Vincenzo Tempera, nado en Milán o 18 de setembro de 1946, é un compositor de bandas sonoras, director de orquestra, arranxador e teclista italiano.
Traxectoria Vince Tempera, director de orquestra, asinou populares sintonías de debuxos animados e series de televisión. Nado en Milán en 1946, Vincenzo "Vince" Tempera diplomouse no Conservatorio "Giuseppe Verdi" en piano e composición cos mestres Carlo Vidusso e Ottorino Gentilucci, comezando moi novo a escribir arranxos e a tocar coas orquestras de Gorni Kramer, Gianfranco Intra e Franck Pourcel. Debutou no Festival Delle Rose en 1967 como director de orquestra. Dous anos despois, participou por primeira vez no Festival de Sanremo coa canción "Zingara" de Iva Zanicchi e comezou a traballar coa produción de Otis Redding, escribindo dúas pezas para Arthur Conley e arranxando para Wilson Pickett, Sweet Inspiration e Vanilla Fudge.
No transcurso da súa carreira colaborou con diversos artistas entre os que se atopan Lucio Battisti, Claudio Baglioni, Johnny Hallyday, Antonello Venditti, Alan Sorrenti e Francesco Guccini, do cal é pianista fiel durante máis de 40 anos. Conseguiu o primeiro disco de ouro coa súa banda sonora para o filme americano de 1970 Love Story.
Entre os anos 70 e 80 escribe e produce unha vintena de sintonías de animes na súa adaptación á televisión italiana que venderán máis de 5 millóns de discos: entre outras, "Capitán Harlock", "Remi", "Ana dos cabelos rubios", "Goldrake", "A abella Maia", "Daitan 3", "Hello! Spank" e sobre todo "Ufo Robot", que por si só vendeu 650.000 copias como sinxelo e 300.000 como LP.
Autor tamén de "Na-no Na-no", sintetía da moi seguida teleserie "Mork & Mindy", nos anos setenta e oitenta realiza, primeiro para Cineriz e despois, como único músico italiano, para Paramount Italy, máis de 80 bandas sonoras entre as que se atopan "Fantozzi", "Febbre da cavallo", "Sete notas en negro" de Lucio Fulci e, anos máis tarde, Kill Bill de Quentin Tarantino, mentres que desde hai algún tempo traballa case en exclusiva para a RAI, compoñendo as músicas de diversas ficcións de éxito como "Contáde". En varias ocasiones director da London Symphony Orchestra, Mercer Ellington Band, Bulgarian Symphony Orchestra, Belarus Philarmonic Minsk, Stuttgart Symphony Orchestra e outras máis, conta cun número récord de participacións no Festival de Sanremo, como arranxador e director de orquestra, e en Eurovisión en nome doutras nacións, entre as cales o Estado de San Marino e o de Malta.
En xaneiro de 2018 deu un concerto en Montecitorio, sendo o primeiro artista pop en tocar no Parlamento Italiano.
Notas
Categoría:Músicos de Italia Categoría:Nados en 1946 Categoría:Pianistas de Italia Categoría:Compositores de Italia