Alejandro Jesús Ortiz Cabrera, coñecido como Álex Ortiz, nado en Málaga o 1 de outubro de 1987, é un adestrador de fútbol andaluz.
Traxectoria Comezou a súa carreira profesional en 2006 como adestrador das categorías inferiores do CD Lauro, na localidade malagueña de Alhaurín de la Torre. En 2009 asinou polo Alhaurín de la Torre CF para facerse cargo da súa base. En 2011 pasou a adestrar o filial do club e en xullo de 2012 foi nomeado adestrador do equipo principal, naquel momento na Terceira División.
Entre 2013 e 2014, Álex Ortiz dirixiu o equipo xuvenil doutro club da provincia, o CD Puerto Malagueño. Nos anos 2014 e 2015 traballou como asistente para dous técnicos, primeiro para Lalo Pavón no Alhaurín e posteriormente para Adrián Cervera no CD San Félix. O 3 de setembro de 2015 foi contratado como adestrador da UD San Pedro.
En xuño de 2016, Ortiz finalizou o seu contrato co San Pedro e incorporouse ao Málaga Club de Fútbol como adestrador do conxunto infantil. Permaneceu no cargo até 2019, cando se trasladou a Romanía para exercer como director de metodoloxía no FC Viitorul Constanța. En agosto de 2020 fichou polo Polvorín Fútbol Club, alcanzando en 2022 o seu ascenso á Segunda Federación. Saíu do club lucense en xuño de 2022.
Tras marchar do Polvorín, Álex Ortiz dirixiu o Vélez CF entre xuño e novembro de 2022. O 1 de xuño de 2023 fichou por outro equipo malagueño, o CD Rincón, finalizando contrato o 30 de novembro dese mesmo ano. En 2024 asinou polo Villareal Club de Fútbol e foi nomeado adestrador do primeiro equipo cadete. O 27 de febreiro de 2025 asumiu novamente o cargo de adestrador do Polvorín.
O 5 de maio de 2025, tras a marcha de Toni Seligrat como adestrador do Club Deportivo Lugo, Álex Ortiz relevouno para dirixir o equipo no tramo final da Primeira Federación 2024/25. En xuño dese mesmo ano foi substituído por Yago Iglesias para adestrar o conxunto lucense.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial de Álex Ortiz Álex Ortiz en BDFutbol Álex Ortiz en LaPreferente.com
Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados en Málaga Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores do CD Lugo B