A mina de Valborraz (Santa María de Casaio, Carballeda de Valdeorras, Ourense), tamén coñecida como a Mina dos Alemáns, é un xacemento arqueolóxico de época contemporánea formado por un conxunto de explotacións mineiras de volframio que tiveron o seu apoxeo durante a Segunda guerra mundial.
Contexto No contexto da guerra civil española, créase, o 31 de xullo de 1936, unha sociedade ficticia chamada HISMA (Hispano-Marokkanische Transport-Aktiengesellschaft; en galego, "Hispano-Marroquí de Transportes, Sociedade Limitada"), que servía como tapadeira para o tráfico de armas que había entre a Alemaña nazi e o bando nacional español. En contrapartida a esta empresa, en outubro de 1936, creouse en Berlín a ROWAK (Rohstoff-Waren-Kompensation Handelsgesellschaft; en galego, "Sociedade comercial de compensación de materias primas e mercancías") da man de Göring, que xestionaría como e a través de que España pagaría a súa débeda con Alemaña. A alianza bilateral entre Alemaña e España levouse a cabo a través de HISMA-ROWAK, ata a fusión de ambas as dúas empresas en 1938 nunha nova chamada SOFINDUS (Sociedade Financeira Industrial), que estaba máis orientada á adquisición de materias primas.
Un ano antes, en 1937, Göring enviara a España unha campaña de expedición xeolóxica para atopar xacementos de potencial explotación mineira nos territorios de dominio nacionalista. Esta operación formaba parte do Plan Cuatrienal do Terceiro Reich, que tiña coma obxectivo alcanzar unha economía de guerra sostible durante catro anos.
Entre 1942 e 1943, o volframio representaba máis da metade das exportacións españolas, dirixidas aos países en guerra, tanto Aliados (Estados Unidos e Gran Bretaña) coma das Forzas do Eixo (Alemaña e Italia). Durante o conflito, os países Aliados mantiveron unha guerra económica contra a Alemaña nazi coñecida coma a batalla do volframio, co obxectivo de facerse co control do mineral na Península Ibérica, debido a abundante exportación de España e Portugal a Europa (malia declararse neutrais na segunda guerra mundial). Unha das súas principais medidas foi a compra do mineral a prezos maiores, provocando que a tonelada de volframio pasara de 7.500 pesetas en 1937, a 275.000 pesetas en 1943. Cara ó final da guerra, os Aliados bloquearon a subministración de petróleo a España como coacción definitiva para acabar coa alianza hispano-alemá.
Explotación de volframio en Galicia O volframio extraído de Galicia representaba o 69% da produción total española entre 1940 e 1954, sendo concretamente un 37% da Coruña, un 18% de Ourense e un 14% de Pontevedra. Entre as minas de volframio galegas destacan:
Mina de Monte Neme (Carballo, A Coruña) Mina de San Fins (Lousame, A Coruña) Mina de Varilongo (Santa Comba, A Coruña) Minas de Fontao (Vila de Cruces, Pontevedra) Mina de Valborraz (Carballeda de Valdeorras, Ourense) Minas de Valgrande (A Gudiña, Ourense)
Historia dereita|miniatura|Acción das minas de Valborraz. O volframio en Valborraz aparece referido por primeira vez en 1897, cando se lle otorga a Senén Arias García a explotación da mina de ferro Desprezada en Casaio. En 1905 dáselle a concesión da mina Gloria a un veciño de O Barco de Valdeorras, comezando a existir pequenas explotacións en mans privadas.
Nestes momentos, algúns investigadores da Universidade de Hamburgo fixeron un estudo xeolóxico da zona. A raíz dos resultados, o xeólogo Lucas Mallada visitou persoalmente os vales de Casaio en 1908, para comprobar se era un lugar favorable para a explotación mineira de volframio. Con todo, non houbo extracción do mineral ata a chegada do enxeñeiro de minas belga Edgar D´Hoore, quen arrenda algunhas concesións e funda en 1914 a empresa Societé Mines de Wolfram de Balborraz. A súa actividade foi prometedora ata o estalido da Primeira Guerra Mundial, contenda que paralizou en seco a súa actividade.
Tras 15 anos aberta, os dereitos da mina pasaron a mans dos alemáns en 1938, a través do holding empresarial de SOFINDUS. Dentro deste entramado de empresas, Montes de Galicia S.A. foi a responsable da explotación da mina de Valborraz a través do Grupo Mineral de Casaio. Esta é a época máis significativa, non só para a mina, senón para a poboación dos arredores, que comezaron a chamala Mina dos Alemáns.
Entre 1942 e 1944 a mina funcionou coma destacamento penal, onde os presos republicanos podían redimir as súas penas e reducir a súa condena a cambio de traballar nas minas, cobrando un mínimo salario e fóra dos cárceres, onde as condicións de vida eran lamentables. Durante eses anos, 463 presos desprazáronse ata a mina de Valborraz, principalmente excombatentes republicanos das zonas de Andalucía, Madrid, Guadalaxara, Asturias e o Bierzo. Cabe destacar que do escaso salario que recibían, máis da metade era confiscado para a Facenda pública en concepto de indemnización de guerra. O destacamento penal non funcionou por dous motivos principais: a fuga de presos e o contacto dos mesmos cos guerrilleiros da zona, dos cales se conservan vestixios como a Cidade da Selva. Os alemáns explotaron a mina de Valborraz ata 1945, momento no que perderon a guerra. Antes de abandonala, o enxeñeiro alemán Georg Burk ordenou desmantelar a sala de máquinas e outras instalacións para que non caesen en mans dos Aliados, e acusou á guerrilla española da súa destrución.
En 1954, as minas foron adquiridas e reactivadas polo Grupo Mineiro de Casaio S.A., no contexto da guerra de Corea, pero a baixada do prezo do volframio provocou o peche definitivo da industria en 1963.
Impacto social No momento de maior explotación da mina chegaron a traballar máis de 1.000 persoas, sobre todo das comarcas de Valdeorras e a Cabrera. O salario era maior do habitual, de entre 5 e 7 pesetas para traballadores xerais e de ata 20 ou 25 pesetas para os técnicos especialistas. Logo, a mina converteuse no modo de vida e sustento de moitas familias nun momento de posguerra e fame negra. Isto supuxo cambios na contorna, tanto paisaxística coma social.
Os dous avances máis importantes que trouxo a mina foi a electricidade, coa construción dun salto hidroeléctrico de auga na década de 1940, e a construción dunha estrada de acceso de 24 km na marxe dereita do río Casaio para o transporte de maquinaria, que facilitou a comunicación das poboacións de Casaio, Viladequinta, A Portela e O Trigal. Así, a paisaxe rural foise convertendo nunha contorna industrializada, e a economía tradicional de autosuficiencia pasou a unha economía tamén industrial, permitindo que moitas familias non tivesen que emigrar para sobrevivir durante a posguerra española.
Estraperlo de volframio Por mor da batalla do volframio, xurdiu a chamada "febre do volfram", aludindo á cantidade de persoas que ían por conta propia aos filóns sen explotar para gañarse a vida nun período de miseria. O mineral que extraían podían vendelo ben á empresa titular encargada da explotación oficial, ou ben a compradores independentes que pagaban sempre un prezo máis elevado (que podía chegar a duplicar o prezo ofrecido pola empresa). Estes compradores independentes tamén compraban o mineral no estraperlo de wolframio, extraído ilegalmente das minas e vendido no mercado negro. Había varias formas de extraer este volframio: agochándoo nos arredores da mina para recuperalo pola noite, buscando en zonas sen explotar ou mesmo nas minas custodiadas pola Garda Civil, que facía a vista gorda a cambio de certa porcentaxe das ganancias. Unha das características do estraperlo foi o gran protagonismo das mulleres e a implicación das familias e veciños para poder garantir certa seguridade na actividade. Esta economía somerxida axudou a moitas familias, xa que por pequenas cantidades pagábase o suficiente como para manterse durante varios meses.
Descrición do xacemento O conxunto mineiro de Valborraz está composto por tres zonas diferenciadas: o poboado, a zona industrial e a mina propiamente dita. A mina sitúase ao norte do conxunto e a poboación está orientada cara o suroeste. Entremedias atópase a zona industrial e o destacamento penal, afastado do poboado e illado na Serra de Camporromo.
Estado de conservación En 2010 produciuse un corremento de materiais procedentes dunha escombreira vinculada á empresa Manada Vieja. Implicou o desprendemento dunha gran cantidade de limo e lousa sobre o leito do cavorco de Valborraz e sobre o propio xacemento. O fenómeno, favorecido polas intensas precipitacións e acumulación de neve, afectou directamente ao poboado mineiro, causando a destrución de varias edificacións e agravando de maneira significativa o seu estado de conservación. Este episodio puxo de manifesto a falta de control sobre as escombreiras, asunto que os veciños xa denunciaran en reiteradas ocasións.
Desde 2019, a Asociación Científica Sputnik Labrego desenvolve traballos de documentación e investigación na mina de Valborraz. No 2022, denunciaron publicamente o espolio ao detectar pegadas de intervencións non autorizadas no xacemento, incluíndo furados relacionado co uso de detectores de metais e a alteración de distintos puntos do enclave. Isto sumouse a casos anteriores coma a desaparición da única inscrición conservada na mina, considerada unha perda irreparable para o coñecemento histórico do conxunto. A denuncia insistiu na vulnerabilidade do enclave fronte ao espolio e a urxencia de adoptar medidas de protección e control por parte das administracións públicas.
En 2025, o conxunto de Valborraz viuse novamente afectado pola vaga de incendios forestais que asolou a comarca de Valdeorras durante os meses de agosto e setembro. Un dos focos declarouse na contorna inmediata do poboado mineiro, chegando a queimar arredor de 860 hectáreas. O lume provocou danos significativos e irreversibles nas estruturas conservadas, provocando a perda de cubertas e un agravamento moi intenso dos procesos de degradación dos edificios, xa de por si nun estado de conservación precario debido ao abandono prolongado.
En resposta a esta situación, Sputnik Labrego puxo en marcha en 2025 a campaña «Recuperemos Valborraz», en colaboración co albergue Eco dos Teixos e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira. A iniciativa ten como obxectivo recadar fondos para actuacións de limpeza, conservación e estabilización do enclave, así como promover a elaboración dun Plan Director e reclamar a protección administrativa do complexo mineiro de volframio de Valborraz.
Poboado mineiro de Valborraz tras o incendio
Nota
Véxase tamén
Categoría:Minaría Categoría:Segunda guerra mundial Categoría:Industria de Galicia Categoría:Carballeda de Valdeorras