miniatura|T. s. kalahariParque Nacional Nkasa Rupara, Namibia O picanzo asubiador (Tchagra senegalus) é un ave paseriforme da familia dos malaconótidos. Esta familia está moi relacionada cos lánidos (os picanzos clásicos), e anteriormente estaba incluído nesa familia.
Vive na Península Arábiga e na maior parte de África en matos, bosques abertos e campos de cultivo.
Taxonomía
En 1760 o zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson incluíu unha descrición do picanzo asubiador na súa obra Ornithologie baseándose nun espécime recollido en Senegal. Utilizou para el o nome francés La pie-griesche gris du Sénégal e o nome latino Lanius Senegalensis cinereus. Os dous asteriscos (**) ao inicio da sección indican que Brisson baseou a descrición no exame dun espécime. Aínda que Brisson acuñou un nome en latín para a ave, este non está conforme ao sistema de nomenclatura binomial e non foi recoñecido pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica. Cando en 1766 o naturalista sueco Carl Linné puxo ao día o seu Systema Naturae para publicar a 12ª edición, engadiu 240 especies que foran descritas previamente por Brisson, entre elas o picanzo asubiador. Linné incluíu unha breve descrición, acuñou o nome binomial Lanius senegalus e citou o traballo de Brisson. A especie agora está situada no xénero Tchagra, que foi introducido polo naturalista francés René Lesson en 1831. Recoñécense nove subespecies.
Descrición
miniatura|esquerda|Os adultos teñen unha coroa (píleo) negra sólida, bordeada por faixas superciliares beixes, pero os individuos novos teñen unha coroa amarronada.
É unha especie colorida e inconfundible, de 19–22 cm de lonxitude. Ten unha coroa ou píleo negro e faixas oculares que están separadas por unha sobrecella branca ancha. As partes inferiores son grises claras e as superiores marróns claras. As ás dobradas son castañas e a cola negra con puntas brancas. O bico é negro.
Os sexos son similares, pero os individuos novos teñen un píleo marrón e un bico amarelo claro. Hai varias subespecies que se distinguen polo seu tamaño, cor do dorso, ventre e faixa ocular.
Cantan unha canción asubiante descendente que soa chii-chii chii chiru chiru, e pode facerse que se expoña rapidamente á vista se se imita esta chamada, seguramente porque está preocupado de que entre algún conxénere intruso no seu territorio. O macho fai tamén un voo de exhibición.
Comportamento
Pon dous ou tres ovos brancos con moitas marcas nun niño cupuliforme nunha árbore ou arbusto. Incuban ambos os sexos, pero pincipalmente a femia, durante 12–15 días; os pitos empluman 15 días despois da eclosión.
Ten hábitos similares aos dos picanzos clásicos (lánidos), caza insectos e outras pequenas presas desde unha póla dun arbusto, aínda que está pousado menos visiblemente que os lánidos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Barlow, Wacher e Disley, Birds of The Gambia, Sinclair, Hockey e Tarboton, SASOL Birds of Southern Africa, Tony Harris e Kim Franklin, Shrikes & Bush Shrikes (Christopher Helm, 2000)
Ligazóns externas Picanzo asubiador (''Black-crowned tchagra') - Texto sobre a especie en The Atlas of Southern African Birds. Vídeos, fotos e sons do picanzo asubiador na Internet Bird Collection BirdLife Species Factsheet
Categoría:Malaconótidos Categoría:Aves de África Categoría:Aves de Asia Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Taxons descritos por Linné