Viola Klein, nada en 1908 e finada en 1973, foi unha socióloga que traballou en Gran Bretaña. O seu traballo demostrou que as ideas obxectivas acerca da muller son atributos construídos socialmente. Aínda que a súa formación inicial foi en psicoloxía e filosofía, a súa máis prolífica investigación trata dos roles sociais da muller e como estes cambiaron despois da Revolución Industrial. Foi unha das primeiras en achegar evidencias cuantitativas neste contexto socioeconómico.

Viola Klein, mostrou mediante casos prácticos,como as construcións teóricas dos científicos ou intelectuais están impregnadas dos valores históricos, sociais e culturais da época en que viven.

Traxectoria Viola Klein naceu nunha familia xudía. De moza estudante, mudouse a Praga coa súa familia debido a circunstancias políticas despois de estudar durante un ano na Universidade da Sorbona en París e brevemente na Universidade de Viena . Continuou os seus estudos na Universidade de Praga, graduándose con licenciaturas en psicoloxía e filosofía.

A súa primeira tese doutoral foi sobre o estilo lingüístico do autor francés Louis-Ferdinand Céline. En 1938, tras a anexión de Austria polo Terceiro Reich, ela e o seu irmán emigraron a Inglaterra. Máis tarde, os pais de Viola, que permaneceron en Austria, morreron nun campo de concentración nazi.

Viola e o seu irmán tiveron dificultades para atopar traballo en Inglaterra. Durante un curto período de tempo, traballou como criada ata que finalmente recibiu unha bolsa do goberno checo no exilio. Isto permitiulle matricularse na London School of Economics e traballar no seu segundo doutoramento. Durante os seus estudos en Londres, coñeceu ao recoñecido sociólogo Karl Mannheim, que se converteu no seu mentor. En 1946, Viola Klein publicou a súa segunda disertación, unha das súas obras máis coñecidas: The Feminine Character: History of an Ideology . Esta publicación foi criticada polo seu feminismo ostensiblemente militante, que se afastaba das visións e valores tradicionais. Animar ás mulleres a traballar se así o desexaban era percibido polos críticos como unha forza social destrutiva, causando desestabilización e problemas familiares.

Viola traballou en postos de nivel relativamente baixo como editora, tradutora e profesora. Non obstante, continuou a súa investigación, centrándose no emprego das mulleres en Gran Bretaña. A partir de 1951, colaborou coa socióloga sueca Alva Myrdal e, xuntas, publicaron o libro Women's Two Roles: Home and Work . Notas

Categoría:Nados en Viena Categoría:Sociólogos de Austria Categoría:Profesores da Universidade de Reading Categoría:Finados en 1973 Categoría:Nados en 1908