Ainhoa Marín Martín, nada en Badalona o 21 de marzo de 2001, é unha futbolista española que xoga como dianteira no Deportivo da Coruña, da Primeira División.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol nun club de Badalona, o Unificació Llefià, e dende a categoría infantil ata os 16 anos competiu nas categorías xuvenís do FC Barcelona, chegando a xogar na tempada 2017/18 no segundo equipo do club barcelonés, na Segunda División.
Antes da tempada 2018/19 fichou polo Espanyol, onde foi inscrita no equipo filial da Segunda División, a pesar de ser xogadora do primeiro equipo. O 16 de setembro de 2018, debutou na máxima categoría, nun partido contra o Valencia. Na tempada 2019/20, continuou nas filas do Espanyol, xa con ficha do primeiro equipo, no que xogou ata que a pandemia de COVID-19 paralizou a competición. Ao longo das súas dúas campañas no club disputou un total de 32 partidos en Primeira, marcando un gol ante o EDF Logroño. A continuación regresou a Badalona e fichou polo CE Seagull, da Segunda División, no que militou unha campaña.
En 2021 fichou polo Deportivo da Coruña, tamén da Segunda División. No seu primeiro ano no club coruñés liderou o ataque do equipo branco e azul, anotando nove goles en liga, e foi elixida pola AFE como mellor xogadora da Segunda División. Na súa segunda tempada superou os seus números como goleadora, sumando 11 novas dianas, unha delas na frustrada promoción de ascenso. Finalmente conseguiu o ascenso na tempada 2023/24, contribuíndo con 5 goles en 26 partidos.
Selección española En outubro de 2018 foi convocada pola selección española para o Mundial Sub-17 do Uruguai, no que o conxunto español gañou a medalla de ouro, aínda que Ainhoa sufriu unha escordadura no ligamento lateral do nocello dereito no primeiro partido, perdendo o resto do campionato. En 2021 foi convocada pola selección sub-23, sendo unha habitual deste combinado nos seguintes anos.
Notas
Categoría:Nados en 2001 Categoría:Nados en Badalona Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino