Unha torre de refrixeración é unha estrutura que transmite calor residual á atmosfera reducindo a temperatura dun refrixerante, que adoita ser auga. As torres de refrixeración poden evaporar a auga para arrefriar o fluído até unha temperatura húmida ou, no caso das torres de refrixeración en seco, poden empregar aire para obter o mesmo efecto usando radiadores.

O uso principal das grandes torres de refrixeración industriais é reducir a temperatura da auga de refrixeración usada en centrais de enerxía, refinarías de petróleo, plantas petroquímicas, instalacións de procesamento de gas natural e outras infraestruturas industriais.

Historia As torres de refrixeración teñen a súa orixe no século XIX, co desenvolvemento dos condensadores para uso de vapor de motor. Os condensadores utilizaban auga relativamente fría para condensar o vapor que creaban os cilindros ou turbinas. Isto reducía a presión e, en consecuencia, o consumo de vapor e combustible, incrementando tamén a potencia e reciclando a auga das caldeiras. De todos os xeitos, os condensadores requirían un amplo suplemento de auga refrixerante, sen a que se tornaban pouco prácticos.

Cara a finais do século XX, usábanse varios métodos de evaporación para reciclar a auga refrixerante, especialmente en áreas sen acceso a fontes de auga constantes, fiables en tempos de alta demanda ou inadecuadas para satisfacer as necesidades de refrixeración. En rexións con terra dispoñible, adoitábase empregar estanques de arrefriamento que, nas zonas de terreo limitado, como as cidades, tomaron a forma de torres de refrixeración.

Tipoloxía En relación ao mecanismo para a transmisión de calor, existen dous tipos principais de torres:

Torres de refrixeración húmidas: funcionan polo principio de evaporación. Nesta clase de torres, a auga quente pode arrefriarse a unha temperatura inferior á do ambiente, se o aire é relativamente seco. Baixo certas condicións ambientais, pódense ver nubes de vapor de auga saír da torre. Torres de refrixeración en seco: transmiten a calor a través dunha superficie que separa o fluído a refrixerar do aire ambiental.

Segundo o tiro do aire na torre hai tres categorías:

Tiro natural, con chemineas altas. Tiro inducido, con ventiladores na parte superior da torre, que impulsan o aire cara a arriba ao crear un pequeno baleiro no interior da torre. Tiro mecánico ou forzado, con motores de ventilación na súa base que elevan o aire.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Tecnoloxía Categoría:Industria