

Canto á Televisión de Galicia, ten participado no Land Rober, no Luar, en Boas Tardes e producindo Estrelas máxicas. En Telecinco participou en Got Talent España, Qué Tiempo Tan Feliz e Viva la Vida. Como comunicador, presentou o espectáculo-conferencia A Maxia de Ilusionarse para empresas multinacionais como Cirsa e Vitaldent. En 2023 presentou o espectáculo Magic Screen no que a Intelixencia Artificial xogaba un papel clave. En 2025 era o director artístico e produtor do Galicia Magic Fest, un festival internacional de ilusións que percorreu os principais teatros de Galicia.

En 2018 tivo un accidente no Festival Internacional de Maxia de Navacerrada nun número de escapismo, encadeado cunha camisa de forza e debaixo mil litros de auga, botou catro minutos en parada cardiorrespiratoria, polo que tivo que ser rescatado.

Obra escrita

Galego

O pazo máxico (2009). A Coruña: Baía Ed. 91 páxs. ISBN 9788492630325. Orientada para os máis pequenos.

Castelán

HOUDINI y el elefante Mágico Nabuk: Una fábula sobre la superación, éxito y la amistad (2025). 119 páxs. Ed. de autor.

Notas

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1977 Categoría:Maxia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Ilusionismo Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá