Bando republicano é un dos nomes dados pola historiografía contemporánea aos militares e organizacións políticas españolas que, tras o fracaso parcial do golpe de estado do 18 de xullo de 1936, defenderon a legalidade republicana durante a guerra civil que concluíu en 1939. Oponse ao bando sublevado, unha amálgama de colectivos falanxistas e tradicionalistas.
Outras denominacións que recibe habitualmente son bando gobernamental e bando leal. Desde as filas sublevadas, a facción foi denominada de xeito pexorativo «bando vermello».
Estrutura militar
Exército Popular da República esquerda|miniatura|Escultura levantada na plaça de Catalunya de Barcelona en marzo de 1937 en homenaxe ao Soldat del Poble (o soldado do Exército Popular da República). Na súa realización colaboraron varios artistas como Josep Bartolí O Exército Popular da República, ás veces tamén chamado Exército Republicano ou Exército Popular, foi a denominación adoptada polas forzas armadas terrestres da Segunda República Española tras a reorganización emprendida polas súas autoridades e a disolución das milicias de voluntarios xurdidas nos primeiros meses da guerra civil española.
En outubro de 1936 o goberno republicano procedeu a reorganizar as súas forzas armadas sobre a base das unidades e cadros militares que permaneceran leais, á vez que refundía as milicias en unidades regulares do novo exército. O golpe militar descompuxo a estrutura organizativa do Exército español, que resultou fragmentado en función das lealdades estabelecidas en cada unidade en favor da sublevación ou da fidelidade á República. O fracaso do plan de sublevación, o colapso da autoridade e a falta de acordo das breves negociacións foron algúns factores que favoreceron a deriva do conflito cara a unha guerra aberta. A Armada Republicana estivo obrigada a operar con base en Málaga e Cartaxena sen poder subministrarse en Xibraltar ou Tánxer. Tampouco puido impedir a ponte aérea que permitiu o desprazamento das unidades sublevadas do Exército de África á Península.
Milicias Confederais As milicias confederais foron unha milicia popular organizada durante a guerra civil polas organizacións do movemento libertario en España: a CNT, a FAI e a FIJL. Estas milicias tiveron un importante papel na Revolución social de 1936. Cunha formación en columnas, estaban formadas por voluntarios dispostos a combater os golpistas, malia non teren moita formación militar e non lograren opor unha forte resistencia contra os soldados profesionais.
Eusko Gudarostea O goberno do País Vasco buscaba manter a súa autonomía tanto política como militar ao principio da guerra. Aínda que o PNV puido unirse ao bando sublevado, decidiu manterse fiel á República, polo que para combater os sublevados decidiu crear o seu propio exército. Debido ás características do terreo de Euskadi decidiuse crear unha guerrilla a base de batallóns integrados na súa gran maioría por militantes nacionalistas vascos, o cal sería o comezo do Euzko Gudarostea («exército vasco» en éuscaro). Quen o integraban eran coñecidos como gudaris, termo que perdurou mesmo despois de que o exército vasco terminase por integrarse no Exército Popular da República. O Euzko Gudarostea logrou evitar en parte a insurrección militar en Guipúscoa e Biscaia.
Apoio estranxeiro O bando republicano apenas recibiu apoio exterior das potencias aliadas da segunda guerra mundial, debido ao Comité de Non Intervención Internacional. Porén, destacan fundamentalmente o apoio da URSS e de México, xunto con Francia e Polonia ao principio da contenda. Achegaron grandes cantidades de material militar e asesores. Foi notorio así mesmo o apoio das Brigadas Internacionais.
Unión Soviética A Unión Soviética foi o principal aliado da Segunda República Española. Achegou carros de combate e coches blindados (en especial os T-26, BA-6 e BT-5), varios centenares de avións, varios centos de miles de fusís, pistolas, comida, pezas de artillaría antiaérea e terrestre, enormes cantidades de munición e varios centos de pilotos, tanques e mariños profesionais soviéticos.
México México mantiña boas relacións coa República ao comezo do conflito. O presidente Lázaro Cárdenas asegurara estar totalmente solidarizado co goberno socialista español ante a deslealdade do exército. Ademais a solidariedade obreira con España foi inmediata, e obreiros e sindicatos facían doazóns á embaixada española. O goberno de Cárdenas, a diferenza doutros países, non asinou o Comité de Non Intervención Internacional, e por tanto foi o único país que deu axuda de xeito oficial na guerra civil española. Enviou a España uns 28 millóns de cartuchos de munición, 28.000 fusís, 70 canóns antiaéreos, 55 avións (principalmente franceses) e víveres. Concluída a guerra, deu asilo a miles de veteranos e intelectuais exiliados do bando republicano.
Francia e outros Ao principio da contenda Francia, tamén con goberno frentepopulista, tomou a decisión de enviar material bélico á Segunda República Española. Fíxoo en parte polos acordos asinados para a venda de armas, polas amizades entre os gobernos e por librarse do material obsoleto da primeira guerra mundial. O 30 de xullo chegaba polos Pireneos a primeira partida de armas. Consistía en varios centos de fusís, seis tanques Renault FT-17, miles de cartuchos e varios bombardeiros e cazas.
Ideoloxía política Gran parte do bando sublevado defendía un novo réxime de carácter nacionalista e totalitario que posteriormente se transformou no franquismo. Pola súa parte, o bando republicano perseguía diversos fins dependendo da facción. Abogábase polo mantemento da democracia parlamentaria multipartidista por parte dos partidos republicanos, polo estabelecemento dun Estado socialista por parte de comunistas e socialistas ou por unha revolución social libertaria por parte dos anarquistas. Por tanto, no bando republicano existían diversas ideoloxías políticas que se uniron para combater o bando sublevado.
Debido a obter o apoio da Unión Soviética e do Partido Comunista, a todo o bando republicano atribuíuselle o apelativo pexorativo de vermello, do mesmo xeito que todo o bando sublevado era denominado fascista.
División No bando republicano o apoio na sociedade española estaba sustentado e dividido entre os demócratas que incluía demócratas constitucionais (funcionarios leais á República incluídos), progresistas, nacionalistas periféricos, socialistas e comunistas, e tamén faccións non democráticas como os revolucionarios anarquistas. Tratábase dun apoio fundamentalmente urbano e secular, aínda que tamén rural en rexións como Cataluña, Valencia, País Vasco, Asturias e Andalucía. Varios sectores nacionalistas do clero no País Vasco e Navarra mantivéronse fieis á República pola autonomía que se lle concedeu a esta zona.
Ver tamén
Guerra civil española Revolución social española de 1936
Notas
Categoría:Guerra civil española