O corrupión de Baltimore (Icterus galbula) é unha pequena ave ictérida que vive en América do Norte, Central e do Sur.
A denominación "de Baltimore" desta ave fai referencia á semellanza das cores do macho coas do escudo de armas de Lord Baltimore do século XVIII, que tamén forman parte da bandeira de Maryland e da cidade de Baltimore. As observacións de hibridacións entre o corrupión de Baltimore e o corrupión máis occidental Icterus bullockii, fixeron que ambos fosen clasificados na mesma especie de 1973 a 1995. Investigacións feitas por James Rising, un profesor de zooloxía da Universidade de Toronto, e outros mostraron que os dous paxaros en realidade non se hibridaban significativamente.
O corrupión de Baltimore é a ave estatal do estado de Maryland nos Estados Unidos e o nome e mascota do equipo de béisbol Baltimore Orioles con sede en Baltimore.
Taxonomía esquerda|miniatura|Corrupìóns de Baltimore
O corrupión de Baltimore foi descrito formalmente en 1758 polo naturalista sueco Carl Linnaeus na décima edición da súa obra Systema Naturae co nome binomial Coracias galbula. Especificou como localidade tipo América, pero foi restrinxida a Virxinia en 1931. Linné baseou a súa descrición na "ave de Baltimore" que fora descrita e ilustrada polo naturalista inglés Mark Catesby na súa The Natural History of Carolina, Florida and the Bahama Islands que se publicou entre 1729 e 1732. O corrupión de Baltimore é agora unha das 32 especies situadas no xénero Icterus, que foi introducido en 1760 polo ornitólogo francés Mathurin Jacques Brisson. A especie é monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies.
Nos Estados Unidos, a este tipo de paxaros chámanlles "ouriolos do Novo Mundo", pola semellanza superficial cos ouriolos europeos, pero, en realidade, non están relacionados con eles. O nome do xénero Icterus procede do grego antigo ikteros, 'paxaro amarelo', que usualmente se cre se refería ao ouriolo europeo, que se pensaba que ao velo se curaba a ictericia. O termo específico galbula é a palabra latina para 'paxaro amarelo', que de novo se cre era o ouriolo europeo.
Descrición Este paseriforme de tamaño medio mide de 17 a 22 cm de lonxitude e a súa envergadura é de 23-32 cm. Ten a constitución típica dos ictéridos, xa que ten un corpo robusto, unha cola longa, patas bastante longas e un bico groso e agudo. O peso corporal é como media de 33,8 g, cun rango de pesos que vai de 22,3 a 42 g.CRC Handbook of Avian Body Masses de John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), . O macho é lixeiramente máis grande que a femia, aínda que o grao de dimorfismo é mínimo para os estándares dos ictéridos.Baltimore Oriole, Life History, All About Birds – Cornell Lab of Ornithology. Allaboutbirds.org. Consultado o 23-08-2012.ADW: Icterus galbula: INFORMATION. Animaldiversity.ummz.umich.edu. Consultado o 23-08-2012.Baltimore Orioles, Baltimore Oriole Pictures, Baltimore Oriole Facts – National Geographic. Animals.nationalgeographic.com. Consultado o 23-08-2012. Os adultos sempre teñen bandas brancas nas ás.
O macho adulto é laranxa pola parte inferior e na mancha do ombro e sobrecú, e algúns exemplares son dun laranxa moi vivo e outros son laranxas amarelados. O resto da plumaxe do macho é negra. A femia adulta é marrón amarelada no dorso con ás máis escuras, e laranxa apagado no peito e barriga. O corrupión xuvenil é de aspecto similar á femia, e os machos tardan ata o outono do seu segundo ano en ter a plumaxe adulta.
Distribución e hábitat miniatura|Femia adulta. Os corrupións de Baltimore viven no Neártico no verán, nas pradeiras canadenses e leste de Montana e cara ao leste a través do sur de Ontario, sur de Quebec e Nova Brunswick e ao sur polo leste dos Estados Unidos ata o centro de Mississippi e Alabama e norte de Xeorxia. Migran en inverno ao Neotrópico chegando ao norte de Méxco e ás veces á costa sur dos Estados Unidos, pero predominantemente a América Central e ao norte de América do Sur. Algunhas áreas do sur dos Estados Unidos poden albergar corrupións todo o inverno se teñen alimentadores para aves que lles apetezan. A distribución deste paxaro solápase coa da especie similar Icterus bullockiorum no Mediooeste, e ambas as especies eran antes consideradas unha soa porque se cría que se hibridaban. O corrupión de Baltimore é unha ave vagante rara en Europa occidental e chega á Península Ibérica.
esquerda|miniatura|Exemplar novo en Maryland, Estados Unidos
Os corrupións de Baltimore adoitan atoparse na parte alta de árbores de folla caduca grandes e frondosos, pero xeralmente non viven en bosques profundos. A especie atópase no verán e durante a migración en bosques abertos, bordos de bosques, e zonas húmidas parcialmente boscosas ou arboredos ao longo dos ríos. Son moi adaptables e poden reproducirse en diversos hábitats secundarios. En época recente, atópanse a miúdo en hortas de árbores froiteiras, terreos agrícolas, parques urbanos e paisaxes das periferias urbanas que teñan zonas con plantacións de árbores. En México, pasan o inverno nas copas floridas das árbores, a miúdo sobre plantacións de café de sombra.Rising, J., N. Flood. 1998. Baltimore Oriole: The Birds of North America, No. 384: 1–32.
De 1966 a 2015, experimentou un decrecemento de poboación maior do 1,5 % anual polas partes norte e leste da súa área de distribución. Entre outras causas, a grafiose destruíu unha significativa cantidade das súas localizacións favoritas para a nidificación: os olmos.
Comportamento Canción e chamadas
A súa canción é un conxunto curto de asubíos agradables recoñecibles que soan como "tyeu, pyeer, piidedu, e "tiir." Entre as chamadas están unha que soa "viir", que é un son nasal pouco común, unha chamada de trilo grave, e dúas chamadas agudas que soan como "tyeu-li e kliik."
A canción do macho é un asubío claro cun ton vibrante que flúe e inclúe unha secuencia breve de notas que se cantan por pares e repítense de 2 a 7 veces, durante 1 ou 2 segundos. Ás veces, durante a tempada reprodutora os machos maduros fan un "son de tamborileo" aos outros en voo facendo ruído a medida que moven as ás. Os machos cantan para proclamaren e protexeren o territorio. A femia tamén canta para comunicar, e para protexer o niño ten unha chamada distintiva que soa como un chío feroz. Tanto o macho coma a femia fan chamadas de advertencia específicas que soan como un chío pouco harmonioso durante as confrontacións combativas. Se hai outras especies de corrupións na zona que escoiten o chío, responderan ás chamadas de alerta e tratarán de axudar a defender o territorio. miniatura|Canción do corrupión de Baltimore.
Reprodución Son aves basicamente solitarias fóra da súa estación reprodutora. A especie é xeralmente considerada monógama, aínda que hai probas que suxiren que a copulación con outras femias que non son a súa parella é relativamente común. Na primavera, os machos establecen un territorio e despois exhíbense perante as femias cantando e chiando mentres choutan de póla en póla diante delas. Os machos tamén fan unha exhibición de reverencia, inclinándose coas ás baixadas e a cola en abano. As femias, dependendo da súa receptividade, poden ignorar estas exhibicións ou responden cantando e facendo chamadas ou unha exhibición facendo tremer as ás. A exhibición de facer tremer as ás consiste en inclinarse cara adiante, a miúdo coa cola parcialmente en abano, e coas ás lixeiramente baixadas facelas axitar ou tremer.
miniatura|No niño.
O niño constrúeo a femia. É como unha bolsa que parece un feixe moi entrelazado localizado ao final dunha póla, feito de plantas finas ou materiais animais dispoñibles, que colga da parte de abaixo da póla. Seleccionan normalmente árbores como os olmos, lamigueiros norteamericanos, pradairos, salgueiros ou maceiras, e colocan o niño a uns 7-9 m de altura. A femia pon de 3 a 7 ovos, sendo o normal 4. Os ovos son de grises claros a brancos azulados, e miden 2,3x1,6 cm como media. O período de incubación é de 12 a 14 días. Unha vez que as crías fan eclosión, o pai e a nai aliméntanos por regurxitación e son cubertos pola femia durante dúas semanas. Despois diso, as crías empezan a emplumar, facéndose bastante independentes pouco despois. Se os ovos, as crías ou o niño son destruídos, o corrupión pode facer unha nova posta de ovos.
Mortalidade
A predación dos adultos é unha causa común de mortalidade, e tamén poden ser depredados os ovos, crías e aves novas. Os predadores máis comúns para os niños do corrupión de Baltimore son o paxaro ictérido Quiscalus quiscula, o corvo Corvus brachyrhynchos, o gaio azul Cyanocitta cristata, a pega Pica hudsonia, os esquíos e os gatos domésticos, que capturan principalmente as aves novas emplumadas ou os adultos que están chocando os ovos. As aves rapaces depredan normalmente tanto exemplares novos coma adultos, e as máis frecuentes son o moucho Megascops asio e os falcóns Astur cooperii e Accipiter striatus. Aves rapaces algo maiores tamén poden ocasionalmente depredalos, como o falcón peregrino, o bufo Bubo virginianus e a curuxa Tyto furcata, mentres que o esmerillón pode facelo cando os corrupións están migrando.Bent, A. C. 1958. Life histories of North American blackbirds, orioles, tanagers, and allies. U.S. Natl. Mus. Bull. 211.Schaefer, V. H. 1976. Geographic variation in the placement and structure of oriole nests. Condor 78:1976.
O corrupión de Baltimore máis vello rexistrado viviu 11 anos e 7 meses na natureza salvaxe. En catividade hai exemplares que viviron 14 anos.
Alimentación miniatura|Macho adulto. miniatura|Macho adulto comendo. Buscan alimento en árbores e arbustos, facendo tamén voos curtos para capturaren insectos. Gabean, deambulan e cólganse entre a follaxe a media que rexistran as pólas altas. Comen maiormente insectos, bagas e néctar, e a miúdo vense zugando en alimentadores para colibrís. A súa presa favorita é quizais a avelaíña Malacosoma disstria, que comen normalmente no seu estado larval, e que podería ser unha especie molesta se a súa poboación non estivese regulada naturalemnte pola predación. Antes de comer as eirugas, golpéanas contra unha póla ata que lle caian os seus pelos protectores. Tamén comen escaravellos, saltóns, vespas, hemípteros e arañas. O consumo que fan os corrupións de Baltimore de eirugas de M. disstria, no estadio larval enn que estas causan máis danos a plantas e árbores, xoga un importante papel no ecosistema.
A diferenza dos Turdus migratorius e moitos outros paxaros comedores de froita, os corrupións de Baltimore parecen preferir só froitas maduras de cores escuras, de tal xeito que buscan as amoras máis escuras, as cereixas máis vermellas e as uvas máis púrpuras, e ignoran as uvas verdes e cereixas amarelas mesmo se están maduras. Ás veces usan o bico da seguinte maneira: cravan o bico pechado nos froitos moles e despois ábreno para lamber o zume coa lingua. Durante a primavera e outono, o néctar, froitas e outros alimentos azucrados son rapidamente convertidas en graxas, que fornecerán a enerxía que precisan para a migración. Moitas persoas atraen os corrupións de Baltimore aos seus patios e xardíns con alimentadores para corrupións. Moitos conteñen esencialmente o mesmo alimento que os alimentadores para colibrís, pero están deseñados para os corrupións, son de cor laranxa en troques de vermello, e teñen perchas para pousarse máis grandes. Aos corrupións de Baltimore tamén lles gustan as metades de laranxa, marmelada de uva, e nos seus cuarteis de inverno, os arilos vermellos de Bursera simaruba. Se descobren un alimentador en bo estado, traen as súas crías alí.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Rising, J. D., and N. J. Flood 1998. Baltimore Oriole (Icterus galbula). In The Birds of North America, No. 384 (A. Poole and F. Gill, eds.). The Birds of North America, Inc., Philadelphia, PA.
Teses